Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 15 de maio de 2020 Páx. 20290

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2020 pola que se acorda a continuación da tramitación do procedemento para a convocatoria, para o ano 2020, das axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia e, en consecuencia, proceder á aprobación das bases reguladoras e á consecuente publicidade da convocatoria (código de procedemento IN501A).

I. O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse no BOE número 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

IV. En consecuencia, de acordo co establecido no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a continuación dos procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do dito real decreto, e que actualmente se atopan suspendidos, os órganos en cada caso competentes deben adoptar unha decisión motivada que permita, se é o caso, o ditado da correspondente resolución de adxudicación do contrato ou de concesión da subvención.

V. Con carácter previo á entrada en vigor do Real decreto 463/2020 o 14.3.2020, a Axencia Galega da Industria Forestal iniciara a tramitación para a convocatoria, para o ano 2020, das axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN501A).

Neste sentido, o referido procedemento tiña completada a tramitación interna, xa que o expediente contaba con todos os informes preceptivos, incluída a fiscalización realizada o 13.3.2020 pola Intervención Delegada, previa á aprobación das bases reguladoras e da convocatoria das axudas.

VI. De acordo co disposto nos antecedentes anteriores, coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020, o 14.3.2020 suspendeuse a tramitación do procedemento relativo ás ditas axudas (código de procedemento IN501A) e, en consecuencia, non tivo lugar a aprobación das bases reguladoras e a consecuente publicidade.

VII. O Acordo do Consello de Xunta do 3 de abril sobre a iniciación, continuación e aprobación de procedementos de expedientes de contratación de contratos e de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións, unha vez completada a tramitación interna dos expedientes nos termos indicados, ata o momento previo á fiscalización e á aprobación.

VIII. O 24.4.2020, o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta de continuación da Axencia Galega da Industria Forestal dos expedientes de subvencións actualmente en tramitación, concretamentente o correspondente á tramitación da convocatoria para o ano 2020 das axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN501A), respecto do cal o expediente contaba con todos os informes preceptivos, incluída a fiscalización realizada pola Intervención Delegada, previa á aprobación das bases reguladoras e da convocatoria das axudas.

IX. As axudas recollidas na devandita convocatoria van dirixidas á organización de accións formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento e destaquen a importancia estratéxica da industria forestal, a competitividade, o deseño e innovación e o desenvolvemento sustentable, en concordancia coa estratexia de formación da Axencia Galega da Industria Forestal e coa Axenda de impulso da industria forestal. Neste senso, a formación configúrase como un elemento esencial de xeración de valor na cadea monte-industria, especialmente nun momento en que o sector se enfronta a novos desafíos para os cales será preciso actualizar e complementar os seus coñecementos.

Polo que antecede e co fin de que os posibles interesados poidan participar na citada convocatoria de axudas para levar a cabo a organización de actividades formativas e divulgativas,

RESOLVO:

Acordar a continuación da tramitación deste procedemento para a convocatoria, para o ano 2020, das axudas para a organización de actividades formativas non regradas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia (código de procedemento IN501A) e, en consecuencia, proceder á aprobación das bases reguladoras e á consecuente publicidade da convocatoria.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2020

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal