Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2020 Páx. 8098

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 30 de decembro de 2019 pola que se convocan, para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (código de procedemento VI432C).

BDNS (Identif.): 493131.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas, público - privadas e sociedades mercantís participadas maioritariamente polas administracións públicas, en cuxo obxecto social figure a promoción de vivendas.

b) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, as cooperativas de autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública e aquelas ás que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

c) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou, no caso de ser estranxeiras, que teñan a residencia legal en España.

2. As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Non estar incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou que se lles teña revogado ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dalgunha axuda prevista neste ou no anterior plan estatal de vivenda por incumprimento ou causa imputable a aquelas.

c) No suposto de fundacións de interese galego, para ter a condición de beneficiaria será requisito necesario que teña presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, segundo o establecido no artigo 38.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

d) No suposto de concellos de Galicia, para ter a condición de beneficiario será requisito necesario que o concello teña presentadas no Consello de Contas as contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, conforme ao artigo 208 e seguintes do Texto refundido da Lei reguladora de facendas locais, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2020, con carácter plurianual, as subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento previstas no capítulo V do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en adiante, Plan 2018-2021), que se tramitará co código de procedemento VI432C.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria establécense na Resolución do 6 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 115, do 19 de xuño (código de procedemento VI432C).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria para o citado programa faranse efectivas con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.83.451B.760.0, 07.83.451B.770.0 e 07.83.451B.781.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos seguintes importes e repartición plurianual:

Programa de fomento do parque de vivenda en alugamento

Aplicación

Importe 2020

Importe 2021

07.83.451B.760.0

Proxecto 2019 00004-FFE

86.957

200.000

07.83.451B.770.0

Proxecto 2019 00003-FCA

Proxecto 2019 00004-FFE

400.000

28.450

400.000

20.247

07.83.451B. 781.0

Proxecto 2019 00004-FFE

200.000

200.000

Total

715.407

820.247

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. As contías establecidas nesta convocatoria poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo