Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 4 de maio de 2020 Páx. 19062

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, de clave AC/18/014.10.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 6 de marzo de 2020 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, de clave AC/18/014.10.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 16 de outubro de 2019, publicouse o Anuncio do 9 de outubro de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, de clave AC/18/014.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública as persoas interesadas formularon as alegacións. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que foi notificado ás administracións ás que se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás que se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido á información pública:

• Elimínase a execución da glorieta proxectada no punto quilométrico (p.q.) 24+140, ao non considerarse neste momento unha actuación imprescindible para a mellora da capacidade da estrada (priorízase o investimento no desenvolvemento dos treitos que supoñen un incremento de capacidade).

• Inclúese no proxecto construtivo a mellora da drenaxe existente na contorna do p.q. 34+340 (zona límite do treito da actuación), coa execución dunha nova cuneta de seguridade, coa finalidade de mellorar o réxime hidráulico.

• En fase de obra repoñeranse todos os servizos urbanos existentes afectados polas actuacións, para o que se dispón dunha partida alzada específica no proxecto de construción, xa que neste intre non se dispón de información máis concreta de determinados servizos na zona.

Segundo. O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu punto 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente.

Terceiro. De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

O presente proxecto contén as determinacións do planeamento dos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido que, na súa primeira modificación ou revisión, deben ser modificadas como consecuencia desta aprobación.

Cuarto. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, así como aprobar definitivamente os estudos informativos ou, de ser o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función segundo o previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, de clave AC/18/014.10, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito primeiro.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, de clave AC/18/014.10, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. Os concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O cómputo do prazo para interpoñer recursos iniciarase o día hábil seguinte ao da data de finalización da declaración do estado de alarma, de acordo co disposto na disposición adicional oitava do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, publicado no BOE núm. 91, do 1 de abril».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos