Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 15 de abril de 2020 Páx. 18250

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 25 de outubro de 2019 sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

O 5 de novembro de 2019 publícase no Diario Oficial de Galicia número 210 a Orde do 25 de outubro de 2019 sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería.

A Orde do 25 de outubro de 2019 tivo como obxecto adaptar as delegacións do exercicio das competencias previstas na Orde do 15 de marzo de 2012 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e na Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda á nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda establecida polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 185, do 27 de setembro), e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo (DOG núm. 210, do 19 de abril).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é o departamento da Xunta de Galicia responsable de materializar as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia no eido competencial do ambiente, a ordenación do territorio e o urbanismo, a vivenda e o solo, e a conservación da natureza, de acordo cos criterios de eficacia, economía e austeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Logo da publicación da Orde do 25 de outubro de 2019 sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería, ponse de manifesto a necesidade de incrementar as materias específicas obxecto de delegación nas direccións xerais e, en concreto, na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, delegación que debe estenderse a aquelas materias ou competencias que a Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia atribúe á persoa titular da consellería competente en materia de caza, en concreto, a resolución pola que se declara a constitución dun terreo cinexético ordenado, o Tecor, prevista no artigo 11, as resolucións de aprobación provisional e de declaración da constitución do Tecor que refire o artigo 15, a declaración da explotación cinexética comercial e os cambios de titularidade desta previstos no artigo 27 e a declaración doutras zonas de seguridade para asegurar a protección das persoas e dos seus bens que sinala o artigo 42.2.e) da Lei 13/2013, do 23 de decembro.

Esta nova delegación pretende diminuír o volume de funcións que se concentran ao redor da persoa titular da consellería, sen esquecer, coma sempre, o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a Constitución española recolle no seu artigo 103.1, e posibilitando a axilización administrativa necesaria que redunde tanto en beneficio da Administración como dos cidadáns.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; do disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector publico autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 25 de outubro de 2019 sobre delegación de competencias nos órganos superiores, directivos e periféricos desta consellería

O punto décimo, parágrafo 3, da Orde do 25 de outubro de 2019 queda redactado nos seguintes termos:

«3. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural a competencia para a imposición das sancións que correspondan ao titular da consellería en materia de caza, pesca fluvial, animais domésticos e salvaxes en catividade, animais potencialmente perigosos e as establecidas na lexislación sobre conservación do patrimonio natural.

Igualmente, delegase na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural o exercicio das competencias que os artigos 11, 15, 27 e 42.2.e) da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, atribúen á persoa titular da consellería competente en materia de caza».

Disposición derradeira única. Eficacia

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda