Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2020 Páx. 14094

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 28/2020, do 13 de febreiro, polo que se modifica o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.

A Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, refírese no seu capítulo IV á organización da Asesoría Xurídica Xeral e, no seu artigo 35.3, establece que dependerá xerárquica e funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral a Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde, integrada por letrados/as da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa especialización e prestación de servizos no organismo.

Así mesmo, o número 4 deste artigo habilita a Xunta de Galicia para aprobar a estrutura orgánica da Asesoría Xurídica Xeral, de acordo co establecido no artigo 27.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e para determinar os distintos órganos que dela dependen, así como as competencias e funcións dos gabinetes e das asesorías xurídicas.

O presente decreto realiza una modificación parcial da estrutura orgánica vixente, recollida no Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, no relativo á organización da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde, para os efectos de potenciala, tendo en conta as necesidades da asistencia, representación e defensa xurídica especializada que exixe o organismo.

A reforma céntrase no desdobramento dos servizos centrais da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde.

Cúmprese así neste aspecto coa aspiración de dotar os servizos xurídicos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público duns medios materiais e persoais adecuados e da máxima competencia nestes ámbitos.

Polas razóns expostas, a presente norma axústase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do trece de febreiro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo

O Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, queda modificado como segue:

Un. O número 2 do artigo 8 queda coa seguinte redacción:

«2. Así mesmo, dependerá xerárquica e funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral a Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde, integrada por letrados/as da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa especialización e prestación de servizos no organismo».

Dous. O artigo 16 queda redactado como segue:

«Artigo 16. A Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde

A Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde, con dependencia funcional e xerárquica da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e adscrita, orgánica e administrativamente, á Xerencia do organismo, estará integrada por letrados/as da Xunta de Galicia, sen prexuízo da súa especialización e prestación de servizos no organismo».

Tres. O artigo 17 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 17. Estrutura

1. A Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde estrutúrase en servizos centrais e gabinetes territoriais, tendo estas unidades atribuídas funcións consultivas e contenciosas.

2. Nos servizos centrais existirá unha xefatura de contencioso e unha xefatura de consultivo, con rango ambas de subdirección xeral, á fronte de cada unha das cales haberá un/unha letrado/a xefe/a. Estes órganos terán adscrito o persoal que se estableza na correspondente relación de postos de traballo».

Catro. O artigo 18 queda modificado como segue:

«Artigo 18. Funcións contenciosas dos servizos centrais

1. Os servizos centrais exercerán, baixo a dirección da persoa titular da xefatura de contencioso, en relación coa defensa en xuízo do Servizo Galego de Saúde, as funcións sinaladas nas letras a) e b) do artigo 9.1.

2. A persoa titular da xefatura de contencioso asumirá a defensa do Servizo Galego de Saúde nos recursos de amparo regulados na Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, ou norma que a substitúa, en que aquel sexa parte interesada.

3. A persoa titular da xefatura de contencioso dos servizos centrais da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde terá a inmediata dirección, impulso, coordinación e inspección dos servizos xurídicos contenciosos prestados polos gabinetes territoriais».

Cinco. O artigo 19 queda coa seguinte redacción:

«Artigo 19. Funcións consultivas dos servizos centrais

1. Os servizos centrais exercerán, baixo a dirección da persoa titular da xefatura de consultivo, respecto ao asesoramento xurídico do Servizo Galego de Saúde, as funcións previstas nas letras a), b), d) e f) do artigo 13.2».

2. A persoa titular da xefatura de consultivo exercerá, respecto ao asesoramento xurídico do Servizo Galego de Saúde, as funcións previstas nas letras a) e b) do artigo 10.1.

Seis. O artigo 20 queda modificado como segue:

«Artigo 20. Funcións non atribuídas aos servizos centrais

As funcións non atribuídas aos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde nos artigos 18 e 19 serán exercidas polos gabinetes centrais da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e todo iso sen prexuízo das facultades que á súa dirección xeral atribúe o presente regulamento».

Disposición transitoria primeira. Readscrición de persoal que ocupe postos de subdirección xeral na Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde

Como consecuencia da nova estrutura orgánica que se establece neste decreto, autorízase a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da dita consellería, para readscribir o persoal que ocupe postos de subdirección xeral na Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde aos postos de subdirección xeral que resultan do presente decreto.

Disposición transitoria segunda. Readscrición de unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo e de postos de letrado/a dos servizos centrais da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico de servizo ou inferior ao de servizo, así como os postos de letrado/a dos servizos centrais da Asesoría Xurídica do Servizo Galego de Saúde continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. Estas unidades e postos de traballo adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, por proposta da Secretaría Xeral Técnica da dita consellería, aos órganos regulados no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Boqueixón, trece de febreiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza