Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18091

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 6 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete á información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Avícola O Marco, S.L. para unha explotación avícola destinada á ceba de 49.752 pavos, situada no concello de Monterroso (Lugo) (expediente 2019-IPPC-M-111).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese á información pública, durante un período de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Proxecto de revisión de autorización ambiental integrada de Avícola O Marco, S.L. en Monterroso (Lugo).

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

O documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-111.

Núm. da autorización ambiental integrada: 2016-IPPC-48-310.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.a) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Avícola O Marco, S.L.

NIF: B27231695.

Enderezo social: Ligonde-O Marco, s/n, 27568 Monterroso (Lugo).

Localización da instalación: parcela núm. 109 do polígono 9, Ligonde, concello de Monterroso (Lugo).

Actividade principal: explotación avícola de pavos.

Descrición: a explotación constitúe un núcleo de catro naves con capacidade para 49.752 prazas para pavos e unha esterqueira cuberta con capacidade para almacenar a produción de esterco de polo menos seis meses.

O período de crianza na explotación ten unha duración de 140 días, os paviños entran dun día e saen para o sacrificio cun peso medio de 7,5 kg para as femias aos 90 días e 12 kg para os machos aos 120 días. O resto do tempo, ata completar o ciclo de 140 días, realízase a operación de retirada de labra, limpeza e desinfección das naves e preparación para a nova crianza. Ao ano realízanse uns 2,4 ciclos produtivos.

Verteduras: as aguas fecais envíanse a unha fosa séptica logo da infiltración ao terreo. As augas de limpeza envíanse a unha fosa estanca sen vertedura nin infiltración, a cal se valoriza xunto co esterco xerado na explotación en parcelas agrícolas. As augas pluviais incorpóranse directamente ao medio.