Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Mércores, 12 de febreiro de 2020 Páx. 9622

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo polo que se aproba o acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Visto o texto do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), subscrito o 28 de novembro de 2019 pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) e Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia), e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e o depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

ANEXO

Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais
de solución de conflitos de traballo

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e eficacia do acordo

Este acordo interprofesional estipúlase ao abeiro do establecido no artigo 83.3 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores (ET) e refírese ao establecemento de procedementos de solución extraxudicial de conflitos individuais e colectivos de traballo. Goza da natureza xurídica e da eficacia que corresponde aos convenios colectivos regulados pola devandita lei e é de aplicación xeral e directa en todos os ámbitos funcionais e territoriais no marco da Comunidade Autónoma de Galicia, sen que sexa precisa adhesión expresa nos convenios colectivos sectoriais ou de ámbito inferior.

Artigo 2. Partes negociadoras

As partes asinantes deste acordo interprofesional son, dunha banda, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e, doutra, as organizacións sindicais Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia). Ambas as dúas partes recoñécense mutua e reciprocamente capacidade e lexitimación para a sinatura deste acordo consonte o disposto nos artigos 83, 87 e 88 do ET, e 6 e 7 da Lei orgánica de liberdade sindical e preceptos concordantes.

Artigo 3. Duración

1. O presente acordo entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e estará vixente mentres non se produza denuncia expresa por algunha das partes que o subscriben.

2. Os procedementos iniciados con anterioridade á data da súa entrada en vigor tramitaranse segundo as regras do acordo expirado.

Artigo 4. Ámbito territorial

Os procedementos de solución extraxudicial de conflitos que regula este acordo serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e afectarán as empresas e as persoas traballadoras que desenvolvan o seu traballo neste ámbito territorial ou teñan nel o seu domicilio habitual. A competencia territorial, incluída a de aplicación do procedemento, rexerase polo disposto nos artigos 10 e 11 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

Artigo 5. Ámbito funcional

Os procedementos de solución de conflitos aquí previstos serán de aplicación calquera que sexan os sectores, o sector ou subsector de actividade que corresponda, ou a empresa ou as empresas afectadas, sempre que, de acordo co artigo anterior, o ámbito territorial en que produzan os seus efectos os aludidos conflitos non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Principios reitores

Os procedementos previstos no presente acordo rexeranse polos principios de gratuidade, voluntariedade, celeridade, imparcialidade e inmediación do órgano ante o que se desenvolvan, igualdade e audiencia das partes, contradición e calquera outro cuxa observancia veña imposta pola Constitución ou as leis.

TÍTULO I

Procedementos de solución de conflitos individuais

Artigo 7. Ámbito obxectivo

1. O presente título ten por obxecto a regulación e aplicación dos procedementos de solución extraxudicial de conflitos laborais individuais que se produzan no seu ámbito territorial e funcional. Sen prexuízo da súa vocación de abranguer máis materias nun futuro, son susceptibles de someterse a tales procedementos os seguintes tipos de conflitos:

a) Os que se refiran á materia de discriminación directa ou indirecta por mor de xénero, raza ou etnia, relixión ou conviccións, diversidade funcional, idade ou orientación sexual no ámbito do emprego e da ocupación.

b) Os relativos a situacións de acoso no ámbito laboral.

c) Os que afecten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

d) Os referidos ás vacacións.

e) Os derivados da decisión empresarial de adoptar unha medida de mobilidade xeográfica ou de modificación das condicións de traballo que non teña carácter colectivo.

f) As sancións impostas á persoa traballadora como resultado do exercicio da potestade disciplinaria recoñecida ás empresas, agás a de despedimento.

g) En xeral, aqueloutros conflitos individuais entre persoa traballadora e empresa en que, consonte o previsto na Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, non é obrigado acudir á conciliación previa no SMAC.

2. Nos procedementos rexidos polo presente acordo poderanse resolver, así mesmo, as reclamacións económicas derivadas das pretensións relativas ás materias sinaladas no punto anterior.

Artigo 8. Lexitimación e representación

1. Contan con lexitimación para promover os procedementos obxecto do presente acordo as persoas traballadoras e empresas ou entidades empregadoras que sexan partes do conflito ou teñan a lexitimación requirida pola vixente Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, para exerceren ante os órganos xurisdicionais da orde social as accións derivadas daquel.

2. As persoas ou entidades lexitimadas conforme o disposto no punto anterior poderán intervir por medio de representantes. A representación poderá conferirse mediante poder outorgado en escritura pública ou por comparecencia ante o secretario ou secretaria xudicial ou ante a persoa do Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais que conte coa oportuna habilitación, sen prexuízo doutras formas de representación legalmente admitidas.

CAPÍTULO I

Procedemento de mediación

Artigo 9. Natureza do procedemento

A mediación ante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais será voluntaria nos conflitos individuais incluídos no ámbito obxecto do presente acordo, se é o caso, como vía alternativa ao requisito do artigo 63 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. Polo tanto, só poderá ter lugar cando exista acordo de submisión ao trámite pola parte fronte á cal se promova.

Artigo 10. Momentos en que é posible solicitar a mediación

Con carácter xeral, a mediación poderase promover nas seguintes catro situacións diferenciadas:

1º. Con carácter extraxudicial, con independencia da preparación ou desenvolvemento dun proceso xudicial;

2º. Con carácter preprocesual, xa cumpra ou non un requisito preprocesual legalmente exixible, incluso unha vez presentada a papeleta no SMAC ou tras a celebración da mediación ante o dito servizo;

3º. Con carácter intraprocesual, desde a presentación da demanda;

4º. En fase de execución de sentenza.

En todo caso, será requisito necesario para a promoción das actuacións a solicitude en tal sentido das persoas ou entidades lexitimadas no ámbito correspondente.

Artigo 11. Promoción do procedemento. Documentación e emenda. Acumulación

1. Será requisito necesario para a promoción das actuacións a solicitude en tal sentido dalgunha ou dalgunhas das persoas ou entidades lexitimadas no ámbito correspondente.

2. O procedemento iniciarase mediante solicitude escrita dirixida ao Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais. Esta solicitude, que se presentará a través dalgún dos medios postos á disposición polo Consello Galego de Relacións Laborais, deberá expresar:

a) A identificación da parte solicitante, e das demais partes interesadas, con indicación precisa do domicilio físico ou electrónico en que deban practicarse as correspondentes citacións e notificacións. Xuntarase copia do DNI da parte solicitante.

b) Os feitos concretos sobre os que verse o conflito. Entre outras circunstancias, expresarase, se é o caso, o lugar e a clase de traballo, a categoría ou o grupo profesional, a antigüidade na empresa, o salario e as demais remuneracións.

c) A petición concreta ou reclamación que se formule.

d) De ser o caso, a representación que se exerce para promover o procedemento mediante a presentación do escrito. Neste caso, xuntaranse os documentos acreditativos da representación.

e) A data e a sinatura, a cal se xerará automaticamente unha vez que se formalice a solicitude en liña.

3. Detectado calquera defecto ou omisión na solicitude de inicio do procedemento ou na documentación que preceptivamente deba xuntárselle, o Servizo de Solución de Conflitos, no prazo de dous días hábiles, requirirá a súa corrección, a cal deberá ser formalizada dentro do prazo de catro días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa recepción.

4. Cando se tramiten varias solicitudes de mediación fronte a unha mesma empresa por parte de distintas persoas traballadoras e exista entre elas identidade no seu obxecto substantivo, o Servizo de Solución de Conflitos poderá someter á decisión das partes a posibilidade da súa acumulación. Se, transcorrido o prazo de 4 días desde a dita comunicación polo Servizo, este non recibe contestación de todas as partes involucradas, os procedementos seguirán a súa tramitación sen se acumular.

Artigo 12. Efectos da promoción do procedemento

1. De ser o caso, a presentación da solicitude de mediación interrompe o cómputo dos prazos de prescrición e suspende os de caducidade. En calquera caso, para aqueles asuntos en que non é obrigado acudir ao SMAC, conforme o sinalado no artigo 64 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, a solicitude dos procedementos regulados neste capítulo non suspende o prazo de caducidade de calquera acción xudicial.

2. Na mediación intraxudicial, as partes poderán solicitar, segundo o artigo 82.3 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, e mediante a comparecencia ante o letrado da Administración de xustiza, a suspensión do acto de xuízo.

3. Na mediación en fase de execución de sentenza, a presentación desta interrompe o prazo de prescrición previsto no artigo 243 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

Artigo 13. Solicitude de conformidade co procedemento de mediación

1. Cando a promoción do procedemento sexa por instancia dunha das partes, unha vez rematado, se é o caso, o trámite de emenda, o Servizo de Solución de Conflitos procederá a remitir o escrito de promoción á outra ou outras partes afectadas polo conflito, co fin de que estas, no prazo de dous días hábiles, presten a súa conformidade ao inicio do procedemento.

2. Se non se obtén a conformidade indicada no punto anterior, o Servizo de Solución de Conflitos arquivará o escrito de promoción, poñéndoo en coñecemento da persoa ou representación promotora e das demais afectadas.

Artigo 14. Designación da persoa mediadora e convocatoria das partes

1. O Servizo de Solución de Conflitos designará a persoa mediadora de oficio e por estrita quenda rotatoria, de entre as que integran o rexistro de actuantes do acordo, previsto na disposición adicional segunda.

2. Expresada, de ser precisa, a conformidade referida no artigo 13, o Servizo de Solución de Conflitos informará as partes interesadas da persoa designada e procederá, no prazo de tres días hábiles, a sinalar o lugar, o día e a hora en que se desenvolverá a comparecencia, e a citar esta e aquelas por calquera medio que permita deixar constancia da citación e do seu contido.

Artigo 15. Celebración do acto de mediación. A acta

1. O acto de mediación deberá celebrarse en canto sexa posible e, en todo caso, dentro dos quince días hábiles seguintes á presentación da solicitude, excluíndo do cómputo os sábados e os outros días non laborables.

2. A non comparecencia ao acto de mediación da persoa solicitante debidamente citada conducirá ao arquivamento das actuacións. Se non comparecese a outra parte debidamente citada, a mediación terase por tentada sen efecto. Neste último caso, se, debido ao obxecto da mediación, é preceptivo o trámite de conciliación previa á vía xudicial, a incomparecencia inxustificada poderá desencadear os efectos descritos no artigo 66.3 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. De non comparecer ningunha das partes, arquivaranse as actuacións.

3. Non obstante o recollido no punto anterior, por causas excepcionais xustificadas e por petición de parte, poderase solicitar a suspensión do acto de mediación por unha única vez. O Servizo de Solución de Conflitos procederá a sinalar una nova data e hora para o acto e a remitir nova convocatoria para o efecto.

4. En todo caso, transcorridos quince días hábiles sen ter lugar o acto de mediación terase por concluído o procedemento e cumprido o trámite.

5. O persoal técnico do Consello recollerá a comparecencia e os acordos que se alcanzasen na correspondente acta, que será asinada polas partes e pola persoa que actuase como mediadora indicando, se é o caso, a causa de terminación do procedemento. Da acta entregarase unha copia a cada unha das partes.

Artigo 16. Proposta formal de mediación

1. Se a mediación terminase sen acordo, as partes poderán solicitar por escrito que a persoa mediadora lles presente nos tres días seguintes unha proposta documental e motivada de solución do conflito. A solicitude debe ser conxunta ou por instancia dunha das partes coa aceptación da outra. A proposta da persoa mediadora poderana aceptar ou rexeitar as partes, por escrito, no prazo de dous días hábiles seguintes a aquel en que se lles notificase. Transcorrido tal prazo sen que se manifestase nada, entenderase rexeitada a proposta. Da aceptación ou rexeitamento levantarase acta, que será asinada pola persoa mediadora.

2. A solicitude prevista neste punto non afectará a posibilidade de exercer simultaneamente as correspondentes accións ante os órganos xurisdicionais da orde social cando estivesen suxeitas a un prazo de prescrición ou caducidade. Non obstante, e co obxecto de evitar procedementos contraditorios, as partes deberán achegar solicitude de suspensión dos procesos xudiciais iniciados que puidesen verse afectados.

Artigo 17. Finalización do procedemento de mediación

1. O procedemento de mediación poderá finalizar polas seguintes causas:

a) Polo acordo, total ou parcial, das partes sobre o obxecto do conflito, sexa este directo ou estea derivado da aceptación dunha proposta formal de mediación, segundo o recollido no artigo 16.

b) Pola falta de acordo entre as partes, sexa este directo ou estea derivado do rexeitamento expreso ou tácito dunha proposta formal de mediación, segundo o recollido no artigo 16.

c) Por incomparecencia dalgunha das partes ao acto de mediación, de conformidade co número 2 do artigo 15.

d) Polo acordo das partes de sometemento á arbitraxe. Neste caso, a acta de finalización da mediación incluirá o compromiso arbitral, que deberá ser asinado polas partes lexitimadas.

Artigo 18. Eficacia e executividade do acordo de mediación

1. O acordo alcanzado será executivo ao abeiro do artigo 68.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

2. Do acordo alcanzado na mediación intraxudicial darase traslado ao letrado da Administración de xustiza para os efectos procesuais oportunos.

Artigo 19. Impugnación do acordo de mediación

O acordo de mediación poderá ser impugnado nos termos que establece o artigo 67 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

CAPÍTULO II

Procedemento de arbitraxe

Artigo 20. Natureza do procedemento arbitral

O sometemento ao procedemento de arbitraxe será potestativo e voluntario. Polo tanto, en todo caso, as partes lexitimadas deberán manifestar, de forma expresa e por escrito, a súa vontade de someterse á decisión do órgano arbitral que será, xa que logo, de obrigado cumprimento para aquelas.

Artigo 21. Lexitimación e representación

Serán partes lexitimadas neste procedemento as mesmas que gozan de lexitimación para promover o procedemento de mediación, segundo o previsto no artigo 10 do presente acordo.

Artigo 22. Iniciación da arbitraxe

O procedemento de arbitraxe poderá instarse nos seguintes supostos:

a) A continuación da falta de acordo na mediación ou do rexeitamento da proposta de solución presentada pola persoa mediadora, segundo o previsto no artigo 17 deste acordo.

b) Directamente, unha ou todas as partes afectadas por un conflito relativo ás materias incluídas no artigo 7 poden respectivamente propoñer ou decidir que se someta a súa resolución a arbitraxe.

Artigo 23. Promoción do procedemento. Documentación e emenda. Inadmisión

1. A promoción do procedemento de arbitraxe iniciarase coa presentación dun escrito, subscrito por unha ou todas as partes do conflito. Este documento estará dirixido ao Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais e deberá expresar:

a) A identificación da parte ou partes solicitantes, e das demais interesadas, con indicación precisa do domicilio físico ou electrónico en que deban de practicarse as correspondentes citacións e notificacións. Xuntarase copia do DNI da parte ou partes solicitantes.

b) Compromiso expreso da parte ou partes solicitantes de someterse ao procedemento de arbitraxe.

c) Os feitos concretos sobre os que verse o conflito. Entre outras circunstancias, expresarase, se é o caso, o lugar e a clase de traballo, a categoría ou o grupo profesional, a antigüidade na empresa, o salario e as demais remuneracións.

d) A concreta petición ou reclamación que se formule, se é o caso.

e) De ser o caso, a representación que se exerce para promover o procedemento mediante a presentación do escrito. Neste caso, xuntaranse os documentos acreditativos da representación.

f) A data e a sinatura, a cal se xerará automaticamente unha vez que se formalice a solicitude en liña.

2. Nos supostos en que o procedemento de arbitraxe se inicie como consecuencia da decisión das partes interesadas de terminar o procedemento de mediación para someter as súas discrepancias a arbitraxe, ao escrito de promoción unirase a documentación existente, en particular as actas da reunión ou reunións celebradas.

3. Detectado calquera defecto ou omisión na solicitude de inicio do procedemento de arbitraxe ou na documentación que preceptivamente deba acompañala, o Servizo de Solución de Conflitos, no prazo de dous días hábiles, requirirá a súa corrección, a cal deberá ser formalizada dentro do termo de catro días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa recepción.

4. Naqueles supostos en que as cuestións sometidas a procedemento arbitral versen sobre materias non incluídas no artigo 7, o Servizo de Solución de Conflitos deberá poñelo en coñecemento das partes, e inadmitir o procedemento.

Artigo 24. Efectos da promoción do procedemento. Efectos da sinatura do compromiso arbitral

1. Unha vez presentado o escrito de promoción do procedemento, a parte ou as partes promotoras absteranse de instar calquera outro procedemento sobre a cuestión ou cuestións sometidas a arbitraxe, sen prexuízo da súa posibilidade de impugnación do laudo nos termos previstos no artigo 31 deste acordo.

2. A subscrición do compromiso arbitral suspende os prazos de caducidade e interrompe os de prescrición, conforme o artigo 65.3 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. En calquera caso, para aqueles asuntos en que non é obrigado acudir ao SMAC, conforme o sinalado no artigo 64 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, a solicitude dos procedementos regulados neste capítulo non suspende o prazo de caducidade de calquera acción xudicial.

Artigo 25. Solicitude de conformidade co procedemento de arbitraxe

1. Cando a promoción do procedemento sexa por instancia dunha das partes, unha vez rematado, se é o caso, o trámite de emenda, o Servizo de Solución de Conflitos remitirá o escrito de promoción á parte ou partes non promotoras, co fin de que estas, no prazo de dous días hábiles, presten a súa conformidade ao inicio do procedemento.

2. Se non se obtén a conformidade indicada no punto anterior, o Servizo de Solución de Conflitos arquivará o escrito de promoción e poñerao en coñecemento da persoa ou representación promotora e das demais afectadas.

Artigo 26. Nomeamento da árbitra ou do árbitro e convocatoria das partes

1. Cando a parte promotora do procedemento propoña na súa solicitude unha persoa para o exercicio da arbitraxe, o Servizo de Solución de Conflitos pedirá á outra parte a súa conformidade respecto desa proposta no mesmo trámite a que se refire o artigo 25 deste acordo. De ser aceptada a persoa proposta, ou de haber unha proposta conxunta, o Servizo procederá a contactar con esta para confirmar a súa dispoñibilidade. No caso de non haber proposta ningunha, ou de non acadarse acordo entre as partes directamente, o Servizo proporá cantos nomes sexan necesarios ata conseguir a conformidade de ambas as partes.

2. Expresadas a conformidade referida no artigo 25 e a referida á persoa que exercerá a arbitraxe, o Servizo de Solución de Conflitos procederá, no prazo de tres días hábiles, a sinalar o lugar, o día e a hora en que se desenvolverá a comparecencia, así como a citar as partes interesadas, e a árbitra ou árbitro, por calquera medio que permita deixar constancia da citación e do seu contido.

Artigo 27. Abstención e recusación

Desde a comunicación formal ás partes da identidade da persoa que vai exercer como laudante, ata o inicio formal da comparecencia –momento que deberá ser sinalado expresamente pola persoa designada, unha vez reunidas as partes– poderá esta absterse, se concorre nela algunha das causas establecidas no artigo 219 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

Durante o mesmo período temporal do procedemento, calquera das partes poderá instar motivadamente a recusación da persoa designada perante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais.

De se producir a abstención ou instada recusación, o Servizo de Solución de Conflitos efectuará un novo nomeamento e sinalará novo día e hora para a comparecencia, de conformidade co sinalado no artigo 26 deste acordo, no prazo máis reducido que sexa posible.

Artigo 28. Comparecencia

1. O acto de comparecencia deberá realizarse en canto sexa posible e, en todo caso, dentro dos cinco días hábiles desde que sexa definitiva a designación da árbitra ou árbitro.

2. A non asistencia inxustificada á comparecencia da parte solicitante ou da parte fronte á cal se promoveu a arbitraxe, debidamente citadas, conducirá ao arquivamento das actuacións.

3. Non obstante o previsto no punto anterior, por causas excepcionais xustificadas e por petición de parte, poderase solicitar a suspensión por unha única vez; o Servizo de Solución de Conflitos sinalará nova data e hora para o acto no prazo máis breve posible e a remitir nova convocatoria para o efecto.

4. No momento de iniciarse a primeira xuntanza do procedemento arbitral, asinarase un compromiso arbitral. O compromiso arbitral debe conter os seguintes aspectos:

a) As cuestións concretas sobre as que debe versar a arbitraxe.

b) O criterio, de dereito ou de equidade, a que axustará a persoa designada a súa decisión.

c) Prazo para a emisión do laudo, cando as partes do compromiso arbitral consideren necesario que a devandita emisión se produza nun prazo distinto do supletorio previsto no artigo 29.

5. As partes realizarán as alegacións en defensa das súas posicións na orde que considere o árbitro ou árbitra, e intervirán cantas veces esta xulgue necesarias, sen que se poidan debater cuestións distintas das reflectidas no compromiso arbitral. A persoa designada terá a capacidade de formular preguntas ás partes e de pedirlles que fixen a súa posición verbo de calquera aspecto sometido a arbitraxe. A continuación, practicarase a proba.

6. As partes deberán acudir á comparecencia provistas de cantas probas vaian utilizar. Serán admisibles todo tipo de probas legais –documentais, testificais, periciais, de interrogatorio de parte...– que se poidan celebrar no mesmo acto e que acheguen as propias partes. Unicamente será denegada a práctica das que non haxa dúbida da súa impertinencia ou legalidade ou as que se refiran a feitos incontrovertidos. Así mesmo, poderase limitar o número de testemuñas cando a súa actuación vaia ser redundante.

Excepcionalmente, poderanse admitir probas que impliquen o desprazamento da persoa designada fóra da sede da comparecencia. Na práctica das probas observaranse os límites derivados do artigo 18 CE e da súa lexislación de desenvolvemento.

7. Finalizada a práctica das probas, as partes formularán oralmente as súas conclusións, á vista da proba practicada e precisando e, se é o caso, cuantificando, a súa concreta postura final. A árbitra ou árbitro poderá requirir a aclaración de cantos aspectos lle sexan dubidosos ou escuros. Así mesmo, de ser estritamente necesario, a persoa designada poderá decidir a práctica de probas adicionais, das cales dará traslado ás partes para que formulen a súa valoración nun prazo de 24 horas.

8. Se o volume da proba documental e pericial achegada exixe unha revisión desta que non se poida practicar no mesmo acto, a persoa que actúe como árbitra pode requirir as partes para que, sen prexuízo da emisión de conclusións provisionais, practiquen a súa valoración da proba nas 48 horas seguintes. Neste caso, o Servizo de Solución de Conflitos proverá o necesario para que as partes poidan dispor da proba no prazo máis reducido de tempo posible.

9. Da comparecencia recollerá a correspondente acta o persoal técnico do Consello, que será asinada polas partes e pola persoa que actúa como árbitra. Da acta entregarase unha copia a cada unha das partes.

Artigo 29. Contido do laudo

1. Finalizada a comparecencia, e sen prexuízo das actuacións previstas nos números 6 a 8 do artigo anterior, o laudo emitirase por escrito no prazo determinado polas partes ou, na súa falta, no prazo máximo de cinco días hábiles, e será asinado pola persoa que actúe como árbitra.

2. O laudo, que deberá estar motivado, deberá recoller os seguintes aspectos:

a) A identificación da persoa que interveña como árbitra.

b) A identificación das partes lexitimadas.

c) A data de emisión do laudo.

d) A identificación da cuestión sometida a arbitraxe, segundo o compromiso arbitral.

e) A identificación dos feitos que se consideren suficientemente acreditados e que resulten relevantes.

f) Os fundamentos xurídicos e/ou de feito en que se basea a decisión arbitral.

g) A decisión arbitral, que nunca se pode pronunciar verbo de cuestións non sometidas a arbitraxe nin deixar sen pronunciamento expreso as que se sometesen á dita decisión.

h) O recurso que caiba contra o laudo, órgano ante o que se ten que interpor e prazos.

3. Unha vez ditado o laudo, o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais notificarállelo ás partes e conservará unha copia rexistrada del.

Artigo 30. Laudo por acordo das partes

1. Ao longo de todo o procedemento arbitral, desde que se asine o compromiso arbitral ata que se dite o laudo, cabe que as partes obteñan un acordo que poña fin ao conflito, ben total ben parcialmente.

2. A persoa que interveña como árbitra estará vinculada polo acordo, que se incorporará ao laudo agás que as partes decidan a súa consideración como acordo obtido en mediación, para os efectos dos artigos 18 e 19, caso en que se documentará separadamente. En todo caso, o laudo terá a mesma eficacia que se non viñese precedido de acordo.

3. No suposto de acordo parcial, a decisión arbitral completaraa o árbitro ou árbitra verbo dos puntos non consensuados polas partes, salvo que de mutuo acordo, excepcionalmente para este suposto e por unha soa vez, estas consideren necesaria a limitación neste sentido dos puntos recollidos inicialmente no compromiso arbitral.

Artigo 31. Impugnación e eficacia do laudo

1. No prazo de caducidade de 30 días expresado no artigo 67.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, o laudo poderá ser impugnado ante o xulgado do social territorialmente competente, por algún dos seguintes motivos:

a) Por se pronunciar verbo de cuestións alleas ás que se someteron a arbitraxe no compromiso arbitral.

b) Por non se axustar as actuacións ao previsto nos artigos 21 a 30 deste acordo.

c) Por contradicir o laudo disposicións legais ou convenios colectivos que establezan dereito necesario absoluto ou relativo, ou conculcar dereitos fundamentais e liberdades públicas recollidas na sección 2ª do capítulo I, título I, da Constitución.

2. Transcorrido o prazo previsto na alínea anterior, o laudo devirá firme e será executivo ao abeiro do artigo 68.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

CAPÍTULO III

Especialidades en función do obxecto do conflito

Sección 1ª. Especialidades en materia de igualdade e non discriminación

Artigo 32. Ámbito obxectivo

As persoas traballadoras que durante o desenvolvemento da relación laboral consideren que son vítimas de discriminación directa ou indirecta por mor de xénero, raza ou etnia, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual no ámbito do emprego e da ocupación, e de conformidade co previsto nos artigos 9.1 da Directiva 2000/78/CE, 7 da Directiva 2000/43/CE e 17 da Directiva 2006/54/CE, poden instar procedemento de mediación coa súa empregadora.

No caso de materias que, no suposto de se xudicializar, estivesen sometidas a prazo de caducidade de 20 días, a mediación desenvolverase sempre pola súa canle específica e non por esta xenérica de carácter extraprocesual, sen prexuízo do previsto no artigo 33, que será trámite facultativo, se é o caso, se así se require na solicitude de mediación.

Artigo 33. Documentación e requirimento de informe

En calquera momento durante a tramitación do procedemento, as partes de mutuo acordo e coa conformidade da persoa mediadora, no caso de que esta xa estivese designada, poderán solicitar ao Servizo de Solución de Conflitos un informe sobre os aspectos que se consideren pertinentes, que será emitido por unha das persoas expertas membros da Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva (CCAINC) nun prazo máximo de tres días hábiles. As tres persoas elixidas ao abeiro do artigo 79.1.d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, emitirán informe por quenda rotatoria. No caso de que as partes así o solicitasen de mutuo acordo, o informe, con argumentación suficiente, concluirá se existen ou non indicios racionais de discriminación directa ou indirecta por algunha das causas expresadas no artigo anterior.

Artigo 34. Desenvolvemento e efectos da mediación

Emitido o informe, incorporarase ao expediente e daráselles trámite ás partes e á mediación.

De se interpor con posterioridade demanda xudicial e desenvolvido o trámite de mediación, entenderase formalizado o trámite previsto no artigo 63 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, de ser exixible segundo a modalidade procesual pola que se actúe.

Artigo 35. Arbitraxe

A solicitude producida nestas materias pode ser, segundo as regras xerais, así mesmo de arbitraxe, xa sexa esta instada inicialmente ou unha vez fracasado o trámite de mediación. Se se insta inicialmente como arbitraxe, non se seguirá o trámite previsto no artigo 33, sen prexuízo de que a persoa designada como árbitra poida requirir información técnica –nunca sobre o fondo do asunto concreto– á Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva. Este asesoramento non implicará unha excepción aos prazos previstos nos artigos 28.1 e 29.1.

O laudo terá forza executiva segundo o artigo 68.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

Sección 2ª. Especialidades en materia de acoso

Artigo 36. Ámbito obxectivo

Resultarán aplicables as especialidades reguladas nesta sección a aqueles conflitos individuais relativos a situacións de acoso laboral, acoso por razón de xénero ou de orientación sexual e acoso discriminatorio.

No caso de materias que, no suposto de se xudicializar, estivesen sometidas a prazo de caducidade de 20 días, a mediación desenvolverase sempre pola súa canle específica e non por esta xenérica de carácter extraprocesual.

Artigo 37. Lexitimación e contido do acordo ou laudo

O procedemento deberá garantir a participación e exercicio dos seus dereitos de todas as partes implicadas no procedemento.

En ningún caso o acordo que poña fin ao procedemento, a proposta de mediación formal ou o laudo que se dite poderán supoñer obrigas ou afectación ningunha ás condicións de traballo ou emprego para persoas ou entidades que non foron parte no procedemento ou na solución deste.

Artigo 38. Informe dunha das persoas expertas da CCAINC

Nos conflitos relativos a situacións de acoso por razón de xénero e acoso por razón de orientación sexual, as partes conxuntamente, sempre co acordo da persoa mediadora, poderán solicitar ao Servizo de Solución de Conflitos que requira a emisión do informe regulado no artigo 33, que será, en calquera caso, facultativo, e se axustará ás normas e prazos referidos no dito precepto.

Sección 3ª. Especialidades en materia de sancións disciplinarias

Artigo 39. Obxecto

A persoa traballadora sancionada poderá instar estes procedementos fronte á sanción que lle teña imposto a empresa, con excepción da que comporte a sanción de despedimento.

Artigo 40. Documentación

Para a promoción dos procedementos, á parte dos contidos xerais previstos neste acordo, deberán indicarse os seguintes:

a) Antigüidade, concretando os períodos en que prestase os servizos; categoría ou grupo profesional; salario, tempo e forma de pagamento; lugar de traballo; modalidade e duración do contrato; xornada, e características particulares, se as tiña, o traballo que realizaba antes de producirse a sanción.

b) Data de efectividade da sanción, forma en que se produciu e feitos alegados polo empresario, xuntando a comunicación recibida, se é o caso, ou facendo mención suficiente do seu contido.

c) Se a persoa traballadora desempeña ou desempeñou, no ano anterior á sanción, cargo de representante legal ou sindical, ou está afiliada a un sindicato.

d) Nos procesos de mediacións ou arbitraxe por sancións por faltas graves ou moi graves impostas á persoa traballadora que ten a condición de representante legal ou sindical, a parte empresarial terá que achegar o expediente contraditorio legalmente establecido.

Artigo 41. Efectos do procedemento

A presentación da solicitude de mediación, previa á vía xudicial, suspenderá o prazo de caducidade. O cómputo volverá comezar ao día seguinte de intentada a mediación sen acordo ou sen efecto, ou transcorridos quince días desde aquela presentación sen que o correspondente acto tivese lugar.

Artigo 42. Contido da acta de mediación e do laudo arbitral

O contido da acta de mediación e do laudo arbitral, se é o caso, deberá conter algún dos pronunciamentos seguintes:

a) Confirmar a sanción obxecto do procedemento.

b) Revogar totalmente a sanción obxecto do procedemento.

c) Revogar parcialmente a sanción obxecto do procedemento e proceder á súa nova cualificación como falta de menor gravidade, seguindo os criterios de gradación e proporcionalidade das sancións, e sempre que non teña prescrito a falta de menor gravidade antes da imposición da sanción máis grave.

Neste caso, a empresa pode impor unha sanción adecuada á gravidade da falta, nun prazo de caducidade de dez días, desde a notificación do resultado da mediación ou da arbitraxe. Esta decisión empresarial será revisable por instancia da persoa traballadora, no prazo igualmente de caducidade dos 20 días seguintes á súa notificación, por medio do incidente de execución previsto no artigo 238 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

Artigo 43. Impugnación do laudo

Os laudos ditados nestes procesos poderán ser impugnados consonte o previsto no artigo 65.4 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

Sección 4ª. Especialidades en materia de vacacións e conciliación
da vida persoal, familiar e laboral

Artigo 44. Tramitación

En materia de vacacións e conciliación da vida familiar e laboral, o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais procurará que a tramitación sexa o máis urxente posible e axilizará os procedementos sen diminución das garantías das partes.

Sección 5ª. Especialidades en materia de mobilidade xeográfica e modificacións substanciais das condicións de traballo

Artigo 45. Obxecto da mediación e arbitraxe nestas materias

1. Serán susceptibles de someterse a mediación ou arbitraxe individual os conflitos derivados da decisión empresarial de adoptar unha medida de mobilidade xeográfica ou de modificación das condicións de traballo que non teña carácter colectivo, a que se refire o artigo 46.1.d) do presente acordo.

2. Para os efectos do presente acordo, considerarase que o conflito é colectivo nos dous seguintes supostos:

a) Cando o número de persoas afectadas alcance o indicado nos artigos 40.2 e 41.2 do ET ou no convenio colectivo de aplicación.

b) Cando o obxecto do conflito sexa a discrepancia sobre a natureza individual ou colectiva da medida que se pretende adoptar.

3. Cando se reciban varias solicitudes de mediación por conflitos individuais derivados da mesma decisión empresarial e o conflito deba ser cualificado como colectivo en virtude do disposto no punto segundo, o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais notificará aos solicitantes que a mediación deberá tramitarse segundo as normas aplicables aos conflitos colectivos, sendo preciso que a solicitude sexa cursada polas partes lexitimadas correspondentes.

TÍTULO II

Procedementos de solución de conflitos colectivos

Artigo 46. Ámbito obxectivo

1. Os procedementos de solución establecidos neste acordo interprofesional esténdense tanto aos conflitos colectivos de traballo de interpretación e aplicación coma aos conflitos colectivos de traballo de intereses. O emprego dos indicados procedementos, en relación coas materias sometidas a un preceptivo período de consultas, comprende os supostos en que a lei considere a posibilidade da súa substitución por un procedemento de mediación ou arbitraxe.

Entre outros, son susceptibles de someterse a tales procedementos os seguintes tipos de conflitos:

a) Conflitos de interpretación ou aplicación dunha norma estatal ou da Comunidade Autónoma de Galicia, de convenio ou acordo colectivo, calquera que sexa a súa eficacia, de pacto ou acordo de empresa ou de decisión ou práctica de empresa de carácter colectivo.

b) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación ou revisión dun convenio, acordo ou pacto colectivo, entre eles, os mencionados no parágrafo terceiro do artigo 86.3 do ET.

c) Conflitos no seo das comisións paritarias dos convenios colectivos que imposibiliten o acordo destas sobre as cuestións que teñan encomendadas legal ou convencionalmente.

d) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación durante os períodos de consulta exixidos nos artigos 40.2, 41.4, 44.9, 47.1 e 2, 51.2 e 82.3 do ET, ou á finalización destes, ou derivados da decisión da empresa e da representación unitaria ou sindical de substituír o período de consultas por un procedemento dos previstos neste título.

e) A substitución do período de consultas, acordada por un órgano xudicial, por unha mediación ou arbitraxe, ou por instancia da administración concursal ou da representación legal dos traballadores e traballadoras, nos supostos do artigo 64.5 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

f) Conflitos que motiven a impugnación de convenios colectivos, de forma previa ao inicio da vía xudicial.

g) Conflitos de impugnación directa de convenios ou pactos colectivos non comprendidos no artigo 163 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, para os efectos exclusivos da conciliación ou mediación que sexa necesaria de acordo co artigo 156 da devandita lei.

h) Conflitos na determinación dos servizos de seguridade e mantemento en caso de folga.

i) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación ou revisión dos acordos de interese profesional previstos no artigo 3.2 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, sempre e cando se trate de acordos concertados ou a negociar, en representación das persoas traballadoras afectadas, por unha organización sindical.

j) Conflitos derivados de bloqueos ou discrepancias na negociación dos plans de igualdade, previstos no artigo 85.1 e 85.2 do ET, e no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

CAPÍTULO I

Intervención previa das comisións paritarias

Sección 1ª. Intervención en materia de interpretación e aplicación de convenios, acordos e pactos colectivos

Artigo 47. Carácter e promoción da intervención

1. Os conflitos colectivos derivados da interpretación ou aplicación dos convenios ou acordos colectivos, elaborados conforme o disposto no título III do ET, deberán ser sometidos á Comisión Paritaria con carácter previo á promoción de calquera procedemento de composición previsto neste acordo.

2. Os conflitos colectivos derivados da interpretación ou aplicación dos demais convenios, acordos ou pactos colectivos, que teñan establecida unha comisión paritaria, deberán ser sometidos a ela con carácter previo á promoción mencionada no punto anterior, cando o convenio, acordo ou pacto colectivo de que se trate dispoña a obrigatoriedade de tal sometemento.

3. Para os efectos deste artigo, considerarase efectivamente establecida a Comisión Paritaria cando no texto do convenio, acordo ou pacto colectivo conste a súa sede ou as organizacións que forman parte dela.

4. Na falta de normas de procedemento contidas no propio convenio, acordo ou pacto colectivo, a intervención da Comisión Paritaria será solicitada por calquera das partes asinantes daquel ou polas organizacións ou persoas lexitimadas segundo o artigo 51, mediante escrito dirixido á sede indicada no punto anterior ou, na súa falta, ante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, quen asumirá o deber de intentar a convocatoria inmediata da comisión.

Artigo 48. Decisión

1. Salvo que o convenio, acordo ou pacto colectivo estableza outra cousa, a Comisión Paritaria adoptará as súas decisións sobre os conflitos de interpretación ou aplicación por maioría de cada unha das partes que a compoñen.

2. A solución así obtida incorporarase ao contido do convenio, acordo ou pacto interpretado e será obxecto de inscrición e publicación nos termos legal ou regulamentariamente establecidos.

3. A decisión que verse sobre a interpretación ou aplicación dun dos convenios ou acordos colectivos elaborados conforme o disposto no título III do ET terá a mesma eficacia xurídica e tramitación que estes.

Artigo 49. Esgotamento do procedemento

1. Na falta de normas de procedemento establecidas no propio convenio, acordo ou pacto colectivo, considerarase esgotado ou decaído o trámite previo ante a Comisión Paritaria cando esta non logre alcanzar un acordo ou, en todo caso, cando transcorran quince días naturais desde a presentación da correspondente solicitude sen que a solución se produza.

2. Da imposibilidade de acordo levantarase acta da cal se deberá facilitar copia ás partes interesadas.

3. Para os efectos do prazo sinalado no punto primeiro, non se computará o período de vacacións laborais, cando o seu desfrute sexa establecido con carácter xeral para todo o persoal dentro do ámbito do convenio, acordo ou pacto.

Sección 2ª. Intervención motivada por desacordo no período de consultas sobre inaplicación na empresa de condicións de traballo previstas no convenio colectivo

Artigo 50. Carácter da intervención

1. Os conflitos derivados do desacordo no período de consultas exixido polo artigo 82.3 do ET poderán ser sometidos polas partes á Comisión Paritaria do correspondente convenio colectivo con carácter previo á promoción de calquera dos procedementos de composición previstos neste acordo.

Transcorridos sete días naturais desde a promoción da referida intervención sen recaer decisión ningunha sobre a discrepancia sometida á comisión, considerarase esgotado o trámite de intervención previa da Comisión Paritaria.

2. Cando non se solicitase a dita intervención, que é potestativa, ou solicitada, a Comisión Paritaria non chegase a un acordo, as partes deberán recorrer aos procedementos establecidos neste acordo.

3. Non obstante, será preceptivo solicitar a intervención da Comisión Paritaria cando así estivese establecido no convenio colectivo.

CAPÍTULO II

Especialidades en materia de plans de igualdade

Artigo 51. Asesoramento da Comisión consultiva autonómica para a igualdade de mulleres e homes na negociación colectiva

1. En calquera momento durante o procedemento de mediación promovido para a negociación dun plan de igualdade ou para a solución dun conflito relacionado coa súa aplicación, avaliación ou renovación, as partes, de mutuo acordo, por iniciativa propia ou a proposta da persoa ou equipo de mediación, poderán solicitar o asesoramento técnico da CCAINC.

2. Se o procedemento nesta materia é a arbitraxe, sexa pola súa solicitude inicial como tal ou pola decisión da comisión de mediación referida no artigo 62.2.a) deste acordo, a persoa designada como árbitra poderá requirir o asesoramento técnico –en ningún caso sobre o fondo do asunto– á Comisión consultiva autonómica para a igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva antes de ditar o laudo. Este asesoramento non implicará unha excepción aos prazos previstos no artigo 68.9 deste acordo, salvo acordo noutro sentido das partes.

CAPÍTULO III

Procedemento de mediación

Artigo 52. Organizacións e persoas lexitimadas

Terán lexitimidade para promover este procedemento:

1. Con carácter xeral, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), en calquera dos ámbitos a que se refire o conflito, sempre que teñan un interese directo e lexítimo.

2. Especificamente e segundo os tipos de conflitos a que resulta de aplicación:

a) Nos conflitos mencionados na letra a) do artigo 46.1 deste acordo, aquelas organizacións ou persoas a que a lei outorgue lexitimación para promover un proceso de conflito colectivo, para solicitar a interpretación ou aplicación da norma, do convenio ou acordo colectivo, do pacto ou acordo de empresa ou da decisión ou práctica de empresa de carácter colectivo que se encontre na orixe do conflito.

b) Nos conflitos mencionados na letra b) do artigo 46.1 deste acordo, a representación unitaria ou sindical dos traballadores e traballadoras e a representación da empresa ou as empresas que participen na negociación.

c) Nos conflitos mencionados na letra c) do artigo 46.1 deste acordo, as organizacións ou persoas que determine o propio convenio colectivo ou, noutro caso, calquera das partes da Comisión Paritaria.

d) Nos conflitos mencionados na letra d) do artigo 46.1 deste acordo, calquera das partes empresarial e social participantes ou que fosen participar no correspondente período de consultas.

e) Nos conflitos da letra e) do artigo 46.1 deste acordo, o xuíz ou xuíza do concurso ou a persoa que se determine, no suposto do parágrafo último do artigo 64.5 da Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal.

f) Nos conflitos mencionados nas letras f) e g) do artigo 46.1 deste acordo, aquelas organizacións, persoas ou entidades a que a lei confira lexitimación para a impugnación xudicial dos correspondentes convenios ou pactos colectivos.

3. A lexitimación para a promoción do procedemento requirirá, ademais, a conformidade da maioría de cada unha das partes lexitimadas, salvo que no texto deste acordo se dispoña outra cousa.

Artigo 53. Promoción do procedemento. Documentación e emenda

1. A promoción do procedemento iniciarase coa presentación dun escrito dirixido ao Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais.

2. O escrito de iniciación deberá conter os seguintes aspectos:

a) A identificación da empresaria, empresario, empresa ou empresas, se procede, e das persoas ou representacións que exerzan, no ámbito do conflito de que se trate, lexitimación para acollerse ou adherirse ao procedemento ou á posibilidade de comparecer nel. A expresada identificación esténdese, se é o caso, ás demais compoñentes da parte a que pertenza a empresa ou representación promotora do procedemento.

b) O obxecto do conflito, con especificación da súa xénese, desenvolvemento e feitos que se consideren relevantes para a súa resolución, así como da pretensión e dos argumentos que a fundamenten.

c) O grupo de persoas traballadoras afectadas polo conflito e o seu ámbito territorial.

d) No suposto de conflitos en que sexa obrigatoria a intervención previa da Comisión Paritaria, a acreditación de non ter alcanzado esta un acordo ou de non ter tido efecto a solicitude da devandita intervención.

e) Se é o caso, a representación que se exerce para promover o procedemento mediante a presentación do escrito.

f) Data e sinatura de quen inicia o procedemento.

3. Se o Servizo de Solución de Conflitos aprecia defectos ou omisións na solicitude ou na documentación que preceptivamente deba xuntárselle, requirirá a súa corrección, a cal deberá ser formalizada dentro do prazo de catro días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa recepción.

Artigo 54. Efectos da promoción do procedemento de mediación

A iniciación do procedemento de mediación é incompatible coa convocatoria de novas folgas, a adopción de medidas de peche patronal e o exercicio de accións xudiciais ou administrativas concernentes ás cuestións obxecto da mediación. En caso de darse calquera destas actuacións, presumirase a renuncia da parte que as acometese e arquivarase o expediente de mediación.

Artigo 55. Tramitación da promoción e solicitude da conformidade

1. Cando a persoa ou representación que promove o procedemento non reúna o requisito que corresponda segundo o disposto no punto segundo do artigo 52 deste acordo, o Servizo de Solución de Conflitos consultará, no prazo de tres días hábiles, a conformidade das demais compoñentes da parte afectada para alcanzar o cumprimento do requisito. O devandito prazo será dun día hábil nos conflitos que versen sobre discrepancias nos períodos de consultas.

