Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Martes, 17 de marzo de 2020 Páx. 16691

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2020 pola que se anuncia a convocatoria da primeira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

A Valedoría do Pobo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, acorda convocar a primeira edición dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TGF) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres, que se rexerá de acordo coas seguintes

Bases

1. Obxecto.

Estas bases teñen como obxecto regular a concesión dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grao (TGF) e traballos fin de máster (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

2. Requisitos.

Os traballos presentados deben ser orixinais e deberán destacar polo seu elevado valor científico académico en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Os ditos traballos non poden ter sido publicados, agás o disposto no parágrafo seguinte, nin premiados en calquera convocatoria ou concurso con anterioridade á data na que se dea publicidade á resolución do xurado. Para estes efectos, entenderase que un traballo foi publicado cando se atope reproducido de forma múltiple en calquera formato de impresión ou medio audiovisual, xa sexa con contraprestación económica ou de forma gratuíta.

Serán admitidos os traballos que fosen publicados exclusivamente no repositorio institucional da universidade correspondente e de acordo coa normativa que lle sexa de aplicación.

Os traballos deben ter sido lidos, defendidos e/ou xulgados, segundo proceda, ante un tribunal de calquera universidade galega durante os cursos académicos 2016-2020.

Os dereitos sobre os traballos presentados non poderán estar cedidos a terceiros con carácter de exclusividade.

3. Dotación.

O xurado poderá conceder os seguintes premios:

a) Premio ao mellor traballo fin de grao (TGF): 1.000 € e diploma acreditativo.

b) Premio ao mellor traballo fin de máster: 1.000 € e diploma acreditativo.

Os premios aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 01.02.111B 480.00 da Institución do Valedor do Pobo para 2020, na que existe crédito axeitado e suficiente.

O pagamento dos premios estarán suxeitos ás retencións e ao réxime fiscal que lle sexa de aplicación. As persoas premiadas deberán acreditar estar ao día das súas obrigas coa facenda autonómica, estatal e coa Seguridade Social

4. Solicitudes.

As solicitudes axustaranse ao modelo de instancia que figura como anexo I, que estará á disposición das persoas interesadas no enderezo electrónico da Valedoría do Pobo www.valedordopobo.gal, da Universidade de Santiago de Compostela www.usc.es, Universidade da Coruña www.udc.es e da Universidade de Vigo www.uvigo.es, e no Rexistro da Valedoría do Pobo (rúa do Hórreo, nº 65, 15701 Santiago de Compostela, A Coruña), das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.30 ás 19.00 horas, de luns a venres, e nos rexistros das universidades asinantes.

Coas solicitudes, presentarase a seguinte documentación:

a) Traballos fin de grao (TGF) e traballos fin de máster (TFM) en formato papel e en formato electrónico (cd ou pendrive en formato word, libreoffice ou latex).

b) Síntese descritiva do traballo e consideracións que o/a autor/a estime oportunas, en formato papel e en formato electrónico, que no deberá superar a extensión máxima de cinco páxinas por unha cara e no seguinte formato: tamaño letra 11, espaciado 1.5.

c) Certificado académico especificando o título do traballo, director/a deste, cualificación obtida e, de ser o caso, data de lectura e tribunal que a xulgou.

5. Lugar e prazo de presentación.

Os traballos, dirixidos á Valedora do Pobo, presentaranse no Rexistro da Valedoría do Pobo ou nos rexistros da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No suposto de que non se presenten no Rexistro das entidades convocantes, deberá enviarse, dentro do prazo de presentación, unha comunicación vía correo electrónico (rexistro@valedordopobo.gal), na que se detalle o medio utilizado de presentación, segundo o modelo que consta no anexo II.

As solicitudes presentaranse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 15 de outubro de 2020. As persoas interesadas poderán consultar as bases da convocatoria no dito boletín e na páxina web da Valedoría do Pobo e das universidades galegas.

Se a solicitude non reúne os datos ou os documentos exixidos, a persoa interesada disporá de dez (10) días hábiles para corrixir a falta ou achegar os documentos preceptivos. No caso de que non o fixer, será considerada desistida da súa petición.

Sen prexuízo do anterior, poderase requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a valoración do traballo presentado.

As comunicacións realizaranse exclusivamente a través do enderezo de correo electrónico proporcionado polos solicitantes.

6. Xurado.

O xurado estará composto polos seguintes membros:

• Presidencia: a Sra. Valedora do Pobo.

• Vogais:

– A adxunta á Valedora do Pobo

– O reitor da Universidade de Santiago de Compostela ou a persoa na que delegue elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

– O reitor da Universidade da Coruña ou a persoa na que delegue elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

– O reitor da Universidade de Vigo ou a persoa na que delegue elixida pola súa traxectoria profesional e persoal en materia de igualdade.

– A asesora da Valedoría do Pobo en materia de xénero.

• Secretaría: secretario xeral da Valedoría do Pobo.

Unha vez constituído o xurado, publicarase a relación nominal dos seus compoñentes na páxina web das institucións convocantes.

Para o non disposto nestas bases, serán de aplicación as normas contidas nos capítulos II, sección terceira da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

7. Resolución.

Unha vez valorados os traballos fin de grao (TGF) e traballos fin de máster (TFM) presentados, o Xurado emitirá a resolución no prazo máximo de seis meses contados a partir do día de finalización do prazo de presentación.

As decisións tomaranse por maioría, tendo a presidencia do xurado voto de calidade en caso de empate.

No caso de considerar que os traballos presentados non teñen a calidade suficiente, poderase declarar algún ou todos os premios desertos.

A resolución do xurado será inapelable, e publicarase no Diario Oficial de Galicia e nas páxinas web das entidades convocantes.

8. Aceptación das bases e autorización ás entidades convocantes dos premios para a publicación.

A participación nesta convocatoria supón a aceptación expresa destas bases, así como a autorización ás entidades convocantes dos premios para a publicación, por calquera medio, dos traballos premiados. Para efectos da súa publicación, poderase solicitar a adaptación do traballo ao habitual das publicacións institucionais.

As persoas premiadas, unha vez notificado o premio, deberán achegar no prazo de quince (15) días, acreditación de estar ao corrente das súas obrigas coa facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

9. Revogación dos premios.

O incumprimento das condicións que se tivesen en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á súa revogación, así como ao reintegro das cantidades percibidas.

10. Datos de carácter persoal.

As institucións convocantes publicarán na súa páxina web oficial as distintas fases de tramitación do procedemento de concesión dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas presentadas e da súa publicación na páxina web institucional.

En cumprimento do disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, infórmase de que os datos persoais recollidos na solicitude de participación na convocatoria se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento, coa finalidade da xestión deste procedemento. Os/as solicitantes poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei mediante un escrito dirixido á Valedoría do Pobo.

11. Facultades da Valedora do Pobo.

Facúltase a Valedora do Pobo a ditar as resolucións necesarias para o axeitado desenvolvemento desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

missing image file
missing image file