Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2020 Páx. 11075

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110A).

BDNS (Identif.): 495829.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) y 20.8.a) de la Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Licenciados universitarios ou titulación equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na cal predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Acreditación de dominio da lingua galega no nivel de iniciación mediante título oficial ou certificado Celga 3.

3. Non terse beneficiado anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos doce (12) meses nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Segundo. Obxecto

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros serán tutelados, coordinados e dirixidos polos servizos técnicos de arquivos.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das bolsas destinarase un crédito total de 113.215,20 euros, coa seguinte distribución por aplicacións orzamentarias:

• 11.20.432A.480.1: 107.406 €.

• 11.20.432A.484.0: 5.809,20 €.

Número de bolsas: 20.

Duración máxima: seis (6) meses. Poderanse prorrogar ata outros seis (6) meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021.

Importe bruto mensual de cada bolsa: 895,05 €.

A Consellería de Cultura e Turismo destinará 48,41 € por bolseiro/a e mes en concepto de cotizacións á Seguridade Social.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo