Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15328

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 26 de febreiro de 2020 pola que se extingue a autorización da rede de centros de ensinanzas deportivas COEN Centros de Formación, por cesamento de actividades docentes.

O representante da titularidade da rede de centros de ensinanzas deportivas (CAD) COEN Centros de Formación, solicita a extinción da autorización por cesamento de actividades.

Por Orde do 16 de xullo de 2014, DOG do 1 de agosto, autorízase a apertura e funcionamento da rede de centros de ensinanzas deportivas COEN Centros de Formación.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, nas que se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar os centros.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Extinción da autorización

Extinguir de conformidade co artigo 17.2 do Decreto 410/2003, por cesamento nas súas actividades docentes, por instancia da titularidade, a autorización do CAD COEN Centros de Formación, código do centro 36024860.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Centros

A presente extinción da autorización dará lugar a correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional