Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 13 de maio de 2020 Páx. 20030

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Resolución do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade cos dereitos mineiros correspondentes ás concesións de explotación de recursos da sección C), Benedicta número 1544 e Arcace número 21, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT aerosubterránea a 220 kV, S/C, Atios-Montouto, tramo entre a subestación Atios e o apoio T-13 existente, no concello do Porriño (expediente IN407A 2018/321-4).

De conformidade co previsto no artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, publícase o extracto da resolución indicada no título, cuxo texto completo se pode consultar neste mesmo Diario Oficial de Galicia.

Primeiro. Peticionario

Red Eléctrica de España, S.A.U., con NIF A85309219 e domicilio en Paseo del Conde de los Gaitanes, 177, La Moraleja, 28109 Madrid.

Segundo. Características do proxecto

LAT con tensión nominal de 220 kV, simple circuíto, de 3,97 km de lonxitude, con dous tramos: subterráneo (0,45 km) e aéreo (3,52 km). A liña ten a súa orixe na posición intemperie existente na subestación Atios, desde onde discorre en subterráneo cun condutor por fase, tipo RHE-RA+2OL 127/220 kV 1×2000 mm2 + T375, ata o apoio nº 1-PAS, no cal se realizará o paso aerosubterráneo. O tramo aéreo ten a súa orixe neste apoio 1-PAS, desde o que discorre con dous condutores por fase, tipo AL/AW HAWK, a través de 9 aliñacións e 12 apoios (torres metálicas de celosía) ata o apoio nº 13 existente da LAT Atios-Montouto. Ademais, instalarase un cable de terra óptico do tipo OPGW-TIPO1-17kA-15.3.

Terceiro. Consideracións

O citado proxecto someteuse a información pública mediante a Resolución do 29.6.2018, da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 114, do 30 de xullo).

Durante a tramitación do expediente obtivéronse informes de carácter ambiental dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe de impacto ambiental no cal conclúe que non son previsibles efectos significativos sobre o ambiente e, polo tanto, non se considera necesario someter o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental ordinaria. O 29.8.2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Anuncio do 8.8.2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se fixo público o dito informe de impacto ambiental.

Cuarto. Contido da decisión

1. Outorgar a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT aerosubterránea a 220 kV, S/C, Atios-Montouto, tramo entre a subestación Atios e o apoio T-13 existente, no termo municipal do Porriño (Pontevedra).

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Declarar a compatibilidade da citada infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica cos dereitos mineiros correspondentes ás concesión de explotación de recursos da sección C), Benedicta nº 1544 e Arcace nº 21.

Quinto. Condicións

1. Con base no disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 20.468 € (1 % do orzamento do proxecto de execución) a contía do aval, que deberá constituír REE para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.

REE deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT aerosubterránea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, simple circuíto, Atios-Montouto, entre a SE Atios e o apoio T-13 existente, asinado por David Gavin Asso, enxeñeiro industrial (colexiado nº 2.207 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja), con visado dixital deste colexio nº VD02733-16A e data do 20.10.2016, e no cal figura un orzamento de 2.046.859 €.

3. REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

5. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

6. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran no informe de impacto ambiental (IIA) formulado o 7.8.2019 polo órgano ambiental.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no IIA:

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 3 do IIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: punto 4 do IIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 3 do IIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado deste: punto 4.8 do IIA.

7. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa REE realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

8. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas