Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 17985

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 18 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de refinación e envasamento de aceite vexetal de Aceites Abril, S.L. no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, no concello de San Cibrao das Viñas, provincia de Ourense (expediente 2020-IPPC-I-61).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro) faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia quedará exposto o documento titulado:

«Proxecto básico e estudo de impacto ambiental da planta de refinación e envasamento de aceites vexetais, con motivo da ampliación da refinaría para a solicitude de autorización ambiental integrada e avaliación de impacto ambiental ordinaria (tomos 1 e 2)».

Non obstante o anterior, e de conformidade coa disposición adicional terceira e cuarta do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o inicio do prazo comezará a computarse no momento en que perda vixencia o estado de alarma declarado pola dita disposición ou as súas eventuais prórrogas.

Para que calquera interesado poida consultalos e, se for o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que coide oportunas, o documento estará ao dispor dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-I-61.

Peticionario: Aceites Abril, S.L.

CIF: B32218356.

Enderezo social: PG. S. Ciprián, c/ 6, 28-29A.

Localización da instalación: polígono industrial de San Cibrao das Viñas, c/ 6, nº 18, 32901 San Cibrao das Viñas (Ourense).

Actividade: ampliación de planta de refinado e envasado de aceites vexetais.

Descrición:

A empresa dedicase á comercialización dunha ampla variedade de tipos de aceite, para o que conta coas seguintes instalacións en San Cibrao das Viñas:

Tres naves industriais cunha superficie de 9.500 m2, con 40 tanques dos cales 3 son exteriores con capacidade de almacenamento de 1.285.000 litros en total e unha capacidade de envasado de 54.000 litros/hora grazas ás 10 liñas de envasado.

Unha planta de refinado de aceite de 1.870 m2, con 30 tanques cunha capacidade de almacenaxe total de 12.240.000 litros e unha produción de 280 t/día.

Na actualidade a empresa pretende incrementar a súa produción na refinería, de xeito que, se superarían as 300 t/día, para o que se realizará un desdobramento na liña de procesado, con novo equipamento, sen necesidade de novas construcións.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ó recollido na Decisión de execución (UE) 2019/2031 da Comisión do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) nas industrias de alimentación, bebida e leite, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.