0 14 de marzo do 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no que a disposición adicional terceira establece a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, definidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Como consecuencia deste suspensión paralizouse a aprobación das bases e a publicación do procedemento de adxudicación de prazas do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 de titularidade privada para o curso 2020/21.
Por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, deuse publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19. Neste acordo, entre outros aspectos, e no marco do antedito real decreto, prevíase, así mesmo, a suspensión dos termos e prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público e que o órgano competente puidese acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses da persoa interesada no procedemento.
O 24.4.2020 o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta de continuación de expedientes da Consellería de Política Social xustificando a continuidade deste procedemento administrativo na necesidade de garantir o funcionamento básico dos servizos públicos e protexer o interese xeral.
De acordo co anterior,
RESOLVO:
Levantar a paralización da aprobación e publicación das bases do procedemento de adxudicación de prazas do servizo de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 de titularidade privada para o curso 2020/21 e a súa continuación.
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social