Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12878

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se convocan os/as participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia a un novo acto público de elección.

Mediante a Resolución do 2 de xullo de 2018, esta secretaría xeral técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia, o cal se desenvolveu consonte os trámites establecidos no artigo 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

A lista definitiva das puntuacións obtidas polas persoas concursantes fíxose pública mediante a Resolución do 11 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 237, do 13 de decembro, na cal se convocaban ao acto público de elección que tivo lugar o día 18 de xaneiro de 2020.

Como resultado do citado acto, que se desenvolveu de acordo co previsto no artigo 25 bis do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, esta secretaría xeral técnica ditou a Resolución do 27 de xaneiro de 2020 pola que se facía pública a relación das 41 persoas que resultaron adxudicatarias provisionais de novas oficinas de farmacia. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 20, do 30 de xaneiro, e comezou a computarse o día seguinte o prazo de dez (10) días de que dispoñían os/as adxudicatarios/as provisionais para proceder á constitución da garantía exixida no artigo 25 ter.2) do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, prazo que rematou o 13 de febreiro deste ano.

Transcorrido o dito prazo, compróbase que a persoa adxudicataria da farmacia do Concello de Negueira de Muñiz (delimitación territorial de Negueira, San Salvador), non procedeu á constitución da citada garantía, motivo polo que cómpre agora proceder segundo o sinalado no artigo 25 ter.3) do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

Á vista do anterior, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Convocar, por única vez, as persoas participantes no concurso público de adxudicación de novas oficinas de farmacia que figuran situadas no posto 75 e seguintes da lista definitiva de puntuacións, a un novo acto público de elección de oficinas de farmacia que terá lugar o sábado 29 de febreiro de 2020, ás 12.30 horas, no salón de actos da Consellería de Sanidade, sita no Edificio Administrativo San Lázaro, s/n (Santiago de Compostela).

O citado acto desenvolverase consonte o previsto no artigo 25 bis do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

Toda a información de relevancia relativa a esta fase do concurso, así como a correspondente aos aspectos organizativos do acto público de elección e requisitos para asistir a el, figurará recollida na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es).

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade