Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Luns, 23 de marzo de 2020 Páx. 17190

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 9 de marzo de 2020 pola que se complementa o establecido na Orde do 23 de decembro de 2019 polo que se establece a cantidade que cómpre transferir ao Consello da Avogacía Galega, para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensa gratuítas do ano 2019, sobre o importe certificado o ano 2018.

A Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, regula o dereito á asistencia xurídica gratuíta, e no seu artigo 38 establece que o Ministerio de Xustiza subvencionará os colexios de avogados para a implantación e funcionamento dos servizos de asistencia xurídica gratuíta.

Por medio do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, transferíronselle á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións en materia de provisión de medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, incluíndose na letra B), número 1 c), do seu anexo as relativas á indemnización das actuacións correspondentes á defensa por avogado en quenda de oficio ante os órganos xudiciais con sede en Galicia e mais as referentes á asistencia letrada ao detido ou preso cando o lugar de custodia estea situado en territorio da comunidade autónoma. Estas funcións foron asumidas en virtude do Decreto 394/1994, do 29 de decembro, e asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, estando actualmente atribuídas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

No uso das súas competencias, a Xunta de Galicia ditou o Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da Comunidade Autónoma de Galicia (modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño, e mais polo Decreto 134/2017, do 7 de decembro), que establece no seu artigo 45 que a consellería competente en materia de xustiza determinará anualmente as cantidades que deberán percibir os colexios de avogados para atender aos gastos derivados do funcionamento e infraestrutura colexial que requiren os servizos de asistencia xurídica gratuíta, o cal lle corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicou no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro de 2019, na que se fixaba que a cantidade destinada para atender aos gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta era o 3,54 % do importe total certificado durante o ano 2018 polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas. As limitacións orzamentarias dese momento non permitiron que se fixase a porcentaxe no 8 % do importe total certificado polos colexios de avogados de Galicia, que é o establecido no artigo 45 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta da comunidade autónoma.

Tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias actuais da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, preténdese complementar a porcentaxe fixada na mencionada Orde do 23 de decembro de 2019 de modo que o importe total acade o 8 % do devindicado durante o ano 2019 polos colexios de avogados de Galicia (calculado sobre o importe certificado o ano 2018), dando así cumprimento ao establecido no artigo 45 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo único

A cantidade adicional destinada para atender aos gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta fíxase nun 4,46 % do importe total devindicado durante o ano 2019 (calculado sobre o importe certificado o ano 2018) polos colexios de avogados da Comunidade Autónoma de Galicia en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, o que supón un total de trescentos noventa e tres mil catrocentos setenta e seis euros con oitenta e dous céntimos (393.476,82 €).

Disposición derradeira primeira

Autorízase ao director xeral de Xustiza a ditar as disposicións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza