Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18093

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 9 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete á información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Ganadería García Penerbosa, S.C. para unha explotación porcina de ceba de porcos, situada no concello de Rodeiro (expediente 2019-IPPC-M-90).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro) regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro de 2013) regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Proxecto de revisión de autorización ambiental integrada de Ganadería García Penerbosa, S.C. en Rodeiro (Pontevedra, para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que estime convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-90.

Número da autorización ambiental integrada: 2008/0134_AIA/IPPC_246.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.b) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Ganadería García Penerbosa, S.C.

NIF: J36560308.

Localización da instalación: lugar Melide, parroquia de San Salvador de Camba, nº 3, 36539 Rodeiro (Pontevedra).

Actividade principal: explotación porcina de ceba.

Descrición: a explotación constitúe un núcleo de 5 naves con capacidade para 3.505 prazas para porcos e unha fosa exterior cuberta para o almacenamento de xurros.

Os leitóns de porco ibérico con cruzamento con Duroc entran no cebadoiro cun peso inicial de 26 kg de peso vivo, e finalizan a ceba cun peso medio de 150-155 kg de peso vivo, tras o cal son enviados ao matadoiro. Realízanse de media 1,7 crianzas/ano, cun baleiro sanitario entre elas de 15 a 18 días.

Verteduras: as augas fecais dos aseos e as aguas de limpeza das naves envíanse á fosa de almacenamento de xurro da explotación para ser valorizadas xunto con este en parcelas agrícolas. Os efluentes do lavado do arco sanitario serán enviados a un depósito de 10 m³. As augas pluviais incorpóranse directamente ao medio.