Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 4 de febreiro de 2020 Páx. 7483

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 17 de decembro de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada dunha planta de xestión de residuos cuxo titular é Proteción Medio Ambental, S.L. (expediente 2018-IPPC-M-109).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31.12.2016) regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19.10.2013) establecen o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013 sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Proteción Medio Ambental, S.L. para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de xestión de residuos da Laracha, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Poderase acceder a esta documentación nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-109.

Autorización ambiental integrada: 2007/0015_NAA/IPPC_179.

Categoría principal da instalación: 5.1.b e 5.1.j.

Titular: Proteción Medio Ambental, S.L. (B15321730).

Enderezo do titular: lugar de Lendo, s/n, 15145 A Laracha (A Coruña).

Localización da instalación: lugar de Lendo, s/n, 15145 A Laracha (A Coruña).

Actividade principal: xestión de residuos.

Descrición: a planta dedícase á xestión de residuos nas seguintes liñas de actividade: planta de rexeneración de aceites usados (PRAU), planta de tratamiento de mesturas hidrocarburadas (PTMHC), planta de filtros de aceites, planta de valorización de plásticos e centro de transferencia de residuos perigosos e non perigosos.

En aplicación da Orde APM/205/2018, do 22 de xullo, a instalación tratará por separado residuos de aceites usados para usalos como combustible. Para isto, disporá dunha liña para tratamento destes residuos composta por un proceso flash de eliminación de auga e lixeiros impropios, sedimentación gravitacional e centrifugación mediante decánter para a eliminación de sedimentos, e posterior tratamento térmico mediante destilación ao baleiro.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.

Verteduras:

Durante o proceso de tratamento de residuos non é preciso o consumo de auga en ningunha das etapas, e as verteduras identificadas en PMA son as seguintes:

• Augas separadas no tratamento de auga, hidrocarburos e aceites. A instalación conta cunha estación depuradora de augas residuais industriais (EDARi) que verte á rede municipal.

• As augas pluviais recollidas no tellado son dirixidas á cuneta perimetral da estrada.

• As augas sanitarias procedentes de aseos e vestiarios destínanse a unha fosa séptica pertencente a unha empresa do mesmo grupo.