Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2020 Páx. 5780

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).

De conformidade coas competencias previstas nas normas I.6.1 e II.7 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal asinado o 13 de xuño de 2016 no seo da Comisión Central de Seguimento do devandito pacto, en reunións mantidas o 8 de novembro e 20 de decembro de 2019, adoptáronse diversos acordos con incidencia na xestión das listas.

Para xeral coñecemento de tales acordos faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Publicar, para xeral coñecemento e efectividade, os acordos adoptados pola Comisión Central de Seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, aprobado mediante a Resolución desta Dirección do 13 de xuño de 2016, que se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

1. Melloras na aplicación do Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSI-F sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Ao abeiro das competencias conferidas polo punto I.6.1.c) do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, co obxecto de preservar o normal funcionamento das institucións sanitarias, evitando situacións de indispoñibilidade de aspirantes e de garantir que a formalización dos nomeamentos se efectúe a favor dos/das aspirantes coa maior puntuación en aplicación dun baremo predeterminado, adopta os seguintes acordos:

a) Melloras de vinculación.

Terá a consideración de mellora de vinculación:

a.1. Para as persoas aspirantes vinculadas nun distrito distinto ao/s seleccionado/s como preferente/s (non preferente): toda vinculación, con independencia da súa duración e réxime de xornada que se xere nalgún/s do/dos distrito/s seleccionado/s como preferente/s.

No suposto de renuncia a un vínculo de longa duración, a persoa aspirante permanecerá como indispoñible para sucesivos chamamentos ata a finalización do seu vínculo, sen prexuízo da aplicación do disposto na Resolución do 17 de outubro de 2018 pola que se dispón a publicación do acordo da mesa sectorial do 16 de outubro de 2018, de modificación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG núm. 203, do 24 de outubro).

a.2. Para as persoas aspirantes vinculadas nun distrito seleccionado como preferente: os vínculos de longa duración que xurdan noutro/s distrito/s seleccionado/s como preferente/s ou no mesmo distrito no suposto previsto no punto III.2 do Pacto de selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

A aceptación dun nomeamento de longa duración nun distrito distinto ao de vinculación terá carácter voluntario. No suposto de renuncia, a persoa aspirante permanecerá como indispoñible para sucesivos chamamentos nese mesmo distrito ata a finalización do seu vínculo, sen prexuízo da aplicación do disposto na Resolución do 17 de outubro de 2018 pola que se dispón a publicación do acordo da mesa sectorial do 16 de outubro de 2018, de modificación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal (DOG núm. 203, do 24 de outubro).

a.3. En particular, para as persoas aspirantes vinculadas cun nomeamento de atención continuada/gardas terá a consideración de mellora, ademais dos anteriormente expostos, calquera outra modalidade de nomeamento de curta duración. Neste suposto, a aceptación do vínculo será voluntaria.

b) Réxime de penalizacións.

b.1. Será penalizable a renuncia a unha oferta de vinculación ou nomeamento xa formalizado en calquera dos distritos sanitarios seleccionados polo/a aspirante como preferente/s, agás que esta veña motivada por mellora de vínculo nos termos establecidos no punto anterior.

b.2. A renuncia a unha oferta de vinculación ou nomeamento xa formalizado nun distrito sanitario limítrofe de calquera dos seleccionados como preferentes polo/a aspirante non dará lugar a ningún tipo de penalización.

2. Inclusión na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría da área especial de críticos.

De conformidade coa habilitación conferida pola norma II.7.4 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, por razóns asistenciais debidamente xustificadas, a Comisión Central de Seguimento do Pacto acorda a inclusión da área especial de críticos para a cobertura das necesidades de vinculación de duración non superior a 60 días na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Tal área estará visible en Fides/expedient-e, para os efectos da posible selección polos/as aspirantes interesados/as a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se aproben a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación correspondentes ao proceso de actualización das listas de selección temporal desta categoría, en tramitación.