Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18037

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (códigos de procedemento VI482C e VI482D).

O 24 de abril de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Tendo en conta o importante grao de acollida destas axudas, as cales se manifestan como un mecanismo útil para asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas da violencia de xénero, considérase oportuno realizar unha nova convocatoria deste programa que inclúa, ademais, a concesión das prórrogas das axudas xa recoñecidas.

O 28 de febreiro de 2020, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, asinou un acordo coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para desenvolver, no marco das medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, aquelas que se refiren a asegurar a existencia de recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas de violencia de xénero durante o ano 2020.

Ao abeiro do citado acordo e da Orde do 11 de abril de 2019, realízase esta convocatoria, que se suxeita ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Esta convocatoria realízase, así mesmo, de conformidade co establecido no parágrafo cuarto da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, segundo a redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, por tratarse dun procedemento dirixido a garantir o acceso e permanencia nunha vivenda dun colectivo especialmente vulnerable como é o das vítimas de violencia de xénero, e satisfacendo deste xeito a protección do interese xeral.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa no ano 2019, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (códigos de procedemento VI482C e VI482D, respectivamente).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de abril de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 78, do 24 de abril de 2019.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2020

07.83.451B.480.3

1.100.000 €

2021

07.83.451B.480.3

950.000 €

Total

2.050.000 €

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e producirá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da concesión inicial deste programa as seguintes unidades de convivencia:

a) As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación.

Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.

b) As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

2. Para os efectos deste programa, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

3. Poderán ser beneficiarias da prórroga da axuda prevista no artigo 8 das bases reguladoras aquelas persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2020 e cumpran os requisitos previstos no ordinal 5º.3 desta resolución. O cómputo dos ingresos e a comprobación dos datos necesarios para a concesión da prórroga realizarase conforme o establecido nesta resolución.

Quinto. Requisitos das persoas beneficiarias deste programa

1. Para que as unidades de convivencia previstas no ordinal 4º.1.a) desta resolución poidan ser beneficiarias deste programa é preciso que non resultasen beneficiarias desta axuda nunha convocatoria anterior e que, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que, dentro do ano anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, o feito causante deberase ter producido dentro do ano anterior ao da presentación da solicitude.

b) Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia, radicado na Secretaría xeral da Igualdade.

2. Para que as unidades de convivencia previstas no ordinal 4º.1.b) desta resolución poidan ser beneficiarias destas axudas, é preciso que concorra algún dos seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos e dependese economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase que existe dependencia económica cando na data do falecemento as fillas e os fillos percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidades do indicador público da renda de efectos múltiples (en diante, IPREM) a que se refira a convocatoria.

3. Ademais dos anteriores, as persoas beneficiarias deste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que estean empadroadas e ter residencia efectiva nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia.

No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

b) Que sexan persoas arrendatarias ou que estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso dos/das menores de idade orfos por violencia de xénero, así como das vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor, nos termos que se determinen na normativa aplicable.

c) Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.

d) Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados no artigo 4 das bases reguladoras.

e) Que os ingresos da súa unidade de convivencia, computados conforme estableza a resolución de convocatoria, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, coa excepción prevista no suposto sinalado no artigo 3.2.a) das bases reguladoras.

f) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.

g) Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto. Exceptúase o caso de que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade.

Para os efectos anteriores:

– Considerarase unha vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m2 de superficie útil. Non se computará, neste suposto, a correspondente a baños, corredores e tendais.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.

– Considerarase vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

h) Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.

i) Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Ademais, non deben estar incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedido o Programa do bono alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado, acolléndose ao suposto de vítima de violencia de xénero, nos tres anos anteriores á data de presentación da correspondente solicitude, agás que perdesen o dereito por non ter xustificada a concesión da subvención coa presentación do contrato ou que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

Sexto. Cómputo de ingresos para acceder ao programa

1. Para acceder a este programa de axudas é preciso que os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante sexan iguais ou inferiores aos límites previstos no ordinal sétimo.

2. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluído, de ser o caso, o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.

Para os efectos do cómputo de ingresos, teranse en conta as rendas ou ingresos da persoa solicitante da axuda e dos demais membros da súa unidade de convivencia, coa excepción das rendas individuais do agresor.

Sétimo. Límites máximos de ingresos e valor do IPREM para a concesión das axudas

1. Os límites máximos de ingresos para acceder a estas axudas calcularanse tomando como base do cálculo a contía do IPREM anual en 14 pagas para o ano 2019 (7.519,59 euros) multiplicado por 1,5. Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación, en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia, coa exclusión do agresor:

• Unidades de convivencia dun membro: 1,25.

• Unidades de convivencia de dous membros: 0,90.

• Unidades de convivencia de tres membros: 0,80.

• Unidades de convivencia de catro membros: 0,70.

• Unidades de convivencia de cinco ou máis membros: 0,60.

Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante, computados conforme o establecido no ordinal sexto, non deberán superar, segundo o número de membros da unidade de convivencia, os límites máximos de ingresos que se especifican no seguinte cadro:

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos

(1,5 veces IPREM 2019 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

751,96 €

2

1.044,39 €

3

1.174,94 €

4

1.342,78 €

5 ou máis

1.566,58 €

2. Ás unidades de convivencia nas cales algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte a aquel que lles corresponda, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

3. No caso de que as axudas as solicite unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o punto primeiro, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 11 de decembro de 2020 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. A prórroga da axuda poderase solicitar dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial.

Noveno. Solicitudes

1. A solicitude de concesión inicial realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482C). Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as vítimas sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, polo que se terán por inadmitidas todas as demais.

As solicitudes de concesión de prórroga realizaranse mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo II a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482D).

As solicitudes de concesión inicial e de prórroga deberán dirixirse á área provincial do IGVS de residencia da persoa solicitante.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Tamén se poderán presentar presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

4. No modelo de solicitude de concesión inicial a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de que solicitase ou obtivese algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade, con indicación do seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.3.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento ou a declaración responsable de que segue residindo na vivenda alugada para os casos previstos no artigo 15 da orde de bases reguladoras, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

5. No modelo de solicitude de prórroga a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non ten débedas coa persoa arrendadora por non pagamento das rendas e/ou subministracións.

b) Declaración de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

c) Declaración de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Décimo. Documentación complementaria ás solicitudes de concesión inicial e de prórroga

1. Coa solicitude de concesión inicial, anexo I, deberase achegar a seguinte documentación (código de procedemento VI482C):

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso. A representación deberase acreditar a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

b) Anexo III, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo III por cada unha delas.

c) Anexo IV, de compromiso das persoas asinantes do contrato de alugamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social, como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

Este anexo deberá achegarse coa presentación do contrato de alugamento, no caso de que a persoa solicitante non dispoña de contrato no momento de presentar a solicitude.

d) Informe dos servizos sociais públicos de Galicia co contido recollido no anexo V; poderase utilizar, para tal efecto, o citado anexo. Neste informe deberá constar a data de cesamento da convivencia, con base na documentación de que se dispoña ou declaración da persoa solicitante.

No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberase facer constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero, así como a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.

e) Contrato de alugamento da vivenda cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous (2) meses, contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, e xuntarase o xustificante de empadroamento conxunto das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e o anexo IV, referido na letra c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) De ser o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) Documentación acreditativa da condición de muller vítima de violencia de xénero ou, de ser o caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual, mediante algún dos documentos seguintes:

– Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar, que conteña as medidas en vigor.

– Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

– Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

– Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

– Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

– Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

2. Coa solicitude de prórroga da concesión inicial, anexo II, deberase achegar a seguinte documentación (código de procedemento VI482D):

a) Anexo III, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.

b) Anexo V, modelo de informe dos servizos sociais públicos de Galicia, en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.

c) Anexo VI, de declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou subministracións.

d) Declaración formalizada polas persoas asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderalle requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo III e da persoa arrendadora que figura no anexo IV.

b) Número de identificación fiscal da persoa representante, así como da persoa arrendadora que figura no anexo IV, no caso de que sexan persoas xurídicas.

c) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

d) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo III.

e) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Axencia Tributaria de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo III.

f) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

g) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

h) Certificado acreditativo de discapacidade, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo III faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No suposto de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia, deberase presentar a correspondente documentación.

i) Percepción de subvencións para vítimas de violencia de xénero concedidas pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

j) Vixencia da orde de protección ou da medida cautelar, a través do Punto de Coordinación das Ordes de Protección da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

l) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

m) Consulta da prestación de desemprego percibida pola persoa solicitante, así como polas persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo III.

n) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, de incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo III.

o) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo III.

2. O acceso aos datos contidos nos documentos sinalados coas letras m), n) e o) do número anterior, de conformidade co artigo 155 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, poderano realizar aquelas administracións locais que dispoñan do correspondente convenio coa Xunta de Galicia para acceder a través das plataformas de intermediación de datos.

3. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II, no anexo III e no anexo IV, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

4. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo segundo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo terceiro. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarto. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas iniciais e das correspondentes prórrogas.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución, tanto da concesión inicial como da prórroga, será de dous (2) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, a persoa solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Xustificación da subvención

A xustificación da concesión da subvención realizarase segundo o establecido no artigo 15 das bases reguladoras.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas beneficiarias destas subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Décimo oitavo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Décimo noveno. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei  9/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file