Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 16948

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2020 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas correspondentes á anualidade 2020, previstas na Resolución do 4 de setembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se realiza a súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

O 16 de setembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 175 a Resolución do 4 de setembro 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se realiza a súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

A dita resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual en Galicia, e se realiza a súa convocatoria para os anos 2019 e 2020.

O artigo 3 das citadas bases reguladoras dispón que as subvencións relativas ao obxecto desta resolución se imputarán á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 90.000 € para a anualidade 2019 e de 450.000 € para a anualidade 2020, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 12.

Segundo se establece no citado artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

Tendo en conta que existe crédito susceptible de ser utilizado para este fin como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, e o elevado volume de solicitudes recibidas en relación co orzamento dispoñible correspondente á anualidade 2020, considérase conveniente ampliar o importe inicial da citada anualidade 2020 en 148.946,03 € de maneira que se poida atender un maior número de solicitudes presentadas.

De acordo co anterior, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

1. Ampliar a dotación de fondos inicialmente prevista nesta convocatoria para a anualidade 2020 na contía de 148.946,03 €, polo que o crédito orzamentario total asignado para estas axudas tras esta ampliación con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, ascende a 598.946,03 €.

2. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, data da sinatura dixital

O/a director/a da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 dos Estatutos da Axencia Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente de Turismo de Galicia