2. Se non se obtén a conformidade indicada no punto anterior, o Servizo de Solución de Conflitos procederá a arquivar o escrito de promoción, poñéndoo en coñecemento da persoa ou representación promotora e as restantes persoas e organizacións integrantes desta parte.

3. Acreditado inicialmente ou a través da consulta do Servizo de Solución de Conflitos o cumprimento do requisito que proceda de acordo co artigo 52 deste acordo, o devandito servizo remitirá o escrito de promoción á outra parte afectada polo conflito, co fin de que esta, no prazo de tres días hábiles, preste a súa conformidade ao inicio do procedemento. O devandito prazo será dun día hábil cando o conflito verse sobre discrepancias xurdidas nos períodos de consultas.

A falta de prestación expresa da conformidade exixida determinará, nos supostos en que esta sexa necesaria, o arquivamento das actuacións.

Cando a promoción do procedemento a soliciten conxuntamente ambas as partes do conflito, o Servizo procederá, sen máis, a realizar a convocatoria prevista no punto quinto do artigo 54.

Artigo 56. Designación das persoas con funcións de mediación e convocatoria das partes

1. Cando a parte promotora do procedemento propoña na súa solicitude unha persoa para as funcións de mediación, o Servizo de Solución de Conflitos pedirá á outra parte a súa conformidade respecto desa proposta no mesmo trámite a que se refire o número 3 do artigo 55 deste acordo.

2. De ser aceptada a persoa proposta, ou de haber unha proposta conxunta, o Servizo procederá a contactar con esta para confirmar a súa dispoñibilidade. No caso de non existir proposta ningunha, o Servizo proporá cantos nomes sexan necesarios ata conseguir a conformidade de ambas as partes.

3. A designación de dúas persoas con funcións de mediación, que conformarán o equipo de mediación, deberá responder a unha necesidade obxectiva baseada na complexidade do procedemento, ben pola súa duración prevista, pola súa conflitividade ou por tratarse de situacións, empresas ou sectores de especial sensibilidade. A devandita necesidade poderá ser exposta polas partes ou polo Servizo de Solución de Conflitos, e entenderase xustificada coa conformidade das partes ao equipo proposto ou coa súa designación directa na acta de constitución da comisión de mediación.

4. Mediante o voto favorable da maioría de cada parte poderanse designar persoas con funcións mediadoras non incluídas no rexistro do Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, previsto na disposición adicional segunda deste acordo.

5. Expresada a conformidade a que se refire o número 3 do artigo 55 e a referida á persoa ou equipo de mediación, o Servizo de Solución de Conflitos convocará, no prazo de tres días hábiles, todas as persoas ou organizacións que deban ser partes do procedemento, co fin de constituír a comisión de mediación, así como a persoa mediadora ou equipo de mediación.

O prazo para a convocatoria será dun día hábil cando o procedemento promovido teña por obxecto a substitución dun período de consultas ou verse sobre discrepancias xurdidas nel.

6. A designación formal da persoa ou do equipo de mediación, composto como máximo por dúas persoas mediadoras, terá lugar no acto de constitución da comisión de mediación, e quedará plasmada na correspondente acta.

Artigo 57. Primeira comparecencia. Constitución da comisión de mediación

1. A non asistencia inxustificada á primeira comparecencia da parte solicitante debidamente citada conducirá ao arquivamento das actuacións. Se non comparece a outra parte debidamente citada, a mediación terase por tentada sen efecto.

2. Non obstante o previsto no punto anterior, por causas excepcionais xustificadas e por petición de parte, poderase solicitar a suspensión por unha única vez; o Servizo de Solución de Conflitos sinalará nova data e hora para a comparecencia no prazo máis breve posible e remitirá nova convocatoria para o efecto.

3. Durante a primeira comparecencia levantarase acta de constitución da comisión de mediación. A dita comisión quedará validamente constituída coa presenza das persoas ou representacións que promovesen o procedemento e aceptasen a súa iniciación e se encontren directamente afectadas por este, en proporción á súa representación no ámbito do conflito.

4. Salvo acordo das partes, manifestado pola sinatura doutra composición na propia acta de constitución, a comisión estará constituída por un número de membros non superior a catorce, sete por cada unha das partes.

Artigo 58. Realización das reunións de mediación

Durante as reunións, o equipo de mediación ou a persoa mediadora moderará o debate, concedendo ás partes cantas intervencións considere convenientes, convocando novas reunións ou suxerindo, de ser o caso, solucións equitativas, co fin de que se acade un acordo.

Artigo 59. Terminación da mediación

1. O trámite darase por concluído nos seguintes supostos, que serán reflectidos na correspondente acta:

a) Mediante acordo entre as partes, sexa este directo ou estea derivado da aceptación dunha proposta formal de mediación, segundo se recolle no artigo 61.

b) Mediante decisión de ambas as partes de someter as súas discrepancias ao procedemento de arbitraxe que se regula neste mesmo título.

c) Mediante desacordo definitivo entre as partes, sexa este directo ou estea derivado do rexeitamento dunha proposta formal de mediación, segundo se recolle no artigo 60. Neste caso, entenderase cumprido o trámite preprocesual de intento de conciliación ou mediación para os efectos do artigo 156 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

2. Cando o procedemento promovido verse sobre as discrepancias xurdidas nun período de consultas ou substitúa este, tanto o acordo coma a decisión de sometemento ao procedemento de arbitraxe requirirán da conformidade ou voto favorable da representación unitaria ou sindical que sume a maioría legalmente establecida para a válida adopción do acordo.

Artigo 60. Proposta formal de mediación

1. Se a mediación terminase sen acordo, as partes poderán acordar que a persoa mediadora lles presente, no prazo máximo de tres días hábiles, unha proposta documental e motivada de solución sobre todos ou algúns dos puntos formulados no conflito. O indicado prazo máximo será de dous días hábiles, prorrogable ata tres por acordo expreso das partes, cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este.

2. Se a mediación terminase sen acordo, as partes poderán solicitar por escrito que a persoa mediadora lles presente nos tres días seguintes unha proposta documental e motivada de solución do conflito. A solicitude debe ser conxunta ou por instancia dunha das partes coa aceptación da outra. A proposta da persoa mediadora poderana aceptar ou rexeitar as partes, por escrito, no prazo de dous días hábiles seguintes a aquel en que se lles notificase. Transcorrido tal prazo sen que se manifestase nada, entenderase rexeitada a proposta. Da aceptación ou rexeitamento levantarase acta que será asinada pola persoa mediadora. O indicado prazo máximo será de dous días hábiles cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este.

3. Cando o procedemento promovido verse sobre discrepancias nun período de consultas ou substitúa este, a persoa mediadora, no prazo de dous días hábiles ou no seguinte día hábil, respectivamente, redactará unha acta final que expresará as persoas e representacións que interveñen e as razóns ou causas polas que se rexeitou ou se aceptou a proposta.

4. Se a proposta de mediación fose rexeitada e existise a vontade expresa de ambas as partes de someterse ao procedemento de arbitraxe, contando coa maioría que corresponda segundo o previsto nos artigos 52.3 e 59.2 deste acordo, a persoa mediadora recolleraa na acta e remitirá a documentación tramitada ata o momento ao Servizo de Solución de Conflitos para que este proceda de acordo coas regras do capítulo IV deste título II.

Artigo 61. Eficacia e impugnación dos acordos alcanzados

1. A eficacia do acordo de mediación ou da acta final de aceptación da solución proposta pola persoa mediadora será a propia dun convenio colectivo dos regulados no ET, sempre que o correspondente acordo sexa adoptado polos que reúnan os requisitos de representatividade e de maiorías previstos nos artigos 87, 88.2 e 89.3 do devandito texto legal. Pola contra, a solución alcanzada só producirá efectos para as persoas traballadoras ou empresas directamente representadas por quen subscribise o acordo ou aceptase a proposta de mediación se non se reúnen os ditos requisitos.

2. Sen prexuízo da data da súa eficacia inmediata, segundo o disposto no punto anterior, o acordo de mediación ou a acta de aceptación da solución proposta pola mediación remitirase á autoridade laboral para o seu rexistro, depósito e publicación oficial, cando proceda. Cando o procedemento teña a súa orixe no desacordo no período de consultas previsto no artigo 82.3 do ET, o expresado acordo ou aceptación notificarase á Comisión Paritaria do convenio colectivo.

3. O acordado en mediación poderá ser impugnado na forma e nos prazos que establece o artigo 67 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. A súa executividade rexerase polo disposto no artigo 68 do dito texto legal.

CAPÍTULO IV

Procedemento de arbitraxe

Artigo 62. Supostos en que procede o emprego do procedemento de arbitraxe

1. O procedemento de arbitraxe requirirá a manifesta expresión da vontade das partes en conflito de someterse á decisión imparcial da persoa elixida como árbitro ou árbitra, que terá carácter de obrigado cumprimento.

2. Procederá a promoción do procedemento de arbitraxe nos seguintes supostos:

a) A continuación da falta de acordo na mediación ou do rexeitamento da proposta de solución presentada pola persoa mediadora, cando as partes da comisión de mediación decidan someter a resolución do conflito ao procedemento arbitral, segundo o previsto nos artigos 59.1.b) e 2 e 60.4 deste acordo.

b) Directamente, cando as partes afectadas por un conflito non excluído deste procedemento decidan someter a súa resolución a arbitraxe.

3. Non admiten o seu sometemento directo ao procedemento de arbitraxe os conflitos a que fai referencia o artigo 46.1.f) e g) deste acordo.

Artigo 63. Promoción do procedemento. Documentación e emenda

1. A promoción directa do procedemento de arbitraxe requirirá a presentación dun escrito no Servizo de Solución de Conflitos subscrito por algunha das persoas ou organizacións lexitimadas segundo o artigo 52 deste acordo. O devandito escrito deberá expresar os contidos descritos no artigo 53.2.

2. Nos supostos en que o procedemento de arbitraxe se inicie como consecuencia da decisión a que se refire o artigo 59.1.b) deste acordo, ao escrito de promoción uniranse a documentación de que se dispón e as actas das reunións da comisión de mediación.

3. A promoción do procedemento de arbitraxe considerada no artigo 60.4 rexerase polo que nel se establece.

4. Se se detecta calquera defecto ou omisión na solicitude de inicio do procedemento de arbitraxe ou na documentación que preceptivamente deba xuntárselle, o Servizo de Solución de Conflitos requirirá a súa corrección, a cal deberá ser formalizada dentro do prazo de dous días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa recepción.

Artigo 64. Efectos da promoción do procedemento

A promoción do procedemento de arbitraxe implicará, en relación con calquera das cuestións sometidas a el e resoltas pola decisión arbitral, a renuncia ao recurso á folga e á adopción de medidas de peche patronal. Tamén impedirá a utilización de vías xudiciais ou administrativas ou de calquera outro medio de solución das indicadas cuestións; o anterior non afecta a posibilidade de impugnación xudicial do laudo nos termos previstos no artigo 70 deste acordo.

Artigo 65. Tramitación da promoción e solicitude de conformidade

1. Cando a parte promotora non reúna a maioría que corresponda segundo o disposto nos artigos 52.3 e 59.2 deste acordo, o Servizo de Solución de Conflitos consultará, no prazo de tres días hábiles, a conformidade das demais compoñentes da parte afectada para alcanzar o cumprimento do requisito. O devandito prazo será dun día hábil nos conflitos que versen sobre discrepancias nos períodos de consultas.

2. Acreditado inicialmente ou a través da consulta do Servizo de Solución de Conflitos o cumprimento do requisito que proceda de acordo co artigo 52 deste acordo, o devandito servizo remitirá o escrito de promoción á outra parte afectada polo conflito, co fin de que esta, no prazo de tres días hábiles, preste a súa conformidade ao inicio do procedemento. O devandito prazo será dun día hábil cando o conflito verse sobre discrepancias xurdidas nos períodos de consultas.

A falta de prestación expresa da conformidade exixida determinará, nos supostos en que esta sexa necesaria, o arquivamento das actuacións.

Cando a promoción do procedemento a soliciten conxuntamente ambas as partes do conflito, o Servizo procederá, sen máis, a realizar a convocatoria prevista no punto terceiro do artigo 66.

Artigo 66. Designación da árbitra ou árbitro e convocatoria das partes

1. Cando a parte promotora do procedemento propuxese na súa solicitude unha persoa para o exercicio da arbitraxe, o Servizo de Solución de Conflitos pedirá á outra parte a súa conformidade respecto desa proposta no mesmo trámite a que se refire o segundo punto do artigo 65 deste acordo.

2. De ser aceptada a persoa proposta, ou de haber unha proposta conxunta, o Servizo procederá a contactar con esta para confirmar a súa dispoñibilidade. No caso de non haber proposta ningunha, o Servizo proporá cantos nomes sexan necesarios ata conseguir a conformidade de ambas as partes.

3. Expresada a conformidade a que se refire o segundo punto do artigo 65 e designada a laudante, o Servizo de Solución de Conflitos convocará, no prazo de tres días hábiles, a árbitra ou árbitro e todas as persoas ou organizacións que deban ser partes do procedemento, co fin de celebrar o acto de comparecencia e asinar o compromiso arbitral.

O prazo para a convocatoria será dun día hábil cando o procedemento promovido teña por obxecto a substitución dun período de consultas ou verse sobre discrepancias xurdidas nel.

4. A designación formal da persoa que exercerá a arbitraxe terá lugar no acto de comparecencia, mediante a súa aceptación na sinatura do compromiso arbitral.

Artigo 67. Abstención e recusación

Desde a comunicación formal ás partes da identidade da persoa que vai exercer como laudante, ata o inicio formal da comparecencia –momento que deberá ser sinalado expresamente pola persoa designada, unha vez reunidas as partes- poderá esta absterse se concorre nela algunha das causas establecidas no artigo 219 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

Durante o mesmo período temporal do procedemento, calquera das partes poderá instar motivadamente a recusación da persoa designada perante o Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais.

De se producir a abstención ou instada a recusación, o Servizo de Solución de Conflitos efectuará un novo nomeamento e procederá a sinalar novo día e hora para a comparecencia, de conformidade co sinalado no artigo 66 deste acordo, no prazo máis reducido que sexa posible.

Artigo 68. Comparecencia

1. O acto de comparecencia deberá celebrarse en canto sexa posible e, en todo caso, dentro dos dez días hábiles desde que sexa definitiva a designación da árbitra ou árbitro.

2. A non asistencia inxustificada á comparecencia da parte solicitante ou da parte fronte á cal se promoveu a arbitraxe, debidamente citadas, conducirá ao arquivamento das actuacións.

3. Non obstante o previsto nos puntos anteriores, por causas excepcionais xustificadas e por petición de parte, poderase solicitar a suspensión da comparecencia por unha única vez; o Servizo de Solución de Conflitos sinalará nova data e hora para a comparecencia no prazo máis breve posible e remitirá nova convocatoria para o efecto.

4. No momento de iniciarse a primeira xuntanza do procedemento arbitral, asinarase un compromiso arbitral. O dito compromiso arbitral deberá conter os seguintes aspectos:

a) As cuestións concretas sobre as que debe versar a arbitraxe.

b) O criterio, de dereito ou de equidade, a que axustará a persoa designada a súa decisión.

c) Prazo para a emisión do laudo, cando as partes do compromiso arbitral consideren necesario que a devandita emisión se produza nun prazo distinto do supletorio previsto no número 9 deste artigo.

5. O desenvolvemento da comparecencia terá lugar na forma que se considere oportuna pola persoa designada como árbitra, sen prexuízo da observancia dos principios mencionados no artigo 6 deste acordo. En calquera caso, as partes poderán realizar durante a comparecencia as alegacións en defensa das súas posicións na orde que considere o árbitro ou árbitra, e intervirán cantas veces esta xulgue necesarias, sen que se poidan debater cuestións distintas das reflectidas no compromiso arbitral. A persoa designada terá a capacidade de formular preguntas ás partes e de pedirlles que fixen a súa posición verbo de calquera aspecto sometido a arbitraxe. A continuación, practicarase a proba.

6. As partes deberán acudir á comparecencia provistas de cantas probas vaian utilizar. Serán admisibles todo tipo de probas legais -documentais, testificais, periciais, interrogatorio de parte... que se poidan realizar no mesmo acto e que acheguen as propias partes. Unicamente será denegada a práctica das que non haxa dúbida da súa impertinencia ou legalidade ou as que se refiran a feitos incontrovertidos. Así mesmo, poderase limitar o número de testemuñas cando a súa actuación vaia ser redundante.

Excepcionalmente, poderanse admitir probas que impliquen o desprazamento da persoa designada fóra da sede da comparecencia. Na práctica das probas observaranse os límites derivados do artigo 18 CE e da súa lexislación de desenvolvemento.

7. Finalizada a práctica das probas, as partes formularán oralmente as súas conclusións, á vista da proba practicada e precisando e, se é o caso, cuantificando a súa concreta postura final. A árbitra ou árbitro poderá requirir a aclaración de cantos aspectos lle sexan dubidosos ou escuros. Así mesmo, de ser estritamente necesario, a persoa designada poderá decidir a práctica de probas adicionais, das cales dará traslado ás partes para que formulen a súa valoración nun prazo de 24 horas.

8. Se o volume da proba documental e pericial achegada exixe unha revisión desta que non se poida practicar no mesmo acto, a persoa que actúe como árbitra pode requirir as partes para que, sen prexuízo da emisión de conclusións provisionais, practiquen a súa valoración da proba nas 48 horas seguintes. Neste caso, o Servizo de Solución de Conflitos proverá o necesario para que as partes poidan dispor da proba no prazo máis reducido de tempo posible.

9. Se as partes non sinalaron no escrito de compromiso arbitral un prazo distinto para a emisión do laudo, a devandita emisión deberase producir no prazo máximo de cinco días hábiles, contados a partir do seguinte ao da comparecencia. Excepcionalmente, atendendo ás dificultades do conflito e á súa transcendencia, poderase prorrogar o devandito prazo mediante resolución motivada da persoa designada; en todo caso, o laudo deberá ditarse antes do transcurso de dez hábiles contados desde o seguinte ao da comparecencia.

10. O laudo arbitral deberá estar motivado e será notificado ao Servizo de Solución de Conflitos, que o trasladará de modo inmediato ás partes. Deberá indicar os recursos que procedan contra el, o órgano ante o que se deben interpoñer e os prazos e demais requisitos para facelo, e a súa propia vixencia temporal, cando proceda.

11. Nos cinco días hábiles seguintes á súa notificación, cabe que a persoa que interveña como árbitra introduza de oficio aclaracións dalgún punto escuro ou correccións de erros aritméticos ou de redacción, sen que en ningún caso sexa posible modificar ou rectificar o decidido. Así mesmo, esta aclaración ou corrección pódese producir por instancia de parte, se así o solicita no mesmo termo de cinco días. Neste caso, a persoa ou persoas actuantes como árbitras deben decidir ao respecto no prazo de 48 horas. No caso de que, por instancia de parte, se solicite aclaración ou corrección, o prazo de impugnación do laudo non se computará ata que se comunique a decisión relativa a esta.

Artigo 69. Laudo por acordo das partes

Ao longo de todo o procedemento arbitral, desde que se asine o compromiso arbitral ata que se dite o laudo, cabe que as partes obteñan un acordo que poña fin ao conflito, ben total ben parcialmente. Este laudo por acordo das partes regularase na forma establecida no artigo 30 desde acordo.

Artigo 70. Eficacia e impugnación do laudo arbitral

1. No procedemento promovido para resolver discrepancias nun período de consultas ou en substitución deste, a eficacia do laudo arbitral será a mesma que a do acordo alcanzado no devandito período. Nos demais casos, será a propia dun convenio colectivo dos regulados no ET, sempre que o compromiso arbitral figure subscrito polas persoas ou representacións que reúnan os requisitos de representatividade e de maiorías previstos nos artigos 87, 88.2 e 89.3 do devandito texto legal. En caso contrario, o laudo só producirá efectos para as persoas traballadoras ou empresas subscritoras do compromiso arbitral e aquelas a que estas representen.

2. O laudo arbitral remitirase á autoridade laboral para os efectos de rexistro, depósito e publicación oficial, cando proceda. Así mesmo, notificarase á Comisión Paritaria do convenio colectivo cando o procedemento teña a súa orixe no desacordo no período de consultas previsto no artigo 82.3 do ET.

3. No prazo de caducidade de 30 días expresado no artigo 67.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social, o laudo poderá ser impugnado ante o xulgado do social territorialmente competente, polos motivos previstos no artigo 31 deste acordo.

4. Transcorrido o prazo previsto no número anterior, o laudo devirá firme e será executivo ao abeiro do artigo 68.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

CAPÍTULO V

Mecanismos de determinación de servizos de mantemento e seguridade
en caso de folga

Artigo 71. Negociación de servizos de mantemento e seguridade. Sometemento á arbitraxe

1. Convocada folga nun sector ou empresa determinado, o sindicato ou sindicatos convocantes, ou a representación unitaria ou sindical na empresa, presentarán á contraparte empresarial afectada, xuntando o aviso previo, unha proposta de servizos de mantemento que sexa preciso prestar durante esta e que corresponda garantir ao comité de folga, así como das persoas traballadoras que deban atendelos.

2. No prazo máximo de dous días naturais, ambas as partes deberán negociar para chegar a un acordo sobre a determinación dos servizos de mantemento, aceptando ou modificando a proposta dos convocantes. Ambas as partes estarán obrigadas a negociar de boa fe.

3. A contraparte afectada só poderá negarse a negociar os servizos de mantemento cando a convocatoria de folga sexa realizada por un sindicato que non represente a maioría de membros de comités de empresa e delegados ou delegadas de persoal do sector en conflito ou, nos casos de folga de empresa, cando o acordo de folga non sexa adoptado pola maioría da representación unitaria ou por seccións sindicais que no seu conxunto conten coa devandita maioría.

4. O deber de negociar os servizos de mantemento no prazo fixado mantense en todo caso se o convocante da folga é un sindicato dos máis representativos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 72. Procedemento de arbitraxe en caso de desacordo na determinación de servizos de mantemento e seguridade

1. Transcorrido o prazo sinalado no artigo anterior sen que se obtivese acordo, ambas as partes se someterán a unha arbitraxe. A persoa ou persoas actuantes designaranse conforme o previsto no artigo 66 deste acordo. No prazo improrrogable de dous días desde a designación ditarase un laudo motivado polo que se fixarán os servizos de mantemento e seguridade que hai que garantir durante a folga.

2. A persoa ou persoas designadas deberán ter en conta para emitir a súa decisión tanto a proposta das organizacións convocantes como as modificacións mantidas pola contraparte afectada, valorando, ademais, as circunstancias concretas de duración ou extensión da folga e a súa posible incidencia na seguridade das persoas e cousas, mantemento das instalacións e ulterior recuperación da actividade produtiva.

Artigo 73. Laudo por acordo das partes

Ao longo deste procedemento cabe que as partes obteñan un acordo que poña fin ao conflito, ben total, ben parcialmente. Este laudo por acordo das partes regularase na forma establecida no artigo 30 deste acordo.

Disposición adicional primeira. Información dos procedementos

O Consello Galego de Relacións Laborais informará as organizacións asinantes deste acordo de todos aqueles procedementos promovidos e do seu resultado final.

Disposición adicional segunda. Rexistro de actuantes

1. Constituirase un rexistro de persoas con funcións de mediación e arbitraxe, co fin de que interveñan nos procedementos regulados neste acordo.

2. Por acordo unánime das organizacións asinantes, actualizarase periodicamente o rexistro de persoas con funcións de mediación e arbitraxe nos prazos e en aplicación dos criterios que se fixen para o efecto pola Comisión Paritaria do Acordo. A determinación destes termos e pautas deberá ser aprobada pola dita comisión no prazo máximo de 6 meses desde a sinatura deste acordo.

Disposición adicional terceira. Solicitude de cobertura do Consello Galego de Relacións Laborais

1. As organizacións asinantes solicitan do Consello Galego de Relacións Laborais o establecemento de sedes territoriais do Servizo de Solución de Conflitos, coa dotación humana, material e económica precisa para ofrecer unha mediación de proximidade, flexible en horarios e, preferiblemente, en locais públicos.

2. Co fin de incrementar o número de persoas mediadoras e árbitras do Servizo de Solución de Conflitos e de actualizar as competencias de quen xa desempeña estas funcións de cara á súa intervención nos conflitos individuais, o Consello Galego de Relacións Laborais porá en marcha un sistema de formación inicial e continua.

3. As organizacións asinantes solicitan ao Consello Galego de Relacións Laborais que inicie as negociacións necesarias para subscribir coas administración públicas, en particular coa Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial, os acordos de colaboración que se precisen para garantir a virtualidade práctica deste acordo.

Disposición adicional cuarta. Comisión Paritaria do Acordo interprofesional

1. A interpretación, aplicación, adaptación e revisión deste acordo confíase a unha comisión paritaria integrada por sete representantes das organizacións sindicais asinantes –Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia) e Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO. de Galicia)– en función da súa representatividade, e por un número igual de representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Para a súa debida constitución será necesaria a presenza de seis persoas, tres por cada unha das dúas representacións.

2. A Comisión Paritaria estará presidida pola persoa que ocupe a presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais ou pola persoa en quen esta delegue, e asumirá a secretaría da comisión unha persoa do propio Consello. Ambas actuarán con voz e sen voto.

3. A convocatoria das reunións ordinarias da Comisión Paritaria efectuarase cunha antelación mínima de sete días. Por causas extraordinarias, a Comisión poderá ser convocada no prazo de vinte e catro horas. A convocatoria expresará a orde do día que será fixada de acordo coas representacións de cada unha das organizacións asinantes deste acordo.

4. A Comisión Paritaria reunirase cando menos dúas veces ao ano, co obxecto de avaliar a aplicación e o funcionamento do acordo e introducir as adaptacións e revisións que a súa execución precise, ou cando o solicite calquera das organizacións asinantes. As decisións sobre o nomeamento e renovación da relación de persoas mediadoras e árbitras corresponderalle, así mesmo, á Comisión Paritaria.

5. A Comisión Paritaria adoptará os seus acordos polo voto favorable da maioría de cada unha das dúas representacións presentes. Os devanditos acordos, que serán recollidos en acta, serán remitidos á autoridade laboral para o seu rexistro, depósito e publicación no Diario Oficial de Galicia, salvo que a propia comisión, pola natureza do acordo adoptado, decida outra cousa.

Disposición adicional quinta. Ampliación progresiva do ámbito obxectivo do acordo

As organizacións asinantes deste acordo poderán propoñer a ampliación do seu ámbito de aplicación obxectivo, incluíndo no artigo 7 ou no artigo 46 novas materias que poidan ser obxecto de mediación ou arbitraxe en conflitos individuais ou colectivos.

Disposición derradeira única

As organizacións asinantes deste acordo comprométense a iniciar, antes de xuño de 2020, as negociacións sobre un procedemento para a fixación de servizos mínimos no caso de folga en servizos esenciais para a comunidade.