Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13675

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 7 de novembro de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Corme modificación substancial (repotenciación do parque eólico Corme G-3) como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2019 cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Proyecto sectorial de incidencia supramunicipal. Repotenciación parque eólico Corme. Termo municipal de Ponteceso (A Coruña). Maio 2019 (tomos I e II), promovido por EDP Renovables España, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Ponteceso queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Corme modificación substancial (repotenciación do parque eólico Corme G-3).

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co plan urbanístico vixente.

O ámbito territorial do presente proxecto sectorial afecta unicamente o termo municipal de Ponteceso, cuxo plan urbanístico vixente é o Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 6 de maio de 2015.

Atendendo ao réxime transitorio establecido pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, na súa disposición transitoria primeira, e debido a que o plan vixente foi aprobado con anterioridade á entrada en vigor da Lei 2/2016, estando, con todo, adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ao solo rústico sobre o cal se desenvolve o presente proxecto sectorial seralle de aplicación o disposto na Lei 2/2016 para o solo rústico, mantendo en todo caso a vixencia das categorías de solo establecidas no plan vixente.

En diagnóstico incluído na súa memoria xustificativa, o documento de ordenación municipal recolle que as infraestruturas enerxéticas se identifícan no concello de Ponteceso co aproveitamento eólico e hidráulico. Trátase, por tanto, dun territorio produtor de enerxía, que transporta a electricidade xerada mesmo a subestación eléctrica de Cabana de Bergantiños, e son consideradas como elementos estructurantes pola actividade que xeran no concello.

1.1. Criterios de ordenación e clasificación do solo.

Conforme a lexislación urbanística autonómica e básica do Estado, constitúen o solo rústico os terreos que están sometidos a algún réxime de protección pola lexislación sectorial (augas, costa, espazos naturais, etc.) ou pola lexislación de ordenación do territorio que os fai incompatibles coa transformación urbanística.

Coincidindo coas devanditas regulacións, o Plan xeral de ordenación municipal define, no ámbito sobre o cal se estende o presente proxecto sectorial, os seguintes tipos:

1.1.1. Solo rústico de protección de infraestruturas.

Comprende os terreos rústicos destinados á instalación emprazamento de grandes infraestruturas e das súas zonas de servidume definidas na lexislación e normativa sectorial, que non poden ser obxecto de transformación urbanística.

No termo municipal de Ponteceso considéranse con esta protección os terreos afectados polas estradas autonómicas e provinciais, as liñas aéreas de alta tensión, e as infraestruturas de aproveitamento eólico. No presente caso inclúense nesta categoría o ámbito do parque eólico existente, sobre o cal parcialmente se superpón o que resulta da súa repotenciación obxecto do presente proxecto sectorial.

1.1.2. Solo rústico de protección natural (SRPN).

Reciben esta protección os espazos naturais protexidos existentes no concello, e que corresponden a zonas ZEPVN coa consideración de ZEC, e ZEPA, e espazos naturais das NN.SS., así como os propostos no plan hidrolóxico Galicia-Costa.

1.2. Clasificación do solo.

Atendendo ao anteriormente exposto e conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no ámbito do proxecto sectorial defínense as seguintes categorías de solo rústico de especial protección:

Mantéñense as categorías previstas no plan vixente, incorporando o ámbito do presente proxecto sectorial de repotenciación como solo rústico de especial protección de infraestruturas naquelas áreas que excedan as que actualmente presentan esta categoría, incluíndo aquelas vías de acceso ao parque existentes e as súas variantes.

Esta clasificación supón a superposición desta categoría sobre ámbitos distinguidos no plan actual con outras figuras de protección, aplicándose os distintos réximes de protección de forma complementaria conforme o establecido no número 4 do artigo 34 da Lei 2/2016.

Así mesmo, queda suprimida esta categoría de solo rústico de especial protección de infraestruturas nas áreas correspondentes ás infraestruturas do parque eólico que se desmantelan e non se atopan incluídas nas áreas vinculadas ao novo parque eólico repotenciado.

1.3. Determinacións.

Sendo, conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, de aplicación directa ao perderen vixencia as regulacións contidas nos instrumentos de ordenación urbanística municipal dos concellos sobre os cales se desenvolve o presente proxecto sectorial, para os efectos dos usos admisibles en solo rústico, poderán implantarse en todas as clases de solo rústico todos aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso do presente proxecto sectorial, logo de obtención do título habilitante municipal e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Atendendo a que, conforme o disposto na Lei 2/2016, resultan admisibles sobre solo rústico as infraestruturas e instalacións de produción e transporte de enerxía, como é o caso, e que da ordenación e servidumes implícitas ao presente proxecto sectorial de repotenciación do parque eólico Corme non derivan afeccións incompatibles sobre outros ámbitos de solo rústico de especial protección afectados por este, conclúese que a instalación prevista se adapta á ordenación urbanística.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Propóñense as seguintes modificacións da normativa urbanística vixente no Concello de Ponteceso para compatibilizar o contido do presente proxecto sectorial cos usos previstos nela.

Ao tempo da modificación ou adaptación do plan do termo municipal de Ponteceso, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano OW111005100EW1GL34C Ordenación urbanística proposta, cualificándoas como solo rústico de especial protección de infraestruturas conforme o artigo 34 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e incorporando a seguinte normativa:

2.1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as áreas delimitadas no plano OW111005100EW1GL34C, destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas enerxéticas vinculadas ao aproveitamento da enerxía do vento.

A área vinculada ao parque eólico Corme repotenciado no concello de Ponteceso é de 93,46 ha, de acordo co presente proxecto sectorial.

2.2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas ao aproveitamento eólico, para poderen implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación vixente, e coa aprobación do correspondente proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como o mantemento e reparación das instalacións. Mantéñense, ademais, os usos agrícolas e gandeiros, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas.

2.3. Limitacións de uso.

Impóñense, sobre as áreas en réxime de servidume, as seguintes limitacións de uso:

• Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

• Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar calquera acto que puider danar ou prexudicar o bo funcionamento das instalacións.

3. Eficacia.

De acordo co artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán ao plan do ente ou entes locais en que se asenten os ditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

O artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, na súa epígrafe 11.1, especifica que «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente».

A epígrafe 11.2 do mencionado Decreto 80/2000 especifica que «os municipios onde se asentan as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no cal se establecerán as determinacións do dito plan local, que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do plan urbanístico».

O prazo de adecuación do plan urbanístico municipal ao presente proxecto sectorial deberá realizarse coincidindo coa redacción e tramitación:

• Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, e que pode ser expresamente a presente adaptación.

• Da revisión do Plan xeral de ordenación municipal vixente.

• Da adaptación do plan municipal á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial e como sistema xeral.

De acordo co establecido na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia aprobada polo Consello da Xunta na súa Resolución do 20 de decembro de 2002, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as construcións e instalacións previstas de modo concreto e detallado no presente proxecto sectorial de repotenciación do parque eólico Corme.

De acordo co indicado no artigo 36, epígrafe 5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non se require autorización urbanística autonómica para as actuacións establecidas no presente proxecto sectorial.