Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 11 de marzo de 2020 Páx. 15702

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da casa sita na rúa Redondo, número 52, en Pontecesures (Pontevedra).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e aprobou no seu exercicio a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

O artigo 8.3 da devandita Lei 5/2016 indica: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, [...]».

Ademais, o artigo 87.1 considera que integran o patrimonio arquitectónico, entre outros, os inmobles aos cales se recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica. Así mesmo, no número 2 indica que o patrimonio arquitectónico se caracteriza polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas, e as cores e as texturas dos materiais.

O número 3 do mesmo artigo postula que o patrimonio arquitectónico aparece integrado de forma harmónica no territorio, formando parte dos núcleos urbanos, así como nos ámbitos territoriais que contribuíu a transformar e caracterizar. E o artigo 88.1.d) da LPCG refire que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos edificios destinados ao uso privado, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais. O artigo 88.2, tamén establece que poderá recoñecerse un significativo valor arquitectónico aos bens construídos con posterioridade ás datas sinaladas sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

O artigo 10.1 da devandita Lei 5/2016 establece que os bens inmobles deben integrarse nalgunha das categorías previstas na lei, das cales a máis axeitada pola súa natureza é a definida na alínea a): Monumento: a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.

Así mesmo, establécese no artigo 41.b) como protección estrutural a que implica a conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural.

Á vista da información que acompaña o expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor histórico e arquitectónico, cómpre proceder á incoación do procedemento de catalogación destes bens no exercicio da competencia que lle atribúe á persoa titular da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural o artigo 11 do Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo e, en virtude do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoación do procedemento

Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a casa sita na rúa Redondo, núm. 52, en Pontecesures (Pontevedra), consonte a descrición que figura no anexo I.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito (18) meses a partir da data desta resolución. Pasado ese prazo sen que se emita resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

Terceiro. Anotación preventiva

Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados, coa categoría de monumento e nivel de protección estrutural.

Cuarto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Pontecesures.

Sexto. Información pública

Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida facer as alegacións e achegar as informacións que coide oportunas.

O expediente poderá examinarse no Servizo de Inventario (Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 2º andar, de Santiago de Compostela).

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e delimitación do inmoble

1. Denominación: casa sita na rúa Redondo, núm. 52, en Pontecesures.

2. Localización:

• Provincia: Pontevedra.

• Concello: Pontecesures.

• Parroquia: San Xulián.

• Lugar: Redondo.

• Enderezo postal: rúa Redondo, núm. 52, 36649 Pontecesures.

• Coordenadas xeográficas UTM (ETRS89 fuso 29): X: 528.554, Y: 4.728.990.

3. Descrición:

Inmoble principal: edificación estremeira e aliñada coa N-550, antigo Camiño Real da Coruña a Tui. Construída con fábrica de cachotaría de grandes bloques de pedra cortados, revestida parcialmente, que desenvolve planta rectangular distribuída en baixo e un andar con cuberta de tellado a dúas augas, coas seguintes características formais:

• Fachada principal cara á estrada caleada, con idéntica distribución de ocos nos dous andares: tres aliñacións de ocos enmarcados de pedra coa liña central ocupada pola porta de entrada no baixo e un balcón voado con varanda de fundición no primeiro andar. No baixo todos os ocos están rematados con arcos rebaixados e consérvanse tres argolas de fundición das catro que debía haber orixinalmente, unha no marco esquerdo da entrada principal e dúas nos esquinais. O lintel da porta de entrada ten inscrito «Nº 1/1877». A fachada remátase cunha sinxela cornixa realizada en pedra.

• Fachada traseira cara ao oeste: no corpo superior ten unha balconada apoiada en ménsulas de pedra, que percorre a fachada completa e conserva una sinxela varanda de ferro. No baixo ten dúas portas.

• Fachada norte: o lenzo do muro só presenta dous ocos, un pequeno oco no faiado e outro descentrado no andar. Debaixo deste oco sobresae un cano de desaugamento feito dunha soa peza de pedra, probablemente procedente do vertedoiro interior. Destaca en altura unha gran cheminea rectangular feita de ladrillo na parte traseira da casa.

• Fachada sur de muro de pedra recebada, cun único oco pequeno rectangular centrado no andar superior.

Construción auxiliar: paralela á estrada e recuada da aliñación da casa principal existe unha edificación anexa cun pequeno forno de pedra no interior cunha lousa de pedra ao seu carón. Aínda que descoñecemos o uso para o que foi concibida esta construción, parece que foi cortello nalgún momento. Actualmente presenta mal estado de conservación e non conserva a cuberta. No muro norte conserva un corpo voado a modo de pendello de estrutura de madeira, con piares de pedra e cuberto por tella do país.

Outros elementos na parcela son: pozo artesán de auga rematado con catro bloques de pedra rectangulares e ao seu pé unha pía grande labrada en pedra dunha soa peza.

4. Natureza e categoría: ben inmoble. Patrimonio Arquitectónico. Nivel estrutural.

5. Réxime de protección específico:

Para todas as edificacións a estrutura de muros de cachotaría; a posición e dimensión de ocos; os elementos ornamentais de fachada: liñas de imposta, cercos e cornixas, incluídas a inscrición no lintel da porta principal; os elementos de ferraxaría, en especial as argolas e varandas e balconeiras; o remate de cheminea; o forno da edificación auxiliar e o pozo (agás a tapa). Conservarase a estrutura vertical da cuberta lateral da edificación auxiliar.

Manterase o volume das edificacións, agás pequenos axustes nas dimensións da cuberta para a súa reconstrución e, en caso necesario, os acondicionamentos de carácter térmico produciranse por medio de trasdosados interiores, co obxecto de recuperar os acabamentos orixinais das fachadas.

As actuacións autorizables serán as de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación, así como as de reestruturación no caso das placas e estrutura de cuberta, que poderán ser substituídas por elementos análogos ou coherentes cos orixinais que permitan un semellante funcionamento estrutural.

Non se consideran viables as ampliacións en planta nin altura das edificacións existentes, ben que si se considera factible a recuperación dos volumes orixinais e pequenos axustes en altura relativos aos procesos de reestruturación.

6. Delimitación e contorno de protección.

O ben está composto dos tres compoñentes descritos, en concreto a edificación principal, a construción auxiliar e o pozo localizados na parcela, identificados en vermello no plano.

No referido ao contorno de protección que se propón, dada a actual transformación e evolución do ambiente máis próximo, no cal existen instalacións de carácter terciario e comercial e outras de residencia plurifamiliar de recente construción xa consolidadas, proponse a delimitación dun contorno de protección do inmoble limitado exclusivamente á parcela identificada coa referencia catastral 8691405NH2289S0001QS.

missing image file