Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 16955

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 6 de marzo de 2020, polo que se modifica o disposto no Acordo do Pleno do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición.

En cumprimento do Acordo do Pleno adoptado na sesión celebrada o 6 de marzo de 2020, polo que se modifica o disposto no Acordo do Pleno do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición, resolvo publicar no Diario Oficial de Galicia o seu texto completo.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 6 de marzo de 2020,
polo que se modifica o disposto no Acordo do Pleno do 31 de maio de
2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da
conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o
procedemento telemático para a súa rendición.

Dispón o artigo 223 do «Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais»:

«1. A fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais e de todos os organismos e sociedades delas dependentes é función propia do Tribunal de Contas, co alcance e condicións que establece a súa lei orgánica reguladora e a súa lei de funcionamento.

2. Para ese efecto as entidades locais renderán ao citado tribunal, antes do día 15 de outubro de cada ano, a conta xeral a que se refire o artigo 209 desta lei correspondente ao exercicio económico anterior.

3. Unha vez fiscalizadas as contas polo tribunal, someterase á consideración da entidade local por proposta de corrección das anomalías observadas e o exercicio das accións procedentes, todo isto sen prexuízo, das actuacións que poidan corresponder ao tribunal nos casos de esixencia de responsabilidade contable.

4. O establecido neste artigo enténdese sen menoscabo das facultades que, en materia de fiscalización externa das entidades locais, teñan atribuídas polos seus estatutos as comunidades autónomas».

A «Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas», determina no seu artigo 1 que «o Consello de Contas de Galicia, como órgano de fiscalización das contas e da xestión económico-financeira e contable, exercerá a súa función en relación coa execución de programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma...» e, no seu artigo 2, sinala que «para os efectos desta lei, compoñen o sector público da Comunidade Autónoma:… b) As entidades locais e os entes e organismos, calquera que for a súa forma xurídica, dependentes ou controlados directa ou indirectamente por aquelas.

Así mesmo, o artigo 25.2 establece que «as entidades locais deberán emitir as contas de cada exercicio directamente ao Consello…».

Resulta, pois, que as entidades locais no ámbito territorial de Galicia deben render as súas contas anuais tanto ao Tribunal de Contas como ao Consello de Contas e quedan suxeitas á fiscalización que da súa xestión económico-financeira poidan desenvolver ambas as institucións, tal e como se deriva da normativa que lle resulta de aplicación.

A entrada en vigor do «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local», introduciu como novidade no seu artigo 29.3.A) a obriga do órgano interventor da entidade local de realizar anualmente a auditoría das contas anuais: de «a) dos organismos autónomos locais; b) das entidades públicas empresariais locais; c) das fundacións do sector público local obrigadas a auditarse pola súa normativa específica; d) dos fondos e os consorcios aos que se refire o artigo 2.2. do propio regulamento; e e) das sociedades mercantís e das fundacións do sector público local non sometidas á obriga de auditarse que tiveran sido incluídas no plan anual de auditorías». Pola súa banda, a disposición transitoria única do dito «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local», indica que «as auditorías de contas previstas no artigo 29.3.A) Se realizarán sobre as contas anuais respecto das que se peche o exercicio contable a partir do 1 de xaneiro de 2019».

En consecuencia, é preciso modificar o anexo 1 do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición», publicada por Resolución do 1 de xuño de 2016, para incluír entre a documentación que acompaña a Conta Xeral que debe renderse anualmente, a relativa aos informes de auditoría das contas anuais das entidades ás que se refire o artigo 29.3.A) do «Real Decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno das entidades do sector público local», que fosen aprobados antes de efectuar a dita rendición.

De forma complementaria ao anterior, procédese tamén a modificar o anexo 1 do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición», para incluír, entre a documentación que debe acompañar a Conta Xeral, a correspondente aos informes de auditoría referidos a aquelas entidades dependentes da entidade local que, en virtude da normativa mercantil, están suxeitas á obriga de someter a auditoría as súas contas anuais.

Ademais, unha vez transcorridos catro anos desde a aprobación do reiteradamente citado «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición» considérase oportuno avanzar no envío dentro da documentación que debe acompañar a Conta Xeral, da información estruturada conforme o formato «xml», no lugar do formato «pdf», concretamente no relativo ás contas anuais das entidades sen fin de lucro incluídas no ámbito da Conta Xeral dunha entidade local.

As anteriores modificacións serán de aplicación a partir da rendición das contas xerais das entidades locais correspondentes ao exercicio 2019.

Finalmente, aprovéitase esta modificación do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición» para actualizar as referencias normativas a diversas disposicións que, na actualidade, foron derrogadas.

Polo que antecede, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do 6 de marzo de 2020, acorda:

Primeiro. Modifícase a redacción do anexo 1 «Ficheiros que se van remitir» do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición» de conformidade co disposto a seguir:

1. Modifícase o terceiro guión do anexo 1 «Entidades sen fin de lucro incluídas no ámbito da conta xeral», que pasa ter a seguinte redacción:

«As contas anuais das entidades sen fin de lucro dependentes ou adscritas a unha entidade local, de acordo coa regra 49 da Instrución do modelo simplificado ou a regra 48 da Instrución do modelo normal de contabilidade local, de conformidade coa «Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira», remitíranse nos seguintes ficheiros:

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_NOR_ESFL_CUENTAS-ANUALES.xml, para as entidades que aplican os modelos normais do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen fins lucrativos.

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_ABR_ESFL_CUENTAS-ANUALES.xml, para as entidades que aplican os modelos abreviados do Plan xeral de contabilidade para as entidades sen fins lucrativos.

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_PYM_ESFL_CUENTAS-ANUALES.xml, para as entidades que aplican o Plan de contabilidade de pequenas e medianas entidades sen fins lucrativos.

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_ESFL_MEMORIA.pdf.

No campo «ENTIDAD» deberá consignarse o NIF da entidade contable. Os ficheiros «xml» axustaranse ás especificacións técnicas publicadas no Portal do Tribunal de Cuentas en internet (www.tcu.es) e na Plataforma de rendición de cuentas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es). Os ficheiros «pdf» non poderán ser obxecto de fraccionamento nin excederá o seu tamaño do publicado no enderezo: www.rendiciondecuentas.es.»

2. Engádase un cuarto guión no anexo 1, coa seguinte redacción:

«– Informes de auditoría de contas das entidades incluídas no ámbito subxectivo do artigo 29.3.A) do «Real decreto 424/2017, do 28 de abril, polo que se regula o réxime xurídico do control interno nas entidades do sector público local».

Os informes de auditoría de contas realizados polo órgano da Intervención local sobre organismos autónomos locais; entidades públicas empresariais locais; fundacións do sector público local obrigadas a auditarse pola súa normativa específica; fondos carentes de personalidade xurídica con dotación efectuada maioritariamente desde os orzamentos xerais da entidade local; consorcios dotados de personalidade xurídica propia adscritos á entidade local, de conformidade coa «Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público»; e sociedades mercantís e fundacións do sector público local non sometidas á obriga de auditarse que fosen incluídas no plan anual de auditorías, remitiranse polas entidades locais mediante o seguinte ficheiro:

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_INFORME_AUDITORIA_PUBLICA.pdf.

No campo «ENTIDAD» deberá consignarse o NIF da entidade contable. Os ficheiros “pdf” non poderán ser obxecto de fraccionamento nin excederá o seu tamaño do publicado no enderezo: www.rendiciondecuentas.es.»

3. Engádase un quinto guión no anexo 1, coa seguinte redacción:

«– Informes de auditoría de contas das sociedades mercantís dependentes da entidade local, sometidas á obriga de auditoría de contas de conformidade co previsto no artigo 263 do «Real decreto lexislativo 1/2010, de 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital.

Os informes de auditoría de contas de sociedades mercantís con capital social pertencente integramente á entidade local, das que teña unha participación maioritaria, máis aquelas outras dependentes da entidade local, de acordo coa «Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira», sometidas á obriga de auditoría de contas, de conformidade co previsto no artigo 263 do «Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital», será remitida polas entidades locais mediante o seguinte ficheiro:

– ENTIDAD(9)_EJERCICIO(4)_INFORME_AUDITORIA_PRIVADA.pdf.

No campo «ENTIDAD» deberá consignarse o NIF da entidade contable. Os ficheiros “pdf” non poderán ser obxecto de fraccionamento nin excederá o seu tamaño do publicado no enderezo: www.rendiciondecuentas.es».

Segundo. Modifícase a redacción da regra 3 do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición», substituíndo «Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal» por «Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais».

Terceiro. Modifícase a redacción do cuarto paragrafo da regra 3 do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición», que pasa a ter a seguinte redacción:

«O procedemento de remisión telemática das contas (integridade, autenticidade, seguridade, entre outros aspectos) axustárase ao previsto na «Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, e as súas disposicións de desenvolvemento en relación cos procedementos electrónicos».

Disposición transitoria. Ámbito temporal de aplicación

As modificacións derivadas do presente Acordo serán de aplicación a partir da rendición das Contas Xerais das entidades locais correspondentes ao exercicio 2019.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente modificación do «Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 31 de maio de 2016, polo que se aproba a Instrución que regula o formato normalizado da conta xeral das entidades locais de Galicia en soporte informático e o procedemento telemático para a súa rendición», entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.