Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 2 de abril de 2020 Páx. 17745

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2020 pola que se acorda a aplicación de medidas derivadas da declaración do estado de alarma no servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia Chave365.

O protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobado por Orde do 6 de febreiro de 2014, regulou o sistema de claves concertadas Chave365 como mecanismo alternativo aos certificados electrónicos para a identificación e sinatura das persoas interesadas.

O dito protocolo establece no seu punto 1.2.1.4 que a validez do mecanismo de claves concertadas será dun máximo de catro anos e no punto 1.2.1.2 que a modificación por parte do cidadán da clave de acceso ao sistema deberá realizarse, polo menos, con periodicidade anual.

Así mesmo, establece que no suposto de bloqueo dun código de usuario, o cidadán poderá rexenerar a clave ante as oficinas de rexistro ou de forma electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do uso dun certificado electrónico recoñecido.

Actualmente máis de 200.000 persoas son usuarias do sistema de identificación e sinatura Chave365, o que lles permite o acceso electrónico a distintos servizos electrónicos do sector público autonómico, como a sede electrónica ou o servizo É-Saúde.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece na súa disposición adicional cuarta que os prazos de suspensión e caducidade de calquera acción e dereito quedan suspendidos durante o prazo de vixencia do estado do alarma e, se for o caso, das prórrogas que se adopten.

Así mesmo, o dito decreto establece que durante a vixencia do estado de alarma os cidadáns estarán suxeitos a medidas de limitación da liberdade de circulación. Estas medidas dificultan, e na maioría dos casos impiden, que as persoas poidan realizar trámites presencialmente, polo que a dispoñibilidade de medios electrónicos de identificación e sinatura se fai especialmente necesaria.

O acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o cal se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, publicado por Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, prevé no seu punto oitavo a suspensión de prazos de prescrición e caducidade durante a vixencia do estado de alarma na Comunidade Autónoma de Galicia.

Nestas circunstancias cómpre tomar as medidas oportunas para aplicar a suspensión da caducidade das contas de usuario e das claves de acceso ao sistema Chave365 para garantir o acceso aos servizos electrónicos do sector público autonómico.

A disposición adicional primeira da Orde do 6 de febreiro de 2014, pola que se aproba o protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do protocolo de identificación e sinatura electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Así mesmo, a Resolución conxunta do 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se acorda a posta en funcionamento de Chave365, servizo de claves concertadas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece no seu punto segundo que a Amtega adoptará as medidas necesarias para que a accesibilidade, dispoñibilidade, integridade e seguridade do sistema respondan ás exixencias normativas vixentes.

Á vista do exposto, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLVE:

Primeiro. Ampliación do período de validez do mecanismo de claves concertadas

Amplíase o período de validez do mecanismo de claves concertadas para aquelas persoas ás cales o dito período de validez lles remate durante a vixencia do estado de alarma e polo tempo de duración deste.

Segundo. Exención da obrigatoriedade de modificación anual da clave de acceso

As persoas ás cales corresponda realizar a modificación da súa clave de acceso durante a vixencia do estado de alarma poderán seguir utilizando o sistema aínda que non realicen a modificación da clave durante o dito período.

Terceiro. Habilitación de mecanismos non presenciais de rexeneración da clave de acceso

No caso de ser necesario, poderanse habilitar mecanismos non presenciais de rexeneración das claves de acceso en caso de bloqueos durante a vixencia do estado de alarma. Estes mecanismos garantirán a identificación do cidadán por medios non presenciais, como a achega de información coñecida por ambas as partes, o uso de videochamadas ou outros similares, que ofrezan as medidas de seguridade oportunas.

Cuarto. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2020

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia