Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 2020 Páx. 10760

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura e Turismo, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Manuel Moldes.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Manuel Moldes, aprécianse os seguintes feitos e fundamentos de dereito:

Feitos.

1. María Carmen Díaz Cacheda, presidenta do Padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Manuel Moldes constituíuse en escritura pública outorgada en Pontevedra, o 12 de novembro de 2019, ante o notario Francisco León Gómez, co número de protocolo 2.573, por María Carmen Díaz Cacheda, Manoel Anxo Rodríguez-Moldes Díaz e Iria Rodríguez-Moldes Díaz, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Manuel Moldes, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto ou fins principais:

– «Reunir, conservar, restaurar, difundir e estudar a obra do artista Manuel Moldes e o seu legado.

– Promocionar a investigación e o estudo da figura e a obra de Manuel Moldes.

– Contribuír á localización e catalogación da súa obra.

– Reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental.

– A Fundación estará aberta á arte moderna e contemporánea en todas as súas facetas e realizacións. Xunto coa exposición permanente da obra de Manuel Moldes, potenciarase o diálogo con obras doutros artistas e disciplinas grazas á colaboración con outros axentes culturais, institucións e persoas relacionadas co ámbito cultural e científico».

4. Na escritura de constitución da Fundación constan as cuestións relativas á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do Padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do Padroado, e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O Padroado inicial da Fundación está formado por María Carmen Díaz Cacheda como presidenta, Manoel Anxo Rodríguez-Moldes Díaz como vicepresidente e Iria Rodríguez-Moldes Díaz como secretaria.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Manuel Moldes, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen o artigo 47.2 da citada lei, o 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 13 de xaneiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia núm. 24, do 5 de febreiro de 2020), clasificouse de interese cultural a Fundación Manuel Moldes e adscribiuse á Consellería de Cultura e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Manuel Moldes, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 163/2018, do 13 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Manuel Moldes.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Cultura e Turismo.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e especialmente ás obrigas de dar publicidade suficiente aos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Cultura e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura e Turismo