Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 11 de febreiro de 2020 Páx. 9301

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 10 de xaneiro de 2020 de aprobación definitiva da modificación puntual número 20 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa no polígono industrial de Tremoedo e a súa contorna.

O Concello de Vilanova de Arousa remite a documentación relativa á modificación puntual referida, para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Unha vez analizada a documentación achegada, con dilixencia de terse aprobado provisionalmente mediante o Acordo do Pleno do 30.9.2019, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o 14.3.1997 (DOG do 28 de maio de 1997 e BOP do 5 de maio).

I.2. Mediante a Resolución do 24 de xullo de 2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual (MP) (DOG do 31 de agosto de 2017, expediente 2017AAE2032 e código 1943/2017) en que resolveu non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

I.3. Constan informes técnicos municipais dos días 19.7.2018 e 5.12.2018; o informe xurídico do 5.12.2018 e o informe de intervención do 5.12.2018.

I.4. A modificación puntual foi aprobada inicialmente polo Pleno municipal na sesión do 13.12.2018 e expúxose ao público polo prazo de dous meses, mediante a publicación no DOG do 17 de xaneiro de 2019 e nun xornal o día 31.1.2019. Consta certificado do secretario municipal, do 12.6.2019, das alegacións achegadas nese prazo.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron solicitados informes sectoriais ao Instituto de Estudos do Territorio (consta o Informe do 5.4.2019), á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático en materia de residuos (Informe do 6.2.2019), a Augas de Galicia (Informe do 24.4.2019), á Axencia Galega de Infraestruturas (informes do 20.3.2019 e 21.3.2019), á Deputación de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 29.3.2019), á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes do 14.6.2019 e do 25.11.2019) e déuselle traslado á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior o 24.1.2019. Non foi recibida contestación á solicitude de informe da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Caldas de Reis, Cambados, Meis, Portas, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa e non se recibiu a súa resposta.

I.6. O Concello de Vilanova de Arousa solicitou informe á Subdelegación do Goberno (que remite o Informe da Unidade de Estradas do Estado do 5.2.2019 e do Servizo Provincial de Costas do 5.2.2019) ao Ministerio de Economía e Empresa (consta o Informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 16.1.2019), á Deputación de Pontevedra, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Consellería do Medio Rural (consta o Informe do 8.3.2019), a Augas de Galicia, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (constan informes do 1.3.2019 e 12.11.2019 en materia de costas), ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (constan informes do 17.11.2017 e 5.2.2019), á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ao Instituto de Estudos do Territorio, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (consta informe do 21.1.2019), á Consellería de Economía, Emprego e Industria e á Axencia Galega de Infraestruturas.

I.7. Constan o Informe técnico municipal favorable e o Informe xurídico do 4.9.2019, o Informe de Intervención do 20.5.2019 e o Informe do secretario do 9.9.2019.

I.8 O Pleno do Concello aproba provisionalmente a modificación puntual en sesión do 30.9.2019, que é remitida á Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 60 da LSG.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto da modificación puntual simplificouse respecto do previsto no borrador sometido a consultas na fase de avaliación ambiental, reducíndose a unha as tres propostas de modificacións previstas inicialmente, nomeadamente a reclasificación como solo urbano consolidado dunha zona clasificada nas normas subsidiarias como solo non urbanizable común (SNUC), integrada na zona norte do polígono industrial de Tremoedo e que linda polo norte coa estrada EP-9703 e polo sur, leste e oeste co polígono industrial.

O ámbito da modificación puntual abarca unha superficie de 5 193,67 m², de forma sensiblemente rectangular, que se desenvolverá mediante as condicións da Ordenanza 7. Solo urbano mixto industrial, residencial e comercial das NNSS vixentes.

III. Análise e consideracións.

III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para a modificación do planeamento urbanístico xustifícanse con base na conveniencia de adaptar a clasificación do solo establecida nas NNSS á realidade existente e ao disposto na LSG, emendar erros e contradicións existentes nas NNSS no que ao ámbito de actuación se refire e dar resposta á necesidade municipal de ampliar o polígono industrial de Tremoedo.

III.2. Nos informes sectoriais recadados non se manifestaron obxeccións ao documento da modificación puntual, e aqueles que estaban condicionados foron cumpridos tras emendar as cuestións indicadas neles.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 20 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e as ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda