Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 11 de maio de 2020 Páx. 19838

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo da planta de coxeración que Inditex Cogeneración, A.I.E. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), e se cancela a correspondente inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 13 de decembro de 1996, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio autorizou a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Inditex, S.A., no concello de Arteixo (A Coruña), e incluíuna no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo. Con data do 30 de abril de 1997, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da planta de coxeración citada coas seguintes características básicas:

– Tres motores de combustión interna, alimentados por gasóleo, de 900 kW de potencia c/u.

– Tres xeradores eléctricos trifásicos, de 1.600 kVA de potencia nominal c/u, tensión de xeración 380 V a 1.500 V e Cos φ = 0,8.

– Aparellaxe de protección, sinalización e medida e interconexión a 20 kV coa rede de distribución de enerxía eléctrica.

Terceiro. Con data do 24 de xuño de 1997, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da planta de coxeración.

Cuarto. Con data do 3 de decembro de 1997, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir a planta de coxeración de Inditex, S.A. no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, outorgándolle o número RE-97-18.

Quinto. Con data do 23 de marzo de 1998, a Dirección Xeral de Industria autorizou o cambio de titularidade e a subrogación do recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción eléctrica, entre outras, da central de coxeración de Inditex, S.A. a favor de Inditex Cogeneración, A.I.E.

Sexto. Con data do 27 de abril de 1998, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da primeira fase da ampliación da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Inditex Cogeneración, A.I.E. no concello de Arteixo (A Coruña), coas seguintes características básicas:

– Dous motores de combustión interna alimentados por gasóleo de 1.000 kW c/u.

– Dous xeradores síncronos trifásicos de 1.250 kVA c/u, tensión de xeración 380 V, Cos φ = 0,8, potencia total efectiva 2.000 kW.

– Dous transformadores de 1,25 MVA c/u, r/t 20/0,38 kV.

– Instalacións auxiliares de alimentación de combustible, de interconexión coa rede da compañía distribuidora e aparellos eléctricos de protección, mando, sinalización e medida.

Sétimo. Con data do 26 de maio de 1998, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da primeira fase da ampliación da instalación de coxeración.

Oitavo. Con data do 29 de xullo de 1999, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución da segunda fase da ampliación da planta de coxeración de enerxía eléctrica autorizada á empresa Inditex Cogeneración, A.I.E. no polígono industrial de Sabón, Arteixo (A Coruña), coas seguintes características básicas:

– Dous grupos motor-xerador marca Cummins, mod. TQ1056, de 1.250 kVA cada un, alimentados por gasóleo, factor de potencia 0,8 e tensión de xeración 380 V.

– Dous transformadores de 1.600 kVA cada un e relación de transformación 15-20 kV/380 V.

– Instalacións de almacenamento e alimentación de combustible, interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora, baixa tensión, regulación, control, protección e medida.

Noveno. Con data do 3 de agosto de 1999, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da segunda fase da ampliación da instalación de coxeración.

Décimo. Con data do 20 de maio de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Industria e Comercio autorizou administrativamente e aprobou o proxecto de modificación da planta de coxeración de enerxía eléctrica que a empresa Inditex Cogeneración, A.I.E. posúe nas súas instalacións do polígono industrial de Sabón, Arteixo (A Coruña), coas seguintes características básicas:

– Tres motores de gas natural de 925 kW de potencia mecánica cada un e un consumo unitario de 2.423 kW de gas natural tipo B, cun PCI de 35,5 kJ/kg.

– Tres xeradores acoplados aos tres motores anteriores de 900 kW de potencia eléctrica cada un, 0,8 de factor de potencia e 380 V de tensión de xeración.

– Un transformador por cada grupo, de relación de transformación 380 V/15-20 kV e 1.200 kVA de potencia cada un.

– Sistemas de protección, manobra, mando e control, sinalización, medida e interconexión coa liña eléctrica da empresa distribuidora, así como sistemas de posta á terra.

Décimo primeiro. Con data do 11 de xuño de 2002, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da modificación da instalación de coxeración «consistente na substitución de tres grupos moto-xerador de 900 kW cada un alimentados con gasóleo por outros tres alimentados a gas natural, con tres motores de 925 kW de potencia mecánica, e tres xeradores de 900 kW cada un, factor de potencia 0,8 e tensión de xeración 380 V».

Décimo segundo. Con data do 20 de agosto de 2007, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación e Industria resolveu modificar a inscrición da planta de coxeración de Inditex Cogeneración, A.I.E. no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de incluír as ampliacións recollidas nos puntos sexto e oitavo.

Décimo terceiro. Con data do 3 de maio de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu modificar a inclusión no réxime especial e a inscrición definitiva da planta de coxeración de Inditex Cogeneración, A.I.E. no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa modificación da planta descrita no antecedente de feito décimo.

Décimo cuarto. Con data do 17 de marzo de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente o peche da primeira fase da ampliación da planta de coxeración que Inditex Cogeneración, A.I.E. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), e modificar a correspondente inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo quinto. Con data do 13 de xaneiro de 2017, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria resolveu autorizar administrativamente o peche da segunda fase da ampliación da planta de coxeración que Inditex Cogeneración, A.I.E. posúe no concello de Arteixo (A Coruña), e modificar a correspondente inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo sexto. Con data do 5 de abril de 2019, Inditex Cogeneración, A.I.E. presentou solicitude de autorización administrativa para o peche da planta de coxeración descrita no antecedente de feito décimo.

Décimo sétimo. Con data do 27 de setembro de 2019, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña emitiu informe favorable sobre a solicitude presentada.

Décimo oitavo. Con data do 13 de febreiro de 2020, Inditex Cogeneración, A.I.E. presentou a solicitude de cancelación da inscrición definitiva da modificación da planta de coxeración no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo noveno. Con data do 18 de febreiro de 2020, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche da planta de coxeración, facendo constar que non incidiría na seguridade do sistema nin na garantía de subministración eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 146/2016, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 19 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e o peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción, requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar administrativamente a Inditex Cogeneración, A.I.E. o peche definitivo da planta de coxeración de enerxía eléctrica que posúe nas súas instalacións do concello de Arteixo (A Coruña), segundo o proxecto de desmantelamento de planta de coxeración con motores a gas natural de Inditex Cogeneración, A.I.E., redactado polo enxeñeiro industrial Alejandro Allegue Alvedro, colexiado nº 871 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Segundo. Cancelar a inscrición da planta de coxeración de enerxía eléctrica titularidade de Inditex Cogeneración, A.I.E, debido ao seu peche, obxecto da presente autorización administrativa (CIL: ES0022000007585842YS1F001), no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, con número de rexistro autonómico RE-97-18.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que pechar e desmantelarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución. A dirección de obra deberá realizala un técnico titulado competente na materia.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

Quinta. O prazo para pechar e desmantelar a instalación será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se, transcorrido o dito prazo, aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por incumprimento das condicións impostas, por facilitárense datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas