Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 20 de maio de 2020 Páx. 20825

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 14 de maio de 2020 pola que se abre o prazo para que o persoal docente solicite comisión de servizos por motivos de saúde, en atención á situación de conciliación da vida familiar e laboral, e o persoal docente interino e substituto solicite non participar na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21.

A Orde do 15 de abril de 2019 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral (código de procedemento ED010A), e a Orde do 28 de febreiro de 2020 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoal interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros dependentes desta consellería en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (código de procedemento ED010B), establecen que o prazo de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.

No artigo 39 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente (código de procedemento ED002B) establécese un prazo entre o 15 e o 31 de maio para que o persoal docente interino e substituto solicite a non participación na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais.

A resolución do concurso xeral de traslados publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8 de maio de 2020.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A suspensión dos prazos administrativos, determinada na disposición adicional terceira do mencionado real decreto e as sucesivas prórrogas do estado de alarma impediron que se iniciase o prazo para formalizar as solicitudes correspondentes. No punto 4 da mesma disposición adicional establécese a posibilidade de que as entidades do sector público acorden motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Para organizar o próximo curso académico 2020/21, é necesario abrir os prazos de solicitude das comisións de servizo por motivos saúde e de conciliación da vida familiar e laboral, e o prazo para que o persoal interino e substituto poida pedir non participar na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ACORDA:

Artigo 1. Prazo de solicitude das comisións de servizo en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde e en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral

O prazo de solicitude das comisións de servizo en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde e en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, reguladas na Orde do 28 de febreiro de 2020 (código de procedemento ED010B) e na Orde do 15 de abril de 2020 (código de procedemento ED010A), respectivamente, será o comprendido entre o 25 de maio de 2020 e o 5 de xuño de 2020.

Artigo 2. Prazo de solicitude de non participar na adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21

O prazo para que o persoal interino e substituto docente solicite non participar na convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2020/21, regulado no artigo 39 da Orde do 7 de xuño de 2018 (código de procedemento ED002B), será o comprendido entre o 25 de maio de 2020 e o 12 de xuño de 2020.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional