Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2020 Páx. 11020

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raia Seca.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raia Seca, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 5 de agosto de 2019, María José de Prado Freyre, presidenta do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación da entidade para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Raia Seca constituíse en escritura pública outorgada en Ourense o 12 de xullo de 2019, ante o notario Fernando Martínez-Gil Fluxá, co número de protocolo 1.185, por María José de Prado Freyre que actúa no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 21 de novembro de 2019, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 1.969 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– «Crear interaccións entre a arte e a natureza en Galicia.

– Utilizar a arte como ferramenta para xerar conciencia sobre a importancia da conservación do ambiente e crear vínculos entre os visitantes, as comunidades e a súa contorna.

– Defensa do medio natural de Galicia, reinventando o patrimonio deshabitado, carreiros e parcelas en desuso coa finalidade de crear espazos para exhibir obras de arte contemporánea, coa intención de converternos nun modelo global que atraia o turismo cultural e facilite o crecemento sustentable das comunidades galegas».

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por María José de Prado Freyre como presidenta; Mark Anthony Schneider como vicepresidente; e Santiago Ontañón de Prado como secretario.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia da Fundación Raia Seca atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de decembro de 2019, clasificouse como de interese cultural e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Raia Seca e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aos efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, correspóndelle a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raia Seca, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. A vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raia Seca, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 3 de febreiro de 2020,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Raia Seca.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza