Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 19 de maio de 2020 Páx. 20700

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se dá publicidade da parte dispositiva da Sentenza 708/2016, do 30 de novembro de 2016, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, foi declarado, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional polo Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé a posibilidade de que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 27 de abril de 2020, publicada no DOG nº 84, do 4 de maio de 2020, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o procedemento de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3.a) do anexo da citada orde.

Para xeral coñecemento, de conformidade co disposto nos artigos 72 e 104 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, faise público que a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con data do 30 de novembro de 2016, pronunciou a Sentenza 708/2016, ditada no procedemento ordinario nº 4244/2014, interposto por Eduardo Ramón Rodríguez Basanta e outros, en relación coa Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 31 de marzo de 2014, de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Burela sentenza que na súa parte dispositiva literalmente di:

«Por todo o exposto, en nome do Rei, pola autoridade que lle confire a Constitución, esta sala decidiu:

Estimar parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto pola procuradora Amalia Mosquera Herrero en nome e representación de Eduardo Ramón Rodríguez Basanta e outros, en relación coa Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 31 de marzo de 2014, de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Burela. Declarar que a inclusión no catálogo dos inmobles dos recorrentes a que se refire o parágrafo segundo do fundamento xurídico terceiro desta sentenza non é conforme dereito. Anular esta inclusión.

Non impor as custas».

A citada sentenza foi declarada firme.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2020

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo
P.S. (Resolución do 30.4.2020)
Eduardo Sobrino Rodríguez
Subdirector xeral de Urbanismo