Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 25 de marzo de 2020 Páx. 17290

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 16 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se adía a realización das probas para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para a convocatoria de marzo.

A Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se aproba o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, establece no punto 6 do seu anexo o seguinte: «O órgano convocante de cada proceso selectivo en curso deberá pospor, polo tempo imprescindible –como mínimo dous meses– a realización de probas selectivas, especialmente aquelas de concorrencia masiva».

Por outra banda, é una recomendación das autoridades das diferentes comunidades autónomas á cidadanía evitar as viaxes que non sexan necesarias.

Tendo en conta que a Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, preveu realizar probas selectivas para a obtención das titulacións de embarcacións de recreo e que ás ditas probas pode concorrer un número importante de persoas aspirantes, moitos das cales se desprazan desde diversas poboacións da Comunidade Autónoma de Galicia e doutras comunidades autónomas, esta dirección xeral, en uso das funcións atribuídas no Decreto 168/2015, do 15 de novembro,

ACORDA:

Primeiro. Suspender a realización das probas polas que se convocan exames extraordinarios teóricos co fin de obter as titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia da convocatoria de marzo.

Segundo. Trasladar as solicitudes de participación nas ditas probas á seguinte convocatoria programada ou para algunhas das restantes convocatorias ordinarias ou extraordinarias que se van realizar durante o ano 2020, que se indican na Resolución do 3 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 30, do 13 de febreiro) ou na Resolución do 3 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 29, do 12 de febreiro).

As persoas interesadas terán que indicarlles aos centros de ensino náutico-pesqueiros onde se realicen as probas a convocatoria en que queiran participar.

Terceiro. As persoas interesadas que non queiran participar en ningunha das convocatorias restantes poderán solicitar a devolución da correspondente taxa.

Cuarto. A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2020

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro