Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 7964

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da ORDE do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

BDNS (Identif.): 493965.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http;//www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 para a que se solicita as axudas cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

c) Que a escola infantil para a que se solicita as axudas estea aplicando no curso 2019-2020 un réxime de prezos equivalente ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas para escolas infantís 0-3 anos dependentes de entidades privadas de iniciativa social coa finalidade de consolidar a oferta existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral no que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias (código de procedemento BS420A).

Con estas axudas financiaranse gastos de mantemento dos centros, para contribuír ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e a fomentar a mellora da súa calidade, e compensarase a aplicación dunha bonificación do 100% do prezo correspondente á atención educativa prestada a partir do 1 de abril de 2020 no caso da matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da unidade familiar.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

Cuarto. Financiamento e contía da axuda

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 4.174.360 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3.

2. As axudas para gastos de mantemento teñen como finalidade compensar aqueles que se produzan e/ou se abonen dende o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de xustificación nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal, sempre que os seus importes non excedan os salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil.

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

3. As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativas a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar compensarán a contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, dende o mes de abril ata o de decembro de 2020.

4. A contía da axuda para gastos de mantemento establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data na que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e máis nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o regulamento da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía total por unidade en funcionamento

21.532 €

20.558 €

19.572 €

17.382 €

De non estar en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo no que non se prestou o servizo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social