Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Mércores, 27 de maio de 2020 Páx. 21320

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica parcialmente a Resolución do 3 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020, afectada polas consecuencias do estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria causada polo COVID-19.

No Diario Oficial de Galicia número 134, do 16 de xullo de 2019 publicouse a Resolución do 3 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para os anos 2019 e 2020 (código de procedemento SI451A). E no DOG número 205, do 28 de outubro de 2019 publicouse a Resolución do 15 de outubro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da citada resolución.

Durante a execución das accións con cargo á antedita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49-Bis, do 12 de marzo de 2020). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo de 2020) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo de 2020).

Durante a vixencia do estado de alarma as entidades adaptaron o desenvolvemento das actuacións previstas na Resolución do 3 de xullo de 2019, levando a cabo accións a través de modalidades telemáticas e a impartición das actividades formativas a través de modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, para continuar no posible o programa e a atención ás participantes deste; igualmente seguíronse outorgando ás participantes nos programas, bolsas para fomentar a súa continuidade na participación nestes.

Agora ben, dada a especial vinculación que o desenvolvemento das accións previstas na Resolución do 3 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción socio-laboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, ten co mercado laboral e coa actividade de empresas e servizos, afectados gravemente pola declaración do estado de alarma pola epidemia do COVID-19 que obrigou a pechar ou deixar temporalmente en suspenso esa actividade, é evidente a dificultade e/ou imposibilidade de poder desenvolver moitas das accións previstas na Resolución do 3 de xullo, así como a imposibilidade de cumprir os compromisos de inserción, contratación e de realización de prácticas en empresas.

As propias entidades beneficiarias das subvencións previstas na Resolución do 3 de xullo de 2019 puxeron de manifesto as graves dificultades ante as que se atopan para o cumprimento dos obxectivos fixados.

Por todo o exposto, e par o interese xeral, estímase necesario e conveniente ampliar o prazo de execución e xustificación das accións previstas na Resolución do 3 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción socio-laboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto ás referidas ao segundo período de execución, comprendido entre o 1 de decembro de 2019 e o 30 de xuño de 2020, así como modificar tamén o artigo 25 da citada resolución.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,modificado polo Decreto 138/2019, do 24 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Ampliar, de forma extraordinaria pola situación derivada del COVID-19 ata o 15 de outubro de 2020, o prazo de execución do segundo período de execución previsto no artigo 23.4 da Resolución do 3 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, comprendido inicialmente entre o 1 de decembro de 2019 e o 30 de xuño de 2020.

Artigo 2

Ampliar, de forma extraordinaria pola situación derivada del COVID-19 ata o 31 de outubro de 2020 a data límite para a presentación da documentación xustificativa prevista no artigo 23.4 da Resolución do 3 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, fixada inicialmente ata o 15 de xullo de 2020.

Artigo 3

Modificar o artigo 25, de forma extraordinaria pola situación derivada del COVID-19, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. A subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado dedicado ao programa e tidas en conta na asignación da subvención. Tamén procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas. Igualmente procederá a minoración proporcional cando o número de participantes atendidas con un número mínimo de seis intervencións presenciais sexa inferior ás que correspondan segundo as horas efectivamente xustificadas.

No caso de que a subvención fose concedida para a realización de programas dirixidos na súa totalidade a mulleres que ademais da condición de vítima de violencia de xénero, acrediten unha situación de discapacidade ou de persoa inmigrante, só se computarán como participantes aquelas mulleres que acrediten a referida situación, procedendo á minoración proporcional segundo o indicado no parágrafo anterior, de ser o caso.

5. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida , o incumprimento das obrigas recollidas nos artigos 22.3 e 22.4 desta resolución.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

7. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2020

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade