Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 29 de maio de 2020 Páx. 21644

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 25 de maio de 2020 pola que se establece a ordenación da Ruta dos Xardíns da Camelia e se crea o Comité Camelia Galicia (código de procedemento TU401B).

De conformidade co disposto no artigo 27.21 do Estatuto de autonomía, a Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia en materia de promoción e ordenación do turismo no seu ámbito territorial.

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, define no seu artigo 21 os recursos e produtos turísticos, dispoñendo que:

«1. Son recursos turísticos todos os bens materiais e inmateriais e as manifestacións da realidade física, social, histórica e cultural de Galicia que poidan xerar ou incrementar de xeito directo ou indirecto os fluxos turísticos tanto do interior como do exterior da nosa comunidade, propiciando repercusións económicas favorables.

2. Son produtos turísticos todos os bens, servizos ou actividades susceptibles de comercialización mediante contraprestación económica que teñen por finalidade satisfacer a demanda das persoas usuarias turísticas.

3. Por orde da persoa titular da consellería competente en materia de turismo poderán establecerse as características e os requisitos daqueles recursos ou produtos turísticos de interese para a Comunidade Autónoma».

Esta orde ten por obxecto regular a Ruta dos Xardíns da Camelia e crear o Comité Camelia Galicia como o seu órgano regulador, así como determinar a súa composición, organización e funcionamento.

Galicia posúe unha serie de recursos e produtos turísticos únicos que xogan un papel importante na súa imaxe turística, entre os que se atopa a flor da camelia.

As camelias chegaron a Galicia a finais do século XVIII procedentes de países como China e Xapón. Nun principio instaláronse nos xardíns dos pazos e casas señoriais de la nobreza galega, pero co tempo acabaron por introducirse en xardíns e predios de toda a nosa xeografía ata converter Galicia nun referente internacional no cultivo e produción desta planta, chegando na actualidade a atesourar case 2.500 cultivares diferentes de camelia. Galicia é, ademais, o único destino en Europa con tanta variedade de camelias e con tanta tradición en coleccionismo, onde viven algunhas das camelias máis antigas de España e máis lonxevas de Europa.

Coa finalidade de promocionar a cultura relativa ao cultivo, coidado e coñecemento da camelia deseñouse un circuíto de xardíns, todos eles de grande interese turístico, histórico e artístico, que son os que polo momento forman a Ruta dos Xardíns da Camelia: Pazo-Museo Quiñones de León, Parque do Castro (Vigo), Castelo de Soutomaior, Pazo da Saleta, Pazo de Quinteiro da Cruz, Pazo de Rubiáns, Casa-Museo de Rosalía de Castro, Pazo de Oca, Pazo de Mariñán, Alameda de Santiago de Compostela, Pazo de Santa Cruz de Rivadulla e Pazo de Lourizán. Neles atópase a maior colección e variedade de camelias de Europa, o que converte a dita ruta nun recurso turístico especialmente relevante, ao ser o único exemplo existente no noso continente.

Na ruta intégranse ademais outros recursos turísticos identitarios de Galicia: o seu patrimonio arquitectónico e cultural e a súa oferta gastronómica e enogastronómica.

O éxito deste recurso turístico, capaz incluso de desestacionalizar a demanda debido ao período de floración da camelia (de decembro a abril), fai necesario dotalo dunha regulación normativa, non só co fin de darlle a debida protección xurídica, senón tamén para establecer unhas bases e condicións mínimas de cara a incorporar na ruta novos xardíns, á parte dos xa existentes, dado os niveis de calidade que é preciso esixir para garantir a excelencia requirida por este recurso turístico.

Esta norma someteuse ao preceptivo informe do Consello do Turismo de Galicia, así como á consulta das organizacións máis representativas do sector.

Na súa virtude, e de acordo co Consello Consultivo,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto regular a Ruta dos Xardíns da Camelia, así como o procedemento de incorporación, modificación e baixa dos xardíns á referida ruta (código de procedemento TU401B).

2. Así mesmo, en virtude da presente orde créase o Comité Camelia Galicia como órgano regulador da ruta e regúlase a súa composición, organización e funcionamento.

Artigo 2. Concepto

A Ruta dos Xardíns da Camelia constitúe un recurso de interese turístico de Galicia, construído arredor de xardíns de titularidade pública ou privada no espazo xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia, ben establecidos e con estrutura de xestión permanente, que permite o coñecemento e goce das mellores coleccións de camelia do mundo, nunha contorna privilexiada e acompañada dun patrimonio histórico artístico e natural de enorme beleza.

A camelia deberá ter unha especial relevancia nos xardíns, integrándose nun espazo natural coidado e harmonioso, cuxa beleza suscite admiración, e sexa capaz de establecer vínculos sensoriais que inviten á contemplación e atraian visitantes.

Artigo 3. Distintivos

1. En todos os xardíns que formen parte da Ruta dos Xardíns da Camelia será obrigatoria a exhibición, ao pé da entrada principal, dunha placa normalizada, nun lugar ben visible para as persoas visitantes, segundo o modelo previsto no anexo I.

2.Tamén estarán estarán obrigados a incorporar o logotipo oficial da Ruta dos Xardíns da Camelia en todos os seus soportes promocionais relacionados con esta.

CAPÍTULO II

Ruta dos Xardíns da Camelia

Artigo 4. Requisitos de acceso

1. Para integrarse á Ruta dos Xardíns da Camelia os xardíns terán que reunir os seguintes requisitos:

a) Contar con propiedade e estrutura estables e permanentes.

b) Estar regularmente abertos ao público con horarios de apertura estables e permanentes.

c) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil e, no caso de desenvolver algunha actividade económica, esta deberá cumprir coa normativa que resulte aplicable, dispoñendo da autorización preceptiva, se é preciso, ou presentación da correspondente declaración responsable ou comunicación previa.

d) O xardín pode non estar dedicado por completo ás camelias pero estas deben ocupar un lugar destacado, de fácil acceso e mantidas de maneira adecuada. Requírese, en calquera caso, unha cantidade mínima de 200 cultivares ou especies. Excepcionalmente, aqueles xardíns que estean vinculados a un recurso público histórico, artístico ou cultural de gran relevancia poderán ser dispensados do requisito de contar con 200 cultivares ou especies de camelia.

e) Responder a uns criterios de ordenación, estética e paisaxística equilibrados e harmoniosos coa contorna. Quedarán excluídos aqueles xardíns que presenten elementos e estruturas non acordes coa contorna natural e patrimonio arquitectónico histórico e popular de Galicia.

f) Manter un rexistro de todas as clases de camelias e especies botánicas relevantes.

g) Dispoñer dun plano de localización incluíndo as rutas recomendadas para a súa visita.

h) Os exemplares de camelia e árbores máis destacadas deberán estar perfectamente identificadas e etiquetadas de forma facilmente visible para as persoas visitantes.

i) Dispoñer dos servizos mínimos de atención e acollida ás persoas visitantes: aseos, zonas de aparcadoiro sinalizadas e espazo de recepción protexido.

2. Tamén poderán integrarse na Ruta dos Xardíns da Camelia, en calidade de recurso turístico asociado, logo de solicitude do seu titular e segundo o modelo do anexo II, aqueles xardíns que, non cumprindo os requisitos necesarios para formaren parte da Ruta dos Xardíns da Camelia, estean ligados a un recurso turístico, sempre e cando respondan a uns criterios de ordenación, estética e paisaxística equilibrados e harmoniosos coa paisaxe, como os que se describen a continuación: establecemento de turismo rural, patrimonio histórico ou arquitectura tradicional galega, pazo-adega, pazo, parador de turismo, mosteiro, museo e establecementos de aloxamento ou de restauración situados en edificios senlleiros. Para pertencer a esta categoría será preciso dispor dun número mínimo de seis árbores de camelia ou ben dun só exemplar de características especiais e singulares.

Artigo 5. Incorporación á Ruta dos Xardíns da Camelia

1. Todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que desexen incorporar os xardíns dos que son propietarios á Ruta dos Xardíns da Camelia deberán presentar unha solicitude ante a Axencia Turismo de Galicia, a través do modelo normalizado que figura como anexo II.

2. Quedarán excluídos os edificios e os xardíns con elementos e estruturas non acordes coa contorna natural e o patrimonio arquitectónico histórico e popular de Galicia.

3. En canto ao procedemento terá que aterse ao previsto no artigo 6.

4. Aos xardíns e recursos turísticos asociados á Ruta dos Xardíns da Camelia daráselles publicidade na páxina web de Turismo de Galicia.

Artigo 6. Procedemento para a incorporación á Ruta dos Xardíns da Camelia e documentación complementaria

1. As persoas interesadas poderán solicitar a incorporación á Ruta dos Xardíns da Camelia dos xardíns dos que sexan propietarias mediante a presentación do formulario que figura como anexo II desta orde.

As solicitudes poderán presentarse a partir dos tres meses seguintes á entrada en vigor da presente orde.

2. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Poder bastante que acredite a representación do apoderado, se é o caso.

De corresponder a titularidade do xardín a unha persoa xurídica, documento público acreditativo da súa constitución e facultades da persoa representante, de non se deducir claramente do documento da súa constitución.

b) Documentación acreditativa da propiedade dos terreos sobre os que se proxecta o xardín.

c) Plan de emerxencias e evacuación.

d) Documentación que acredite a subscrición dun seguro de responsabilidade civil segundo o previsto nesta orde.

e) Memoria descritiva que recolla os seguintes aspectos:

1) Patrimonio botánico do xardín (especies arbóreas, variedades de camelias).

2) Patrimonio arquitectónico.

3) Proposta de itinerario ou percorrido polo xardín, especificando a duración da visita.

4) Instalacións ou recursos turísticos complementarios (tenda, adega ou calquera outro).

5) Reportaxe fotográfica do xardín e do patrimonio arquitectónico.

3. Unha vez recibida a solicitude, a Axencia Turismo de Galicia trasladaraa ao Comité Camelia Galicia, para proceder á verificación dos recursos detallados na memoria e realizar a correspondente comprobación sobre a idoneidade e calidade do xardín para a súa incorporación á Ruta dos Xardíns da Camelia.

4. O Comité Camelia Galicia informará sobre o cumprimento polo xardín dos requisitos establecidos no artigo 4. O comité, se é o caso, poderá indicar no informe os cambios ou melloras que considere necesario realizar no xardín aos efectos de que poida incorporarse á ruta, sinalando un prazo para a súa realización. O período para acometer os cambios requiridos establecerase en función da complexidade dos traballos que sexan precisos levar a cabo para incorporar as melloras pertinentes. En todo caso, a acreditación do xardín como recurso apto para formar parte da ruta non terá lugar ata que non se leven a cabo os cambios ou melloras indicadas.

Así mesmo, o informe desfavorable poderá realizar recomendacións sobre aqueles puntos que deben modificarse para os efectos da inclusión do xardín na ruta.

5. Unha vez emitido informe polo comité, e no caso de que este sexa desfavorable ou indique melloras ou cambios que deban realizarse para a súa inclusión, a Dirección de Promoción da Axencia Turismo de Galicia comunicará o informe ao solicitante, concedéndolle audiencia por prazo de dez días hábiles para que poida formular as alegacións ou presentar a documentación que estime oportuna.

6. Transcorrido o trámite de audiencia, ou no caso de que o informe do comité sexa favorable, a persoa titular da Dirección de Promoción da Axencia Turismo de Galicia emitirá proposta de resolución, que se elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución.

7. O prazo para instruír e resolver o expediente será de cinco meses contados desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se produza a notificación da resolución expresa, a persoa interesada poderá entender estimada a súa solicitude.

8. A resolución notificarase ao solicitante de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, que se aplicará en todo aquilo non previsto por esta orde.

Artigo 7. Forma de presentación das solicitudes e documentación complementaria

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que figura no anexo II. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

En aplicación do disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dado o obxecto da solicitude, debe presumirse acreditado que as persoas destinatarias desta disposición teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios para relacionarse coa Administración por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través de medios electrónicos; considerarase para todos os efectos como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Procedemento para a revisión, modificación de datos e baixa na Ruta dos Xardíns da Camelia

1. Os xardíns que se incorporen á ruta deberán manter as condicións ou requisitos esixidos na presente orde para a súa incorporación. O comité será o órgano encargado da supervisión dos xardíns incorporados e do mantemento das condicións ou requisitos que se esixen para a súa incorporación. Para estes efectos informarán cada seis anos do mantemento das condicións ou requisitos.

Os informes remitiranse á Dirección da Axencia Turismo de Galicia, que resolverá sobre a permanencia do xardín na ruta, logo de audiencia á persoa interesada.

2. As persoas titulares dos xardíns ou recursos turísticos asociados que estean incorporados á Ruta dos Xardíns da Camelia poderán modificar, en calquera momento, os datos con respecto aos indicados na súa solicitude de incorporación a través do formulario previsto no anexo II. A solicitude deberá ir acompañada dunha memoria descritiva que recolla as modificacións efectuadas.

O Comité Galicia Camelia será o encargado de verificar a realización das ditas modificacións, logo de audiencia á persoa interesada e segundo o procedemento regulado no artigo 6.

3. Calquera persoa física ou xurídica poderá solicitar a baixa da Ruta dos Xardíns da Camelia dos xardíns dos que sexa propietario mediante a presentación do formulario que figura como anexo II desta orde.

CAPÍTULO III

Comité Camelia Galicia

Artigo 11. Comité Camelia Galicia

1. O Comité Camelia Galicia, adscrito á consellería competente en materia de turismo, é o órgano colexiado de coordinación, apoio e comunicación da Ruta dos Xardíns da Camelia.

2. En todo o non regulado nesta orde será de aplicación o establecido na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Os obxectivos do Comité Camelia Galicia son:

a) Dar a coñecer a cultura da camelia de Galicia tanto a nivel nacional como internacional.

b) Situar a Galicia como destino de referencia dentro do Turismo de Xardíns.

c) Prestixiar a imaxe de marca turística de Galicia a través da flor da camelia.

d) Revalorizar a figura do xardín galego como acento de identidade cultural e natureza propia de Galicia.

e) Consolidar o produto «Turismo de Xardíns» en Galicia como elemento diferenciador do destino e ao mesmo tempo produto desestacionalizador dentro da oferta turística da Comunidade.

f) Fomentar a integración da Ruta dos Xardíns da Camelia con outros recursos tanto turísticos como industriais de Galicia («Galicia Viños e Camelias»).

g) Utilizar o «Turismo de xardíns» en Galicia como produto turístico que axude á sustentabilidade do patrimonio.

h) Potenciar a calidade turística de Galicia a través dos xardíns da camelia.

i) Fomentar o respecto e coidado á natureza entre as novas xeracións a través da ruta dos xardíns da camelia: cultura botánica, de xardíns e ou paisaxismo.

j) Potenciar a creación e desenvolvemento de produtos relacionados coa camelia xerando un motor de dinamización económica e industrial para Galicia.

k) Establecer contactos e relacións con outros destinos do mundo con potenciais similares no turismo de xardíns e natureza.

l) Establecer colaboracións con profesionais e institucións que desenvolvan a súa actividade dentro do sector do paisaxismo e o turismo de xardíns.

m) Establecer relacións con outros sectores da industria a nivel nacional que colaboren na potenciación da imaxe de Galicia a través da flor da camelia: moda, xoiería, cosmética, decoración e arquitectura.

n) Establecer relacións con outros sectores da cultura e da educación a nivel nacional que colaboren na potenciación da imaxe de Galicia a través da flor da camelia.

ñ) Reforzar a presenza dos Xardíns da Camelia nos medios de comunicación locais, rexionais e nacionais.

o) Fomentar o cultivo da camelia para a obtención de té, aceite e o seu uso en cosmética e restauración.

Artigo 12. Funcións do Comité Camelia Galicia

Para a consecución dos seus obxectivos, o comité terá as seguintes funcións:

a) Informar sobre as solicitudes de incorporación dos xardíns á Ruta dos Xardíns da Camelia e supervisar o mantemento das condicións ou requisitos necesarios para o acceso.

b) Informar sobre a incorporación dos recursos turísticos que soliciten a súa integración como recurso asociado na Ruta dos Xardíns da Camelia e supervisar o mantemento das condicións ou requisitos que permitiron a súa incorporación.

c) A designación e creación dos grupos de traballo para asegurar o cumprimento das responsabilidades e obrigas do comité.

d) Procurar os fondos necesarios para realizar as diferentes accións que deban desenvolverse polo comité.

e) Elaborar un plan de actuación anual.

f) Supervisar, vixiar e trasladar calquera actuación que poida prexudicar ou poñer en perigo a imaxe da Ruta dos Xardíns da Camelia.

Artigo 13. Composición do Comité Camelia Galicia

1. O comité terá a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da consellería con competencias en materia de turismo.

– Vicepresidencia: a persoa titular da dirección da entidade pública instrumental con competencias en materia de turismo.

– Vogalías:

1º. Unha persoa en representación da entidade pública instrumental con competencias en materia de turismo.

2º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de patrimonio natural.

3º. Unha persoa en representación da Deputación de Pontevedra.

4º. Unha persoa da Asociación Española da Camelia.

5º. Unha persoa en representación da Deputación da Coruña.

6º. Unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

7º. Unha persoa experta en xardíns de pazos.

8º. Unha persoa en representación do sector da arquitectura pertencente á Escola Galega da Paisaxe.

9º. Unha persoa en representación do Clúster Turismo de Galicia.

10º. Unha persoa en representación das asociacións de empresarios produtores de camelia.

11º. Unha persoa en representación dos xardíns declarados de «Excelencia Internacional» pola Internacional Camellia Society.

12º. Unha persoa en representación das persoas propietarias de casas e xardíns históricos galegos.

13º. Unha persoa en representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

2. Realizará as funcións propias da secretaría do comité unha persoa integrante do cadro de persoal da entidade pública instrumental con competencias en materia de turismo.

3. As persoas que compoñen o comité serán nomeadas e cesadas pola persoa titular da dirección da entidade pública instrumental con competencias en materia de turismo, por proposta das diferentes organizacións e entidades representadas. O seu cargo terá unha duración de 4 anos e será posible a súa reelección.

4. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, as persoas titulares das vicepresidencias e das vogalías serán substituídas polas persoas suplentes que designe para o efecto o ente ou sector ao que estean representando.

A persoa que realice as funcións de secretaría será substituída pola persoa suplente que designe a persoa titular da presidencia do comité por proposta da Axencia Turismo de Galicia.

5. Na composición do comité procurarase conseguir unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 14. Presidencia

Son funcións da Presidencia do comité:

a) Desempeñar a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias do comité, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Fixar a orde do día das sesións.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos do comité.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.

Artigo 15. Vicepresidencia

Corresponde á persoa que exerza a vicepresidencia:

a) Substituír a persoa que exerce a presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro do comité, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola presidencia.

d) Asistir a presidencia nas correspondentes sesións do comité.

Artigo 16. Vogalías

Corresponde ás persoas que exercen as vogalías:

a) Recibir a convocatoria das sesións do comité cunha antelación mínima de corenta e oito horas, que conterá a orde do día daquela.

b) Asistir ás reunións e participar nos debates e formular as propostas que consideren pertinentes.

c) Exercer o seu dereito ao voto, formular o seu voto particular, así como formular rogos e preguntas e propoñer á Presidencia, a través da Secretaría do comité, a inclusión de asuntos na orde do día.

d) Solicitar e obter, mediante petición dirixida á Secretaría do comité, a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas ao comité.

e) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 17. Secretaría

Son funcións da persoa titular da Secretaría do comité:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da persoa que exerza a Presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Actuar como canle de comunicación do órgano cos membros deste.

d) Preparar o despacho dos asuntos e levantar acta das sesións do pleno.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría do comité.

Artigo 18. Mandato

1. Os membros do comité manterán a condición de membro por razón da representación que teñan do ente ou sector ao que pertenzan.

2. Os servizos que presten os membros do comité non xerarán dereitos laborais nin económicos para ningún dos seus membros, que non percibirán ningunha indemnización pola asistencia ás sesións do dito órgano.

Artigo 19. Funcionamento do comité

1. O Comité Camelia Galicia funcionará en pleno ese é o caso, en grupos de traballo creados polo pleno, para garantir axilidade no exercicio das súas funcións. No caso de que o pleno cree grupos de traballo, estes rexeranse polas normas establecidas para o pleno nesta orde, así como por aquelas que se establezan no seu regulamento interno, e en todo o que non estea expresamente previsto aplicarase a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. O pleno estará constituído por todos os seus membros e terá as funcións propias do comité establecidas no artigo 13, sen prexuízo da súa posible delegación nos grupos de traballo que, se é o caso, se creen.

3. O pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran a persoa titular da presidencia e a persoa titular da secretaría ou, se é o caso, daqueles que os substitúan, e a metade, polo menos, dos seus membros. En segunda convocatoria, quedará validamente constituído cando concorran a persoa titular da presidencia e a persoa titular da secretaría, ou quen os substitúan, e a terceira parte, polo menos, dos seus membros.

A sesión constitutiva do comité deberá ter lugar dentro dos tres meses seguintes á entrada en vigor do presente decreto.

4. O pleno reunirase de xeito ordinario polo menos dúas veces ao ano. De xeito extraordinario reunirase por iniciativa da persoa titular da presidencia cando esta o considere oportuno ou por petición de, polo menos, unha cuarta parte dos seus membros.

5. Cando estiveren reunidos, de maneira presencial ou a distancia, o secretario e todos os membros do órgano colexiado ou, se for o caso, as persoas que os suplan, poderanse constituír validamente como órgano colexiado para a celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos sen necesidade de convocatoria previa, cando así o decidan todos os seus membros.

6. A convocatoria das reunións será notificada a todos os membros polo menos con catro días de antelación á súa celebración no caso de sesións ordinarias. No caso das sesións extraordinarias, poderase notificar a convocatoria con corenta e oito horas de antelación. Á convocatoria xuntarase a orde do día dos temas que se vaian tratar e a documentación necesaria que a acompañe.

7. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todas as persoas que integran o comité e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

8. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. A persoa que exerza a presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

9. Ademais dos seus membros, poderán asistir ás sesións do pleno ou dos grupos de traballo que se creen, logo de invitación da persoa que exerza a Presidencia, e con voz pero sen voto, persoas de recoñecida competencia profesional ou representantes de entidades cuxa actividade teña relación cos asuntos que se vaian tratar, cando a natureza destes o requira.

10. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse á persoa que ocupe a secretaría do comité para que lle sexa expedida unha certificación dos seus acordos.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán solicitar do responsable do tratamento o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento no caso de que o tratamento estea baseado no artigo 6.1.a) ou no artigo 9.2.a) do Regulamento 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional terceira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución

Facúltase a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file

ANEXO I

missing image file
missing image file