Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 25 de maio de 2020 Páx. 21141

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de abril de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos e a implantación de domótica enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2020 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

BDNS (Identif.): 506493.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas que realicen algunha das actuacións establecidas no artigo 3 nunha vivenda sita na Comunidade Autónoma de Galicia. Para ser beneficiaria terá que tramitar a súa solicitude a través dalgunha das entidades colaboradoras adheridas que figuren na lista que se publique na páxina web do Inega, www.inega.gal.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos e a implantación de domótica enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan galego de eficiencia enerxética nas familias (código de procedemento IN414C), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN414B), recollidas como anexo I desta resolución, e proceder á convocatoria para a anualidade 2020.

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (anexos II e III).

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020, que se xuntan a esta resolución como anexos IV a VI.

4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas do Plan galego de eficiencia enerxética nas familias, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2020, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións destinadas a renovación de electrodomésticos e a instalación de domótica enerxética.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 28 de abril de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos e a implantación de domótica enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2020 (códigos de procedemento IN414B e IN414C).

Cuarto. Contía

1. A dotación máxima para financiar esta convocatoria é de 1.752.000 €, que se distribuirá do seguinte xeito:

Tipo de actuación

Aplicación orzamentaria

Orzamento (€)

Actuación 1: Plan Renove de electrodomésticos

09.A2.733A.780.7

1.350.000,00

Actuación 2: domótica enerxética

09.A2.733A.780.9

400.000,00

O 40 % do crédito da actuación 1 estará reservado para beneficiarios que teñan a condición de consumidores vulnerables ou vulnerables severos.

2. Actuación 1: electrodomésticos subvencionables.

Na seguinte táboa establécese a axuda máxima por electrodoméstico en función da súa tipoloxía. Un beneficiario só poderá recibir axuda pola substitución dun único electrodoméstico de cada unha das tipoloxías de equipamentos incluídos e cun máximo de dous electrodomésticos por beneficiario.

Electrodomésticos subvencionables

Axuda máxima (€/electrodoméstico)

Consumidor

xeral

Consumidor vulnerable

Consumidor vulnerable severo

Frigorífico e frigorífico-conxelador con clasificación enerxética A+++

150

300

450

Conxelador con clasificación enerxética A+++

Lavadora A+++

100

200

300

Lavalouza A+++

Placa de indución total

100

200

300

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25 % do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, do 50 % para consumidores vulnerables e do 75 % para consumidores vulnerables severos.

3. Actuación 2: instalacións domóticas enerxéticas.

Na seguinte táboa establecese a axuda máxima por instalación domótica en función da súa tipoloxía. Un beneficiario só poderá recibir axuda de domótica enerxética para unha vivenda.

Actuación 2: instalacións domóticas subvencionados

Axuda máxima
(€/equipamento)

Monitorización térmica da vivenda (sensores de humidade, temperatura, CO2 e/ou radon e termóstatos comunicados cun equipo centralizado)

500

Monitorización eléctrica da vivenda (medidores de consumo, racionalizadores de potencia, actuadores para a programación de acendidos e fotocélulas comunicados cun equipo centralizado)

500

A cantidade da subvención non poderá ser superior ao 50 % do prezo da instalación, porcentaxe que sobe ata o 65 % para consumidores vulnerables e ata o 80 % para consumidores vulnerables severos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas serán presentadas polas entidades colaboradoras segundo o modelo de formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade colaboradora presenta a solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 30 de xullo de 2020, e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

4. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de xullo de 2020 ás 9.00 para a actuación 1 e o día o 2 de xullo de 2020 ás 9.00 horas para a actuación 2, e rematará o 30 de setembro de 2020 ou cando se esgoten os fondos.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia