Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 25 de marzo de 2020 Páx. 17285

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 24 de marzo de 2020 pola que se encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de determinadas especialidades o exercicio provisional das funcións de facultativo/a adxunto/a especialista, médico/a de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro/a especialista durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, publicado no Boletín Oficial del Estado con data do 14 de marzo de 2020, recolle unha serie de medidas dirixidas a protexer a saúde e seguridade da cidadanía, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública.

O artigo 12 regula as medidas dirixidas a reforzar o Sistema nacional de saúde en todo o territorio nacional establecendo que todas as autoridades civís sanitarias das administracións públicas do territorio nacional, así como os demais funcionarios e traballadores ao servizo delas, quedarán baixo as ordes directas do ministro de Sanidade en canto sexa necesario para a protección de persoas, bens e lugares, e poderán impoñerlles servizos extraordinarios pola súa duración ou pola súa natureza.

Engade, con todo, que as administracións públicas autonómicas e locais manterán a xestión, dentro do seu ámbito de competencia, dos correspondentes servizos sanitarios, asegurando en todo momento o seu adecuado funcionamento.

De acordo co punto segundo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establécese a prórroga da contratación dos residentes no último ano de formación das especialidades de Xeriatría, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Pneumoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Radiodiagnóstico, Microbioloxía e Parasitoloxía, Enfermaría do Traballo, Enfermaría Familiar e Comunitaria, Enfermaría Xeriátrica e Enfermaría Pediátrica.

Así mesmo, o punto décimo da citada Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, dispón que as comunidades autónomas poderán adoptar as medidas necesarias para garantir a protección de persoas, bens e lugares, e poderán impor aos empregados públicos e traballadores ao servizo destas, calquera que sexa a súa categoría profesional, servizos extraordinarios pola súa duración ou pola súa natureza.

As medidas que se adopten poderán ir dirixidas a encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, así como medidas de mobilidade xeográfica.

Por conseguinte, con base no disposto no punto décimo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e de acordo co recollido no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de marzo de 2020,

RESOLVE:

Primeiro. Establecer a prórroga da contratación dos residentes en último ano de formación das seguintes especialidades: Xeriatría, Medicina do Traballo, Medicina Familiar e Comunitaria, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Pneumoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Radiodiagnóstico, Microbioloxía e Parasitoloxía, Anestesioloxía e Reanimación, Enfermaría do Traballo, Enfermaría Familiar e Comunitaria, Enfermaría Xeriátrica e Enfermaría Pediátrica.

Segundo. Encomendar aos ditos profesionais sanitarios de maneira provisional as funcións, en correspondencia coa súa especialidade de formación, de facultativo/a adxunto/a especialista, médico/a de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro/a especialista dentro do Sistema público de saúde de Galicia. A encomenda será realizada polas xerencias/direccións de cada área sanitaria conforme o modelo establecido no anexo I.

Terceiro. Recoñecer aos citados profesionais sanitarios as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así coma promover a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidade nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Cuarto. Para iso será necesario unha avaliación provisional positiva por parte da comisión de docencia correspondente de acordo co modelo recollido no anexo II, relativo ao último ano de residencia, sen prexuízo da elaboración da correspondente avaliación final de acordo co establecido no artigo 25 do Real decreto 183/2008, do 8 de febreiro, polo que se determinan e clasifican as especialidades en Ciencias da Saúde e se desenvolven determinados aspectos do sistema de formación sanitaria especializada.

Quinto. A presente medida adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial e durará en función das necesidades asistenciais derivadas da evolución da crise sanitaria e do que dispoña a normativa estatal.

Sexto. A presente disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Encomenda do exercicio provisional das funcións de, en correspondencia coa súa especialidade de formación (facultativo/a adxunto/a especialista, médico/a de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro/a especialista) durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

De conformidade co disposto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e no punto décimo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, acórdase a encomenda das funcións de..., tendo por causa o estado de alarma ante a situación de crise sanitaria.

Esta encomenda de funcións, sexa cal for a súa duración, non supón dereito ningún a acceder a unha praza do cadro de persoal da institución ou a un vínculo de carácter fixo ou permanente.

O réxime xurídico aplicable será o establecido no punto segundo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, o disposto na Orde do 24 de marzo da Consellería de Sanidade e demais normativa especial aplicable durante a crise sanitaria.

1. DATOS DO/A INTERESADO/A:

– Apelidos e nome:

– NIF/ NIE:

– Titulación:

– Especialidade:

2. FUNCIÓNS, CAUSA E DURACIÓN DA ENCOMENDA DE FUNCIÓNS:

– Funcións: as propias da categoría de...

– Descrición da prestación: encomenda de funcións ante a situación de crise sanitaria.

– Retribucións:

– Centro de traballo:

– Distrito:

– Centro de xestión: A.S. de...

– Duración: desde o día… ata a finalización da encomenda.

– Xornada:

Xerente da Área Sanitaria de... O/a interesado/a

Asdo.: Asdo.:

ANEXO II

AVALIACIÓN PROVISIONAL ANUAL - COMISIÓN DE DOCENCIA

(Derivada da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19)

NOME E APELIDOS:

DNI/PASAPORTE:

CENTRO DOCENTE

TITULACIÓN:

ESPECIALIDADE:

ANO DE
RESIDENCIA:

TITOR:

AVALIACIÓN PROVISIONAL ANUAL:

POSITIVA: □ NEGATIVA: □

Lugar e data:

Selo da institución:

O/A PRESIDENTE/A DA COMISIÓN DE DOCENCIA:

Asdo.: