Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 28 de febreiro de 2020 Páx. 13897

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de febreiro de 2020 pola que se modifica a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual.

Con data do 28 de xuño de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual. No seu artigo 21.2 establécese que a xustificación pola persoa arrendataria do pagamento das rendas mensuais do contrato de alugamento se realizará de conformidade co establecido na correspondente convocatoria anual. Así mesmo, no seu artigo 22 se dispón que a subvención aboarase de conformidade co establecido na correspondente convocatoria anual.

De conformidade co anterior, no capítulo III da citada orde relativo á convocatoria con financiamento no ano 2018, o artigo 34 establece a forma de xustificación dos pagamentos mensuais e no artigo 35 o xeito de pagamento da subvención.

Así mesmo, mediante Orde do 21 de febreiro de 2019 (Diario Oficial de Galicia do 27 de febreiro) modificouse a redacción do artigo 34 relativo á xustificación dos pagamentos mensuais, establecendo que o procedemento de xustificación dos pagamentos das rendas mensuais se realizaría a partir do 1 de marzo de 2020 mediante o ingreso pola persoa arrendataria da súa parte de renda mensual nunha entidade bancaria e, en consecuencia, modificouse a redacción do artigo 35 relativo ao pagamento da subvención, sinalando que esta se faría efectiva a partir do 1 de marzo de 2020 na conta bancaria da persoa arrendadora.

O elevado número de persoas beneficiarias, a complexidade deste programa, no que tamén na fase de pagamento da subvención participan as persoas arrendadoras, a dificultade de realizar con éxito as correspondentes notificacións da modificación prevista no sistema de xustificación ás persoas beneficiarias, así como feito de que solo falte un ano para expirar as axudas desta convocatoria, aconsella que se manteña durante toda a vixencia da axuda tanto o sistema actual de xustificación como o de pagamento das subvencións mensuais da renda dos contratos de alugamento. Polo exposto, procede modificar a Orde do 21 de febreiro de 2019 para os efectos de extender durante o período de duración da axuda tanto o sistema actual de xustificación como o de pagamento mensual da subvención.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de xuño de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2018, con carácter plurianual

1. Modifícase o artigo 34 da Orde do 22 de xuño de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 34. Xustificación dos pagamentos mensuais

Segundo o establecido no artigo 21 das bases reguladoras, a xustificación dos pagamentos das rendas mensuais realizarase utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, a través dun extracto ou dun certificado bancarios, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

a) No caso de contratos de alugamento vixentes en 1 de xaneiro de 2018 ou celebrados con posterioridade a esta data e con anterioridade á notificación da resolución de concesión, o pagamento da renda das mensualidades anteriores á data da resolución de concesión deberase xustificar nos dez primeiros días naturais, contados desde a notificación da citada resolución.

b) Para o suposto da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, cando non se dispoña de contrato no momento de presentación da solicitude, deberase xustificar o pagamento da primeira mensualidade no momento de achegar o contrato xustificativo da subvención.

Nos casos de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido, perderase o dereito ao cobramento da subvención do citado mes».

2. Modifícase o artigo 35 da Orde do 22 de xuño de 2018, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 35. Pagamento da subvención

O ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo III».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda