Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12569

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI461A), establece que se concederán subvencións ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O crédito destinado era de 538.551,68 euros.

O 6 de novembro de 2019 mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade ampliábase a dotación orzamentaria na contía de 353.021,28 euros e o prazo de formalización dos contratos.

Deste xeito para as subvencións obxecto desta segunda convocatoria destínase un crédito por un importe total de 891.572,96 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 05.11.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019. A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Tal como se establece no artigo 1.3 da Resolución do 6 de setembro de 2019, o procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei.

A disposición adicional segunda sinala que o órgano xestor publicará o esgotamento da partida orzamentaria e inadmitirá as posteriores solicitudes.

En virtude do exposto anteriormente, e no uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo único

Dar a coñecer que o crédito orzamentario asignado ao financiamento das axudas contidas na Resolución do 6 de setembro de 2019, da Secretaría Xeral de Igualdade, pola que se procede á segunda convocatoria para o ano 2019, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións destinadas ao fomento da contratación que mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, quedou esgotado con data do 20 de setembro de 2019 coa solicitude presentada ás 00.16 horas.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2020

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade