Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Xoves, 30 de abril de 2020 Páx. 18918

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 63/2020, do 12 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito AG-64-Ponte Mera, nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido (A Coruña) (clave AC/18/014.10).

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia núm. 197, do 16 de outubro de 2019, publicouse o anuncio do 9 de outubro de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito: AG-64-Ponte Mera, de clave: AC/18/014.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto de referencia.

Segundo. Tras a análise das alegacións, dos informes e certificados presentados, o 6 de marzo de 2020 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito: AG-64-Ponte Mera, de clave: AC/18/014.10.

Este proxecto ten por obxecto a mellora e optimización da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862, mantendo o trazado actual e tendo en conta en todo caso o espazo dispoñible na adopción das medidas de mellora, nos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido (provincia da Coruña).

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de marzo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da mellora da capacidade e seguridade da AC-862, treito: AG-64-Ponte Mera, de clave: AC/18/014.10.

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade