Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 6 de abril de 2020 Páx. 17904

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión do proxecto de demolición do edificio da estación de autobuses de Ourense.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas, para a supervisión do proxecto de demolición do edificio da estación de autobuses de Ourense, que ten as seguintes características:

– Obxecto: a elaboración dun informe técnico co fin de verificar que se tiveron en conta as disposicións xerais de carácter legal ou regulamentario, así como a normativa técnica que resulte de aplicación para o proxecto.

– Estes documentos emitiraos persoal técnico cualificado da AXI.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva, ao seren a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: a presente encomenda terá a duración estritamente necesaria para a elaboración do referido informe técnico de supervisión anteriormente sinalado e concluirá coa entrega deste, que será efectuada con data límite do 31 de decembro de 2020.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos prestados en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2020

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade