Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 16 de marzo de 2020 Páx. 16438

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento PR905A).

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

No Consello da Xunta de Galicia do 12 de abril de 2018 aprobouse a Estratexia Retorna 2020, que inclúe medidas tanto específicas como transversais, destinadas por un lado a rexuvenecer a poboación galega e contribuír a superar a crise demográfica que atravesa a comunidade e, por outra, facilitar o dereito dos emigrantes galegos e mais os seus descendentes a regresar a Galicia.

Dentro destas medidas da Estratexia Retorna recóllese como un dos obxectivos a atención de situacións de vulnerabilidade en familias galegas retornadas que carezan de recursos suficientes para a súa plena integración, polo que esta secretaría xeral convoca esta resolución de axudas económicas en favor de persoas emigrantes galegas retornadas, que ten por finalidade axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante esta liña de axudas prevese tamén unha axuda específica para as familias con fillos menores de idade que retornasen a partir do 1 de xaneiro de 2019 e se establezan en Galicia, dun importe de 1.000 euros por fillo ata o segundo fillo, e de 1.500 euros a partir do terceiro, cun incremento do 25 % no caso de que a familia resida nun concello rural, co obxecto de darlle pleno cumprimento aos obxectivos que ten encomendados de reforzar o apoio destinado a familias con cargas familiares, con especial atención ás que fixen a súa residencia nunha zona rural.

Polos ditos motivos e dada a súa excepcionalidade por razóns de interese social, proponse un mecanismo de tramitación e resolución que, sen prexuízo da obxectividade da concesión e das garantías na súa aplicación, faciliten a tramitación e resolución sobre as peticións que se formulen, todo isto de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 76/2017, do 28 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións da Secretaría Xeral da Emigración que teñen por finalidade a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas a persoas emigrantes galegas retornadas que carezan dos recursos suficientes para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as devanditas axudas para o ano 2020.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, e conforme o disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

4. A concesión destas axudas efectuarase atendendo en todo caso á data de presentación de cada unha das solicitudes con toda a documentación relacionada no artigo 9 e estará, en calquera caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito establecido para esta subvención, a Secretaría Xeral da Emigración publicará esta circunstancia no DOG, o que comportará a inadmisión das solicitudes presentadas con posterioridade á data da dita publicación, sen prexuízo de que se poida incrementar o crédito orzamentario nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR905A.

Artigo 2. Financiamento

1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito dun millón novecentos mil euros (1.900.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España con nacionalidade española, establezan a súa residencia na Comunidade Autónoma galega:

a) As persoas galegas e nadas en Galicia.

b) Os cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal das persoas galegas e nadas en Galicia.

c) Os/as fillos/as das persoas galegas e nadas en Galicia.

Artigo 4. Requisitos

1. Requisitos que deberán cumprirse e acreditarse na data da presentación de solicitudes:

a) Estar en posesión da nacionalidade española antes de retornar.

b) Estar empadroada e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.

d) Non ter transcorrido máis de dous anos entre a data do retorno a España e a data de presentación da solicitude.

e) Carecer de recursos económicos suficientes na unidade familiar.

Para estes efectos, considérase que son recursos económicos suficientes cando a suma da media dos ingresos que perciba cada membro da unidade familiar, nos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude, dividido entre o número de persoas que a integren supere o importe do IPREM mensual (indicador público de renda de efectos múltiples) vixente na data da solicitude.

Para os efectos desta axuda, consideraranse ingresos da unidade familiar os obtidos por calquera dos seguintes conceptos:

• Rendementos do traballo. Inclúe as rendas netas do traballo por conta allea, excepto as pagas extra, liquidacións ou indemnizacións. Excluiranse, en todo caso, os salarios xerados no estranxeiro.

• Rendas de actividades económicas, profesionais, empresariais ou agrarias. Compútase como rendas o rendemento neto reducido (ingresos menos gastos) dos distintos tipos de actividades desenvolvidas en España.

• Pensións e prestacións. Inclúe os ingresos netos de todo tipo de pensións e prestacións, excepto a prestación económica por razón de necesidade (ancianidade e incapacidade) da Dirección Xeral das Migracións do Ministerio de Emprego e Seguridade Social español que puidesen percibir no seu país de orixe.

• Rendas do capital mobiliario. Inclúe os rendementos netos das distintas contas bancarias e investimentos financeiros.

• Rendas do capital inmobiliario. Inclúe os rendementos netos dos bens inmobles arrendados diferentes da vivenda habitual.

Exceptúanse do cómputo dos ingresos da unidade familiar do punto anterior os seguintes conceptos:

Os ingresos de carácter finalista dirixidos á formación regrada.

Os ingresos por asistencia a cursos de formación non regrada, como incentivos ou gratificacións pola participación.

Os ingresos de pagamento único dirixidos a paliar situacións de emerxencia social.

As prestacións familiares por fillo/a ou menor a cargo.

As prestacións económicas e libranzas derivadas de Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

f) Carecer de bens patrimoniais suficientes (bens mobles e/ou bens inmobles) na unidade familiar.

• Entenderase como bens mobles suficientes cando o valor dos bens mobles de todas as persoas da unidade familiar, na data de presentación da solicitude, supere o límite de 15.000 euros cando a unidade familiar estea formada por unha persoa, incrementado, se é o caso, en 3.000 euros adicionais por cada un dos restantes membros da unidade familiar.

O capital mobiliario ou bens mobles estará conformado polos depósitos en conta corrente ou a prazo, accións, fondos de investimento e fondos de pensións, valores mobiliarios, etc., que se valorarán polo seu valor nominal que conste na correspondente documentación bancaria, tanto en España como no estranxeiro.

• Entenderase como bens inmobles suficientes cando a suma dos valores dos inmobles de todas as persoas que integran a unidade familiar, excluída a vivenda habitual, supere o límite de 50.000 euros, na data de presentación da solicitude.

O capital inmobiliario ou bens inmobles estará conformado polos inmobles radicados en España, de natureza rústica ou urbana, de acordo co seu valor catastral, que figure no recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no contrato de compravenda.

2. Entenderase como unidade familiar a formada pola persoa solicitante e, se é o caso, polo seu cónxuxe non separado legalmente, parella de feito inscrita ou persoa unida por análoga relación, e os/as fillos/as da persoa solicitante solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

No caso de que a persoa solicitante sexa solteiro menor de 25 anos ou maior desta idade e incapacitada, a unidade familiar estará formada pola persoa solicitante e, se é o caso, polos seus proxenitores, irmán/s ou irmá/s solteiros/as menores de 25 anos, así como os maiores desa idade incapacitados, que residan na mesma vivenda.

Para estes efectos, só se computarán como membros da unidade familiar os que consten inscritos no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto do padrón municipal, ou ben na certificación municipal de convivencia, no momento de presentar a solicitude.

No caso de que a persoa solicitante estivese residindo nun establecemento de acollida temporal, nunha residencia de persoas maiores ou nun aloxamento turístico, a determinación da unidade familiar realizarase segundo as circunstancias do caso concreto.

3. Quedan excluídas destas axudas as persoas que resultasen beneficiarias en virtude das resolucións polas que se aproban as bases reguladoras e se convocan as axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, nas tres convocatorias anteriores á presente:

– Resolución do 6 de marzo de 2017 (DOG núm. 52, do 15 de marzo de 2017).

– Resolución do 14 de marzo de 2018 (DOG núm. 61, do 27 de marzo de 2018).

– Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 32, do 14 de febreiro de 2019).

4. Soamente se poderá presentar unha única solicitude de axuda económica en cada convocatoria e por cada unidade familiar. No caso de que a persoa solicitante ou outro membro da unidade familiar presente outra solicitude de axuda, entenderase como válida a presentada en primeiro lugar segundo o asento de rexistro correspondente.

Artigo 5. Criterios de valoración

A valoración das axudas efectuarase conforme os criterios e a gradación que se establecen a seguir:

1. Situación económica per cápita mensual das persoas que integren a unidade familiar, de acordo co establecido no artigo 4.1.e) desta resolución, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos e rendas inferiores ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

b) Ingresos e rendas do 50 % ao 80 % do IPREM: 2 puntos.

c) Ingresos e rendas superiores ao 80 % do IPREM e ata o IPREM: 1 punto.

2. Cónxuxe, parella de feito inscrita ou persoa unida por análoga relación da persoa solicitante, sempre que conste no mesmo domicilio no certificado de empadroamento conxunto:

a) No caso de menor de 65 anos: 1 punto.

b) Con 65 ou máis anos: 2 puntos.

3. Número de fillos/as menores de 18 anos da persoa solicitante que convivan no seu domicilio e que consten no certificado de empadroamento conxunto: 1,5 puntos por cada fillo/a.

4. Número de fillos/as da persoa solicitante, maiores de 18 anos e menores de 25 anos solteiros/as ou maiores desta idade incapacitados, que convivan no seu domicilio e que consten no certificado de empadroamento conxunto: 1 punto por cada fillo/a.

5. Persoa solicitante menor de idade: 1 punto.

6. Familia numerosa recoñecida por unha Administración pública e, en todo caso, entendida como as unidades familiares en que a persoa solicitante tivese, polo menos, tres fillos convivindo no seu domicilio e que consten no certificado de empadroamento conxunto: 1 punto.

7. Situación de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante:

– Discapacidade igual ou superior ao 33 % e inferior ao 65 %: 1 punto.

– Discapacidade igual ou superior ao 65 %: 2 puntos.

– Dependencia en grao I ou II: 1 punto.

– Dependencia en grao III: 2 puntos.

No caso de que a persoa discapacitada ou dependente necesite axuda de terceira persoa para as actividades básicas da vida diaria, a puntuación incrementarase en 2 puntos.

Naqueles certificados emitidos polos órganos competentes en que non conste a porcentaxe de discapacidade valorarase con 1 punto.

Naqueles casos en que o solicitante presente unha situación de discapacidade e dependencia, só se valorará unha das situacións.

8. Enfermidade grave ou moi grave da persoa solicitante, sempre e cando non se valorase no número 7: 1 punto.

9. Solicitante que fose vítima da violencia de xénero nos cinco anos anteriores ao retorno: 2 puntos.

10. As persoas solicitantes que teñan 65 anos ou máis na data de presentación da solicitude: 4 puntos.

Artigo 6 Contía, pagamento e compatibilidade de axudas

1. As axudas de carácter xenérico para facer fronte á situación derivada do retorno da unidade familiar previstas nesta resolución aboaranse por unha soa vez e o seu importe establécese en función do número de puntos que se obteñan segundo os criterios recollidos no artigo 5. Fíxase para os efectos un valor de 300 euros por unidade de puntuación, o que determinará a contía da axuda.

2. Co fin de axudar a sufragar os gastos derivados do retorno, establécese unha axuda específica de pagamento único que incrementará a contía das axudas previstas no punto 1 deste artigo e que terá os seguintes importes:

– 300 euros para a persoa beneficiaria procedente de Europa.

– 800 euros para a persoa beneficiaria procedente dun país de fóra de Europa.

3. Coa finalidade de reforzar o apoio ás persoas beneficiarias con cargas familiares, establécense tamén unhas axudas específicas de pagamento único, sempre que a persoa beneficiaria retornase despois do 1 de xaneiro de 2019 e teña algún fillo ou filla menor de 18 anos convivindo no seu domicilio e que consten no certificado de empadroamento conxunto. Neste caso, os fillos menores de 18 anos non se incluirán no criterio de valoración establecido no punto 3 do artigo 5.

a) As contías destas axudas outorgaranse por cada fillo menor e terán os seguintes importes:

– 1.000 euros polo/a primeiro/a e segundo/a fillo/a menor de 18 anos.

– 1.500 euros a partir do/da terceiro/a fillo/a menor de 18 anos.

b) No caso de que no momento de solicitar a axuda a unidade familiar conste empadroada e residindo nun concello rural, as anteriores contías establecidas por cada fillo/a menor incrementaranse nun 25 %.

Para estes efectos, enténdese por concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

4. No caso de que a persoa beneficiaria fose menor de idade e retornase despois do 1 de xaneiro de 2019, aplicarase tamén o previsto no punto anterior deste artigo, incrementando neste caso a contía da axuda en 1.000 euros e un 25 % máis no caso de residir nun concello rural. Neste caso non se lle aplicará a puntuación establecida no criterio de valoración recollido no punto 5 do artigo 5.

5. As axudas específicas de pagamento único establecidas para os supostos recollidos nos puntos 3 e 4 deste artigo poderanse conceder no caso de que a persoa solicitante non poida ser beneficiaria das axudas xenéricas por non cumprir os requisitos establecidos no artigo 4.1.e) ou f) desta resolución, sempre que a renda per cápita anual dos membros da unidade familiar do ano anterior ao da convocatoria non supere os 13.500 euros.

6. A contía límite da axuda extraordinaria concedida será ata un máximo de 6.000 euros.

7. As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con calquera outra que poida percibir a persoa solicitante para o mesmo fin.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de agosto de 2020 incluído.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade ou estea incapacitada, a solicitude farase a nome do menor ou incapaz e será asinada polo seu representante legal. Neste caso deberá acreditarse a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.

b) Documentación acreditativa da vinculación con Galicia da persoa solicitante: nacemento en Galicia ou, de ser o caso, ser cónxuxe ou parella de feito inscrita ou fillo/a dunha persoa galega e nada en Galicia.

c) Documentación acreditativa dos vínculos de parentesco da persoa solicitante co resto dos membros da súa unidade familiar que consten residindo na mesma vivenda no certificado de empadroamento conxunto, se é o caso: libro de familia ou certificado de matrimonio ou certificación do Rexistro de Parellas de Feito ou declaración en que conste a persoa coa cal está unida por análoga relación, así como certificados de nacemento dos/das fillos/as da persoa solicitante.

No caso de separación legal ou divorcio, ou disolución dunha parella de feito, achegarase a correspondente sentenza xudicial firme ou certificación rexistral.

d) Certificado de empadroamento conxunto ou de convivencia de data actual, expedido polo concello galego de residencia da persoa solicitante, no cal se acredite que todas as persoas que constitúen a súa unidade familiar están empadroadas no mesmo enderezo.

e) Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.

f) Certificación actualizada de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa solicitante e dos demais membros da súa unidade familiar maiores de 18 anos, se é o caso.

g) Documentación acreditativa dos ingresos económicos, pensións ou rendas de calquera tipo, correspondentes aos dous meses anteriores ao da presentación da solicitude da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non perciba ingresos económicos, pensións ou rendas, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

h) Documentación bancaria de saldo en contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc. acreditativa do valor dos bens mobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, na data de presentación da solicitude, que se teñan tanto en España coma no estranxeiro.

No caso de que algún membro da unidade familiar, con excepción do solicitante, non teña bens mobles (contas correntes, depósitos bancarios, accións, valores, etc.), declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

i) Documentación acreditativa do valor dos bens inmobles da persoa solicitante e dos demais membros da unidade familiar, con excepción da vivenda habitual, na data de presentación de solicitude: recibo do imposto que os grave (IBI) ou, na súa falta, no valor do contrato de compravenda.

No caso de que a persoa solicitante ou algún membro da unidade familiar non tivese outros bens inmobles diferentes á vivenda habitual, declaración responsable da persoa solicitante neste sentido.

k) Informe médico actualizado expedido por un servizo de saúde, no caso de alegar enfermidade grave ou moi grave da persoa solicitante.

l) Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de discapacidade ou dependencia da persoa solicitante, no caso de alegar tal circunstancia, só no caso de que non fosen recoñecidos pola Xunta de Galicia, ou tamén polo Imserso no caso de alegar dependencia.

m) No caso de que a persoa solicitante alegue ser vítima de violencia de xénero, deberá acreditar tal situación mediante sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe socioambiental emitido por un organismo oficial.

2. Cando a persoa solicitante se encontre na situación establecida no punto 5 do artigo 6, tamén deberá achegar a documentación acreditativa do importe dos ingresos anuais obtidos no ano anterior ao da convocatoria, tanto en España como no estranxeiro, de todas as persoas que forman a unidade familiar e, na súa falta, unha declaración responsable neste sentido.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. A Secretaría Xeral da Emigración poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración deste.

7. Cando os documentos achegados ao expediente pola persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

8. A Secretaría Xeral da Emigración poderá solicitar dos servizos sociais comunitarios do concello onde tivese fixada a residencia a persoa solicitante a emisión dun informe social en que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de ter un maior e adecuado coñecemento das ditas situacións.

Os ditos servizos sociais poderán remitir este informe xunto coa solicitude e o resto da documentación necesaria para a súa valoración, sen mediar solicitude previa da secretaría xeral, cando a persoa solicitante utilice estes servizos como apoio para tramitar a axuda.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI da persoa solicitante.

b) Certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

c) Certificado de discapacidade recoñecido pola Xunta de Galicia.

d) Certificado de dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.

e) Certificado de dependencia recoñecida polo Imserso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución e resolución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Xestión Económico-Administrativa e do Retorno.

2. De acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

3. De conformidade co disposto no artigo 22 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, unha vez concluída a tramitación do expediente, o órgano instrutor formulará directamente a proposta de resolución ao órgano concedente, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

4. Á vista da proposta de resolución, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses contado desde a presentación da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aceptación e renuncia

1. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, logo da instrución do correspondente expediente, en que se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral da Emigración, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais.

b) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Secretaría Xeral da Emigración, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Comunicarlle á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Segundo o disposto no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberá presentar unha declaración responsable de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia antes dos pagamentos.

d) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/ 2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) As demais obrigas previstas no artigo 11 da antedita lei.

Artigo 18. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora debidos desde o momento en que se efectúe o pagamento nos casos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

– O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

– Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda de realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, coa finalidade de levar a acabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación, resolución dos seus procedementos ou coa finalidade de comprobación de cumprimento de requisitos ou compatibilidade doutras axudas, así como para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A persoa solicitante deberá indicar na solicitude que presta o seu consentimento para que lle sexa remitida información doutros programas ou futuras accións promovidas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Dada a natureza das axudas recollidas nesta resolución e de conformidade co artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exceptúase a Secretaría Xeral da Emigración da publicación das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Emigración, a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta secretaría xeral (http://emigracion.xunta.gal/), onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta resolución.

b) Así mesmo, poderá obterse información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (http://www.xunta.gal/).

Artigo 22. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Artigo 23. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución e, en caso de que a resolución non for expresa, o recurso poderá interporse desde o día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2020

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file