Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 14 de maio de 2020 Páx. 20113

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, pola que se incorpora á sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento de autorización e rexistro de transportistas, medios de transporte e contedores de animais acuáticos vivos en Galicia (código de procedemento PE631C).

O Regulamento (CE) núm. 1/2005, do Consello, do 22 de decembro de 2004, relativo á protección dos animais vivos durante o transporte e as operacións conexas e polo que se modifican as directivas 64/432/CEE e 93/119/CE e o Regulamento (CE) núm. 1255/97 (DO L 3 do 5.1.2005), como norma básica na Unión Europea sobre a protección animal no transporte de animais vivos vertebrados, establece a obrigatoriedade e os requisitos para a autorización dos transportistas e de determinados medios de transporte.

O Real decreto 542/2016, do 25 de novembro, sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte (BOE núm. 297, do 9 de decembro), ten por obxecto entre outras cousas, establecer disposicións de aplicación en España do Regulamento (CE) núm. 1/2005, do Consello, do 22 de decembro de 2004, en canto a autorizacións e rexistro de transportistas e autorizacións e rexistro de medios de transporte e contedores.

Tamén é obxecto do Real decreto 542/2016 establecer disposicións de aplicación da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, no relativo ao transporte de animais. Así mesmo, esta norma establece que os transportistas serán autorizados pola autoridade competente do ámbito territorial en que acceda á actividade de transporte e ao seu exercicio.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal (BOE núm. 99, do 25 de abril), establece no seu artigo 47 que os medios de transporte de animais, salvo os de animais domésticos, e as empresas propietarias ou transportistas deben estar autorizados pola Comunidade Autónoma onde se encontren, como requisito previo para o exercicio da actividade.

A Lei 32/2007, de coidado dos animais na explotación, transporte, experimentación e sacrificio (BOE núm. 268, do 8 de novembro), establece no seu artigo 8 que os transportistas e os seus medios de transporte deben dispoñer da correspondente autorización e estar rexistrados.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221, do 19 de novembro), indica no artigo 3.3 que o control do transporte de especies mariñas corresponde ao Servizo de Inspección e Control dos Recursos da Consellería do Mar, sen prexuízo das competencias propias doutros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro), supoñen o marco legal para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas, incluíndo a Administración autonómica de Galicia.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto a habilitación e incorporación á sede electrónica do procedemento de autorización e rexistro de transportistas, medios de transporte e contedores de animais vivos en Galicia, para a súa tramitación dentro da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O código correspondente a este procedemento é PE631C.

Segundo. Ámbito de aplicación

Esta resolución será de aplicación aos transportistas de animais acuáticos vivos e aos demais operadores, sexan persoas físicas ou xurídicas, que interveñan directa ou indirectamente no transporte de animais acuáticos vivos en relación cunha actividade económica. Tamén se aplicará aos medios de transporte e contedores que transporten os citados animais.

Esta norma non será de aplicación:

• Aos transportistas, medios de transporte e contedores de animais invertebrados excepto os animais da acuicultura.

• Aos transportistas, medios de transporte e contedores de animais domésticos vivos, segundo se definen no artigo 3.4 da Lei 8/2003, do 24 de abril, sempre que o transporte non se efectúe en relación cunha actividade económica.

As persoas solicitantes están obrigadas a presentar a solicitude de forma electrónica de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

As autorizacións de transportistas poden ser:

• De tipo 1: válida unicamente para realizar viaxes de ata 8 horas de duración.

• De tipo 2: válida para realizar todo tipo de viaxes, de máis ou de menos de 8 horas de duración.

Terceiro. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este formulario corresponde ao anexo I da presente norma.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Este procedemento ten o prazo aberto para a presentación de solicitudes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

1) No caso dunha solicitude para a autorización e alta no rexistro de transportistas ou renovación da autorización de transportistas:

a) Para a autorización e alta no rexistro de transportistas:

1. Xustificante do pagamento das taxas do rexistro da primeira inscrición (clave 31.07.09); unha por transportista e unha por cada medio de transporte.

2. Ademais para os transportistas tipo 2 (autorizados para viaxes longas de máis de oito horas) e só para peixes: plan de continxencia para casos de emerxencia e sistema de localización permanente de vehículos (p. ex. teléfono móbil).

b) Para a renovación da autorización de transportistas:

Xustificante do pagamento das taxas de renovación (clave 31.07.09); unha por transportista e unha por cada medio de transporte.

c) Cambio de comunidade autónoma da sede social do transportista:

Autorización de transportista vixente noutra comunidade autónoma.

2) No caso dunha solicitude para a autorización e alta no rexistro ou renovación da autorización de medios de transporte e contedores:

a) Para a autorización e alta no rexistro de medios de transporte e contedores:

1. Copia do permiso de circulación do medio de transporte (non necesario no caso de contedores e non obrigatorio para remolques de menos de 750 kg).

2. Copia da documentación técnica ou ficha técnica do medio de transporte ou contedor.

3. Superficie útil total de carga.

4. Xustificante do pagamento das taxas correspondentes ao rexistro de primeira inscrición (clave 31.07.09). Aplicarase unha taxa por cada medio de transporte ou contedor.

b) Para a renovación da autorización de medios de transporte e contedores:

1. Copia da documentación técnica ou ficha técnica do medio de transporte ou contedor.

2. Xustificante do pagamento das taxas correspondentes á renovación (clave 31.07.09); unha por medio de transporte ou contedor.

A documentación complementaria presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como a data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Comprobación de datos

Para a tramitación do procedemento de autorización e alta no rexistro dos transportistas ou da autorización e alta no rexistro dos medios de transporte e contedores, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou do NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Tarxeta de identificación fiscal do transportista.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude (anexo I), segundo corresponda, e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normiva reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O sentido do silencio administrativo neste procedemento será negativo. O prazo máximo para resolver a solicitude de autorización será de 5 meses.

Séptimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia – Consellería do Mar, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en http://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento serán incluídos nun ficheiro denominado Sirentra (Sistema Informático de rexistro de transportistas de animais vivos) do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, co obxecto de arquivar nun único sitio a información sobre os transportistas de animais vivos, os seus medios de transporte e os seus contedores de toda España.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2020

Mercedes Rodríguez Moreda
Directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

missing image file
missing image file
missing image file