Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8170

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 23 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública o Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Illas de San Pedro (concello da Coruña).

O espazo natural de interese local Illas de San Pedro foi declarado provisionalmente espazo natural de interese local (en diante, ENIL) por solicitude do Concello da Coruña, condicionando a súa declaración definitiva á presentación por parte do Concello ante a consellería competente en materia de conservación da natureza dunha proposta adecuada de plan de conservación, o que fixo o día 13.4.2018. En virtude do establecido nos artigos 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e 41.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o 12.11.2018 iniciouse o procedemento para a formulación e aprobación do plan por decreto do Consello da Xunta. O 4.1.2019 o expediente someteuse a participación pública da cidadanía e recibiuse unha alegación.

O documento base do plan, logo de ser emendado e completado, cumpre coa finalidade de adecuar a xestión do ENIL aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e conta cos contidos mínimos referidos no artigo 20 desa lei e no 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese natural. Esta dirección xeral considera que a proposta reúne as condicións adecuadas e anuncia a súa información pública e audiencia ás persoas interesadas co obxecto de cumprir co disposto no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro e no artigo 3 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

ACORDO:

Primeiro. Someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas, por un prazo de 15 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o Proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do ENIL Illas de San Pedro.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o expediente na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions, así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, entrando na subsección de documentos en información pública do portal de conservación da natureza https://cmatv.xunta.gal/tema/c/CMAOT_Conservacion

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

a) Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto «PC do ENIL Illas de San Pedro».

b) Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2020

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural