Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2020 Páx. 7253

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (PO 353/2018).

Eu, María Iria Román Vidarte, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento ordinario 353/2018 deste xulgado do social se ditou a seguinte resolución:

«Sentenza

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2020.

Sandra María Iglesias Barral, maxistrada do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, despois de ver os presentes autos seguidos neste xulgado co número 353/2018 sendo parte nel, como demandante, Manuel Castro Graña, asistido pola letrada Sra. Rodríguez Enríquez e, como demandada, Agrícola Compostela, S.L., que non comparece malia a súa citación en legal forma, ao igual que o Fondo de Garantía Salarial e Eduardo Jaime Porta Viu, chamado en calidade de administrador concursal, pronunciado esta sentenza, en nome do rei, con base nos seguintes

Resolvo:

Estímase a demanda interposta por Manuel Castro Graña contra a empresa Agrícola Compostela, S.L. e Eduardo Jaime Porta Viu, en calidade de administrador concursal; e, en consecuencia, condénase a demandada a aboar ao demandante a cantidade de 9.664,98 euros en concepto de salarios, cos xuros do 10 % por mora.

Todo iso sen prexuízo da responsabilidade do Fogasa, se é o caso.

Notifíquese a presente resolución ás partes, contra a que cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal deberá anunciarse neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes á notificación desta resolución abondando a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social colexiado ou representante dentro do indicado prazo.

É indispensable que ao tempo de anuncialo acredite a parte que non ten o carácter de traballador ou habente causa seu ou beneficiaria do réxime público de Seguridade social ou non gozo do beneficio de xustiza gratuíta, ter consignado como depósito a cantidade de 300 euros na conta deste xulgado, así como acreditar ao anunciar o recurso ter consignado na “Conta de depósitos e consignacións” aberta a nome deste xulgado, a cantidade obxecto de condena, podendo substituírse a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval bancario, no que deberá facerse constar a responsabilidade solidaria do avalista.

Están exentos de constituír o depósito e a consignación indicada as persoas e entidades comprendidas no punto 4 do artigo 229 da LRXS.

Así o acorda, manda e asina Sandra María Iglesias Barral, maxistrada do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela».

Advírtese a destinataria que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación en legal forma a Agrícola Compostela, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios deste xulgado

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2020

A letrada da Administración de xustiza