Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 30 de xaneiro de 2020 Páx. 6081

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, de adxudicación provisional de novas oficinas de farmacia.

Mediante a Resolución do 2 de xullo de 2018, esta Secretaría Xeral Técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. O punto segundo da citada resolución establece que a súa tramitación se rexerá polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia.

Así as cousas, o pasado sábado 18 de xaneiro de 2020 tivo lugar, logo de aprobarse a lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso, o acto público de elección de oficinas de farmacia, ao cal foran convocadas, mediante a Resolución do 11 de decembro de 2019, todas as persoas participantes que figuraban na citada lista.

Xa que logo, á vista do resultado do acto de elección e do contido da acta redactada para o efecto, e de conformidade co disposto no artigo 25.ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a lista provisional de persoas adxudicatarias no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

A citada lista, que contén tamén a delimitación territorial da oficina de farmacia elixida por cada unha delas, poderá ser consultada na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) desde o mesmo día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Consonte o sinalado no número 2 do artigo 25.ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, os/as farmacéuticos/as que resultasen adxudicatarios/as provisionais disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, para acreditar documentalmente ter constituída garantía suficiente para cubrir o importe de 3.000 €, en calquera das formas sinaladas no citado precepto.

A documentación xustificativa da constitución da dita garantía deberá ser remitida a esta secretaría xeral técnica por vía electrónica, a través do modelo xenérico denominado «achega de documentación separada da solicitude», o cal se atopa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación da devandita documentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De non constituírse a preceptiva garantía no prazo indicado, os/as adxudicatarios/as provisionais quedarán excluídos do procedemento, e procederase de acordo co sinalado no número 3 do artigo 25.ter do Decreto 146/2001, do 7 de xuño.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2020

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade