Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 8 de maio de 2020 Páx. 19275

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2020 pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes do procedemento de concesión de axudas convocadas pola Resolución do 27 de decembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 34, do 19 de febreiro de 2020) (código de procedemento IN500A).

I. No DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2020, publicouse a Resolución da Axencia Galega da Industria Forestal, do 27 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2020, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN500A).

De conformidade co artigo 27 da referida resolución, o prazo de presentación de solicitudes sería dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, polo que o referido prazo remataría o 20 de marzo de 2020.

II. O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

III. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

IV. De acordo co anterior, coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020 o 14 de marzo de 2020 suspendeuse o prazo de presentación de solicitudes das axudas relativas ao código de procedemento IN500A.

V. Con posterioridade ao Acordo do Cecop do 15 de marzo publicouse no BOE número 73, do 18 de marzo, o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

VI. En consecuencia, de acordo co establecido no número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, para a continuación dos procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do dito real decreto, e que actualmente se atopan suspendidos, os órganos en cada caso competentes deben adoptar unha decisión motivada que permita, se é o caso, o ditado da correspondente resolución de adxudicación do contrato ou de concesión da subvención.

VII. O Acordo do Consello de Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se aprobasen e publicasen as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se ditase resolución de concesión no dito momento.

VIII. O 24.4.2020, o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta da Axencia Galega da Industria Forestal de continuación dos expedientes de concesión de subvención respecto dos cales xa estaban aprobadas e publicadas as correspondentes bases reguladoras e convocatorias, pero non estaban ditadas resolucións de concesión.

IX. O 29.4.2020 ditouse Resolución da Axencia Galega da Industria Forestal pola que se levantaba a suspensión dos prazos e se acordaba a continuación da tramitación deste procedemento de concesión de axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, código de procedemento IN500A, convocadas pola Resolución da Axencia Galega da Industria Forestal do 27 de decembro de 2019.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Continuar co prazo de presentación de solicitudes de axudas económicas destinadas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, que será de seis (6) días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2020

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal