Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Venres, 20 de marzo de 2020 Páx. 17090

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 13 de marzo de 2020 pola que se suspenden prazos da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento ED431H e ED431I).

Como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e ante a recente declaración da Organización Mundial da Saúde (OMS) como pandemia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, co obxecto de garantir os dereitos das Universidades do SUG e das persoas candidatas, suspende a tramitación da convocatoria aberta para a atracción e retención de talento investigador nas universidade do SUG.

En consecuencia, e no uso das atribucións que teño conferidas,

ACORDO:

Artigo único

1. Quedan suspendidos ata nova notificación os seguintes procedementos:

– Os procedementos ED431H e ED431I das axudas do programa de atracción e retención de talento investigador, en fase de presentación de solicitudes, regulados pola Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, publicada no DOG número 36, do 21 de febreiro de 2020.

2. Manter para as persoas candidatas o cumprimento dos requisitos que se establecen no artigo 2 dos anexos I e II da convocatoria na data límite do 23 de marzo de 2020.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa notificación.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional