Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 16 de marzo de 2020 Páx. 16467

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 16 de marzo de 2018 pola que se incoaba o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego, e se comunica o inicio das actuacións previas para unha nova proposta de incoación ampliada.

O 16 de marzo de 2018 a directora xeral de Patrimonio Cultural emitiu a resolución pola que se incoaba o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego (DOG núm. 81, do 26 de abril).

No punto quinto da devandita resolución acordouse abrir un período de información pública polo prazo de tres meses para que calquera persoa física ou xuridica puidese consultar o expediente e presentar alegacións e informacións que considerase oportunas.

A descrición da manifestación do patrimonio cultural inmaterial do baile galego tradicional recóllese no anexo I da resolución e no seu anexo II establécese unha proposta de medidas de salvagarda, de carácter xenérico e específico para colaborar na súa conservación e difusión.

Durante o procedemento de información pública foron presentadas alegacións por diversas persoas e asociacións, entre eles colectivos relacionados coa antropoloxía e o patrimonio etnolóxico de Galicia, e tamén co propio baile tradicional.

Todas elas recollen un texto idéntico ou moi similar, cunha mesma estrutura e contidos, así como argumentos que inciden en aspectos que deben ser valorados.

Á vista do informe técnico do Servizo de Inventario, como resultado final da documentación e a recollida da súa valoración no procedemento de información pública, resulta evidente que persoas e colectivos -que tamén teñen a consideración de portadores da manifestación, así como responsables tamén de medidas de documentación, investigación e difusión para a súa salvagarda- consideran que a descrición e o alcance da valoración do baile galego segundo o procedemento incoado non é representativo do conxunto dos seus valores.

O procedemento para recoñecer o valor cultural sobranceiro dunha manifestación do patrimonio cultural inmaterial debe procurar acadar os criterios de participación que garantan o acaído e a oportunidade da declaración.

Tendo en conta todo o exposto e á vista do informe do Servizo de Inventario, que conclúe: «Á vista de todo o anterior e tomando en consideración o contido da información recollida na fase do procedemento de participación pública, considérase que, ben que semella acreditado o carácter sobranceiro do baile tradicional, a súa descrición e a das comunidades, organizacións e individuos que o manteñen, debe ser revisada e completada»; e no exercicio das competencias que se recollen no artigo 11 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Deixar sen efecto a Resolución do 16 de marzo de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoaba o expediente para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego, para a revisión do seu contido e alcance e o inicio dunha nova proposta.

Segundo. Actuacións previas

Retomar as actuacións previas para a máis ampla descrición da manifestación e das prácticas sociais actuais, para o que se completará o procedemento desde unha perspectiva antropolóxica para tramitar ao seu remate unha nova incoación, que se someterá ás actuacións e trámites recollidos nos artigos 16 e seguintes da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Terceiro. Contido das actuacións previas

1. Establecer a ampliación do contido da descrición do baile tradicional á música tradicional como unha única manifestación do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

2. Ampliar a relación de prácticas sociais do baile e música tradicional galegas na actualidade.

3. Revisar as medidas de salvagarda propostas.

4. Estudar a relación coas danzas tradicionais en Galicia.

Cuarto. Notificación

Notificarase esta resolución a todos os interesados no procedemento, tanto os que impulsaron a primeira petición como os que se teñen incorporado no trámite de información pública.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural