Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20606

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación da tramitación do procedemento e do prazo de presentación de solicitudes establecidos na Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento ED431H e ED431I).

Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e ante a recente declaración da Organización Mundial da Saúde (OMS) como pandemia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, mediante a Orde do 13 de marzo de 2020, suspendeu a tramitación e o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria de axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Así mesmo, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante a cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, interrompeuse o prazo para a tramitación desta convocatoria.

O Acordo do Consello da Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se aprobaron e publicaron as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se ditou resolución de concesión no dito momento.

O Consello da Xunta, o 8 de maio de 2020, autorizou a reanudación da tramitación dos procedementos relativos á concesión das axudas para a contratación de investigadores de prestixio por parte das universidades do Sistema universitario de Galicia.

En consecuencia, e no uso das atribucións que teño conferidas,

ACORDO:

Artigo único

Acordar a continuación da tramitación dos procedementos de concesión de subvencións regulados na Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento ED431H e ED431I), e o prazo de presentación de solicitudes, que finalizaba o 23 de marzo e que quedou interrompido pola Orde do 13 de marzo de 2020 e pola declaración do estado de alarma, polo que se reabre o prazo de solicitudes durante os restantes 11 días naturais que contarán desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Esta resolución poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ou a persoa titular da Presidencia da Gain, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional