Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Venres, 24 de xaneiro de 2020 Páx. 4399

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2019 pola que se convoca o procedemento de selección dunha entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña (código de procedemento BS213C).

De conformidade co disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante, LORPM), corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial, a execución das medidas impostas polos xulgados de menores nas súas resolucións firmes para o que levará a cabo a creación, dirección, organización e xestión dos servizos, institucións e programas axeitados para garantir a correcta execución das medidas previstas nesa lei.

Neste senso, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, encomenda á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na LORPM.

A citada LORPM prevé, no seu artigo 45.3, a posibilidade de que a Comunidade Autónoma estableza os convenios ou acordos de colaboración con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivadas da dita execución.

Así mesmo, o artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, sinala que a Xunta de Galicia poderá celebrar convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como outras entidades, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que iso supoña cesión da titularidade ou responsabilidade.

En virtude deste título habilitante e tendo en conta o superior interese da persoa menor que preside as actuacións no ámbito da xurisdición de menores, a colaboración con entidades privadas de iniciativa social con experiencia acreditada permite asegurar una intervención educativa de calidade orientada á efectiva reinserción dos/das menores.

Existe unha pluralidade de entidades entre cuxos fins se atopa a intervención socioeducativa con persoas menores e mozos/as, capacitadas para desenvolveren programas de intervención con menores.

Por todo iso, faise necesaria a articulación dun procedemento de selección que garanta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e non discriminación, á vez que permita elixir o proxecto daquela entidade que garanta unha mellor calidade técnica na intervención que se vai levar a cabo na execución das medidas en medio aberto na provincia da Coruña, co fin de que se realice unha actuación axeitada e en beneficio da persoa menor, tendo en conta os seus intereses.

Por todo o exposto

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar e convocar o procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para a execución, na provincia da Coruña, das medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, ditadas polos xulgados de menores, e de tarefas e actividades de reparación extraxudiciais, segundo o establecido na LORPM, de conformidade coas bases establecidas no anexo I, a través da formalización dun convenio de colaboración (anexo IV).

A entidade con que se asine un convenio de colaboración percibirá da Consellería de Política Social con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha compensación máxima de 1.072.579,32 euros polos gastos en que incorra no desenvolvemento das actividades conveniadas, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante. O dito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia da Coruña

2020

312.835,63 €

2021

536.289,66 €

2022

223.454,03 €

O expediente de gasto tramitarase polo procedemento de tramitación anticipada, ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, e está condicionado a que unha vez aprobado o orzamento subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron e, por tanto, á existencia de crédito adecuado e suficiente unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da interposición previa, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

ANEXO I

Procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar
a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan
que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas
na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal
dos menores, na provincia da Coruña

Primeiro. Obxecto da convocatoria

1. A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir dentro do ámbito da provincia da Coruña medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, impostas polos xulgados de menores ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial, segundo o establecido na LORPM, mediante a celebración dun convenio de colaboración.

O termo «persoa menor» entenderase, no marco do disposto na LORPM, así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo co uso que do dito termo se dá nas anteditas leis.

2. O procedemento terá o código BS213C para os efectos de identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) e o acceso ao formulario de inicio específico, de uso obrigatorio para os interesados.

Segundo. Finalidade e obxectivos da convocatoria

1. Seleccionarase a entidade privada sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas e recursos destinados á execución no ámbito da provincia da Coruña de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e dos programas educativos que as desenvolven, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas en medio aberto:

a) Tratamento ambulatorio.

b) Asistencia a centro de día.

c) Permanencia de fin de semana en domicilio.

d) Liberdade vixiada (preventiva e ditada en sentenza firme).

e) Convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo (preventiva e ditada en sentenza firme).

f) Prestacións en beneficio da comunidade.

g) Realización de tarefas socioeducativas.

Tamén quedará garantida a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudiciais previstas no artigo 19 da LORPM que, propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores, fosen derivadas á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Política Social.

2. A intervención educativa integral en medio aberto levarase a cabo na provincia da Coruña nun recurso non residencial que se denominará Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA Coruña).

Este recurso cumprirá os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

3. No desenvolvemento dos programas e recursos, a entidade debe cumprir de forma estrita a normativa aplicable, así como as circulares que resulten de aplicación e, en particular, a título meramente enunciativo:

a) Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

b) Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da LORPM.

c) Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia.

d) Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

e) Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

f) Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

g) Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

h) Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

i) Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

j) Circular núm. 13, do 5 de xuño de 2008, en que se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas que as desenvolven.

Así mesmo, serán de aplicación cantas outras disposicións lexislativas e regulamentarias relacionadas coa actividade obxecto de execución sexan de aplicación, así como aquelas que entren en vigor durante o período de execución do convenio e sexan de aplicación.

Terceiro. Participantes

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio, segundo os seus estatutos ou regras fundacionais e figuren inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.

Así mesmo, a entidade seleccionada debe dispoñer, o día 15 de maio de 2020, do permiso de inicio de actividades para o recurso non residencial CIEMA Coruña que oferta. O cumprimento deste requisito será obxecto de comprobación de oficio pola propia Administración.

Cuarto. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal (anexo III).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días hábiles contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Os sábados e festivos considéranse inhábiles para todos os efectos.

3. Na solicitude, anexo III, asinada polo/a representante da entidade, deberán figurar datos identificativos e acreditativos de determinados aspectos sinalados nesta resolución e demais normativa aplicable:

a) Identificación do solicitante, do/da representante, enderezo para notificacións, datos bancarios e identificación da persoa para as funcións de coordinación e comunicación.

b) Declaracións sobre:

1º. Subscrición para o CIEMA Coruña das seguintes pólizas de seguros:

1.1º. Póliza de seguros que cubra os danos e sinistros que se produzan nos locais, instalacións ou bens, aparellos e materiais afectos ao servizo.

1.2º. De responsabilidade civil que cubra:

1.2.1º. Os danos que puidese sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento do CIEMA Coruña e, se é o caso, outros equipamentos en que se leva a cabo unha intervención educativa en medio aberto.

1.2.2º. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente do CIEMA Coruña ou entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

1.2.3º. Os danos que puidesen ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000 euros por sinistro e 300.000 euros por anualidade e equipamento.

1.3º. De accidentes de menores, causados tanto no interior do CIEMA Coruña, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior dos centros.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 6.000 euros por persoa por falecemento e 30.000 euros por invalidez permanente, incluír a asistencia médica ilimitada e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

2º. Adscrición á execución das medidas dos medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución e, en todo caso, os indicados na memoria que se xunta como documentación complementaria.

3º. Condicións do persoal que vai desempeñar as súas funcións no CIEMA Coruña: inexistencia de sentenza firme pola comisión de delito contra a liberdade e indemnidade sexual que inclúe a agresión e o abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos, en aplicación do artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, de modificación parcial do Código civil.

c) Indicación da documentación complementaria que se xunta e, se é o caso, constancia dos datos relativos a documentos achegados anteriormente con indicación do tipo, órgano administrativo ante o que se presentou, código de procedemento e data de presentación e/ou manifestación da oposición á consulta dos documentos sinalados no punto sexto.

Quinto. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento de constitución, estatutos en que conste a finalidade e as normas polas que se regula a entidade na súa actividade, así como as súas modificacións, se as houber, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

b) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade para o caso de que esta se atribúa a persoa distinta á que figura no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social.

c) Certificación/s expedida/s pola/s entidade/s pública/s acreditativa/s da experiencia da entidade en programas con menores que se atopen baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais ao abeiro da LORPM (no caso de que se trate doutra Administración pública distinta da Xunta de Galicia).

d) Proxecto de intervención educativa coa estrutura e contidos mínimos determinados no punto 1.4 do anexo II. No dito proxecto incluiranse, se é o caso, os programas que presente a entidade a maiores para a súa valoración, de acordo co establecido no punto décimo primeiro do anexo I.

e) Memoria en que se indiquen os recursos materiais e humanos con que contará o CIEMA Coruña para a execución das medidas, de acordo co previsto no punto 2 do anexo II.

Na dita memoria figurarán, así mesmo, se é o caso, os equipamentos materiais e medios persoais que a maiores presente a entidade para a súa valoración, de acordo co establecido no punto décimo primeiro do anexo I, con indicación nestes últimos do número de horas anuais que prestará cada profesional.

f) Plan de formación continua do persoal, co contido indicado no punto 3 do anexo II.

g) Proposta desagregada dos gastos totais derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto na presente convocatoria.

A dita proposta diferenciará entre gastos de persoal, gastos de funcionamento do CIEMA Coruña e gastos das persoas menores.

h) Declaración responsable do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade e porcentaxe que representan sobre o cadro total de persoal (se é o caso).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Accederase á dita consulta de acordo co previsto ao respecto na normativa en materia de protección de datos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sexto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse, no marco do cumprimento da norma reguladora en materia de protección de datos, os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado sobre cumprimento de obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado sobre cumprimento de obrigas tributarias coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de implantación do Plan de igualdade.

g) Resolución de concesión da Marga Galega de Excelencia en Igualdade.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio ao achegaren os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Órgano competente para a instrución do procedemento

A dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica é o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento.

Noveno. Emenda da solicitude

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que, nun prazo improrrogable de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co previsto no artigo 45 da dita lei, os requirimentos de emenda deberán publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Décimo. Comisión de Valoración

1. Mediante resolución da persoa titular da Consellería de Política Social designarase unha comisión de valoración para a avaliación das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios preferenciais. A dita comisión emitirá un informe resultado da baremación, informe que lle remitirá ao órgano instrutor para a emisión da proposta de resolución. Por cada membro da comisión, a persoa titular da consellería designará unha persoa suplente que substituirá a persoa titular nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se declare a súa abstención ou recusación.

Esta comisión estará formada por:

a) Presidente: a persoa titular da subdirección xeral competente en materia de política familiar, infancia e adolescencia.

b) Tres vogais:

1º. A persoa titular do servizo con competencia en materia penal xuvenil.

2º. Dous técnicos ao servizo da Administración autonómica, adscritos ao órgano competente en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

2. O secretario da comisión será un/unha funcionario/a público/a da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, que actuará con voz pero sen voto.

3. Resulta de aplicación a este órgano o réxime xurídico e de funcionamento previsto para os órganos colexiados na sección 3ª do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público e no capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Décimo primeiro. Criterios de valoración e baremo

1. Valorarase a calidade técnica da intervención proposta, ata 40 puntos, segundo a seguinte desagregación:

a) A calidade do proxecto de intervención educativa, ata 30 puntos, en atención aos seguintes criterios:

1º. Coherencia entre a problemática e necesidades das persoas menores atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos, ata 10 puntos.

2º. Calidade dos sistemas de avaliación propostos no proxecto educativo (avaliación de actividades e programas, das fases da intervención, así como do proxecto educativo), ata 10 puntos.

3º. Detalle do sistema de traballo en rede cos recursos comunitarios e coas familias e da coordinación cos órganos xudiciais, fiscalías e entidade pública, de cara á consecución dun traballo integrado en relación coa persoa menor, ata 10 puntos.

b) Adecuación do plan de formación ás características da actividade, ata 5 puntos.

c) Ofertas de programas non previstos no punto 1.3 do anexo II, ata 5 puntos.

d) Cada programa adicional valorarase cun máximo de 1,25 puntos, en atención aos seguintes criterios:

1º. Coherencia cos programas exixidos e relevancia da intervención: ata 0,5 puntos.

2º. Innovación: ata 0,40 puntos.

3º. Extensión da súa aplicabilidade á integración social e laboral dos menores, a través da creación de redes de apoio alleas á entidade: ata 0,35 puntos.

2. Valoraranse as características do CIEMA Coruña, do seu equipamento, e dos recursos técnicos achegados, ata 20 puntos, segundo a seguinte desagregación:

a) Situación xeográfica e comunicacións, en particular, dispoñibilidade de medios de transporte colectivo para os traslados ás instalacións e servizos educativos, sanitarios, deportivos ou de lecer, que vaian ser empregados polas persoas usuarias, ata 5 puntos.

b) Dimensións, distribución e grao de adecuación dos espazos ás actividades que se vaian desenvolver, ata 5 puntos.

c) Grao de conservación, calidade e confortabilidade dos espazos e do seu equipamento, incluída a accesibilidade, ata 4 puntos.

d) Características da conexión á internet e dos dispositivos informáticos postos á disposición das persoas menores, ata 1 punto.

e) Oferta de equipamentos non previstos no punto 2.1 do anexo II ou en número superior ao exixido, ata 5 puntos, en atención ao seguintes criterios:

1º. Incremento sobre o número de prazas mínimas exixidas para o CIEMA Coruña, 0,10 puntos por praza, cun máximo de 10 prazas (1,00 punto).

2º. Novo equipamento que cumpra os requisitos previstos no artigo 7 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e as características previstas para un centro de día no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, e conte cun número mínimo de 8 prazas. Só se valorará un (1) novo equipamento en distinta localidade da que radique o CIEMA Coruña (4 puntos).

3. Valoraranse os medios persoais dispoñibles (incremento do persoal mínimo respecto ao exixido no punto 2.2 do anexo II), ata 15 puntos.

a) Incremento do persoal educativo. Valorarase cada educador/a por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2 do anexo II, ata 9 puntos, mediante a seguinte fórmula:

Pp = (9 × Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta que se valora.

Np: número de profesionais propostos a maiores incluídos na proposta que se valorará.

Nm: número máis alto de profesionais proposto a maiores polas entidades concorrentes.

Cada educador/a a xornada completa constituirá unha unidade. O persoal educador que preste servizos en xornada inferior computarase de forma proporcional, sempre que a xornada sexa igual ou superior á media xornada.

b) Incorporación de profesionais con titulación en Pedagoxía, Ciencias da Educación ou de persoal técnico de inserción laboral.

Valorarase como máximo a contratación dun profesional por cada perfil (a xornada completa, 2 puntos; a media xornada, 1 punto, puntuación máxima 6 puntos).

4. Valorarase a experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que se atopen baixo unha medida de protección ou que deban cumprir medidas xudiciais, ata 5 puntos.

Valorarase a traxectoria e experiencia en atención aos seguintes criterios:

a) Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores infractores, 1 punto.

b) Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que se atopen baixo unha medida de protección, 0,5 puntos.

5. Valorarase o importe da cantidade xustificada en concepto de compensación económica, ata 20 puntos.

En caso de concorreren dous ou máis solicitantes, aplicarase a seguinte fórmula matemática:

Pp = 20 × [(Cm – Cp)/(Cm – Cb)]

Pp: puntuación da proposta que se valora.

Cm: compensación máxima establecida.

Cp: proposta que se valora.

Cb: proposta máis baixa das presentadas.

Décimo segundo. Criterios aplicables en caso de empate

En caso de igualdade na puntuación acadada por dúas ou máis propostas, terá preferencia a entidade que se atope nalgún dos seguintes supostos e pola orde que se indica:

a) Que conte no seu cadro de persoal cun número de persoas traballadoras fixas discapacitadas superior ao 2 %, tendo preferencia no caso de que varias entidades estean nas mesmas circunstancias a que dispoña de maior porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade.

b) Que conte co recoñecemento da Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade, de acordo co establecido nos artigos 65 e 72 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e no Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Décimo terceiro. Resolución do procedemento

Unha vez revisadas e avaliadas pola Comisión de Valoración as solicitudes presentadas e emitido o informe, o órgano instrutor elevará á persoa titular da Consellería de Política Social unha proposta de resolución en que se especificará a entidade seleccionada para levar a cabo a intervención en medio aberto na provincia da Coruña.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección de entidade colaboradora ditaraa a persoa titular da Consellería de Política Social e notificarase no prazo máximo de tres meses desde a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Trátase dun procedemento de concorrencia competitiva iniciado en virtude de convocatoria pública, polo que se transcorre o dito prazo sen que recaia resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude por silencio ao abeiro do establecido no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo cuarto. Publicacións e notificacións

A resolución do procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

Décimo quinto. Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo o prazo será de 6 meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada. Os prazos concluirán o mesmo día en que se produciu a publicación ou silencio administrativo no mes ou ano de vencemento. Se no mes do vencemento non hai día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, ata no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo sexto. Subscrición dos convenios

Notificada aos interesados a resolución do procedemento procederase á formalización do convenio coa entidade seleccionada, de acordo co modelo previsto no anexo IV. A data límite de sinatura do convenio será o 1 de xuño de 2020.

Non se formalizará o convenio de colaboración con entidade que non estea inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais e/ou que non dispoña de permiso de inicio de actividade para o CIEMA Coruña que presenta.

No caso de que o 15 de maio de 2020 a entidade seleccionada no procedemento selectivo non contase con permiso de inicio de actividades para o CIEMA Coruña ou non cumprise calquera outro dos requisitos fixados no procedemento, a persoa titular da Consellería de Política Social ditará resolución en que a declare decaída no seu dereito e designe como entidade seleccionada para a sinatura do convenio a seguinte entidade que obtivese maior puntuación de entre as valoradas no proceso de selección. Procederase á sinatura do convenio coa entidade seguinte que cumpra os requisitos exixidos na convocatoria, seleccionada pola orde en que quedasen clasificadas as propostas.

Décimo sétimo. Vixencia dos convenios

O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde o 1 de xuño de 2020 ata o 31 de maio de 2022 e poderá prorrogase por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, todo iso condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios correspondentes.

Décimo oitavo. Información básica en materia de protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas, no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como os diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A entidade seleccionada, como encargada do tratamento, tratará os datos para as finalidades e os usos exclusivamente precisos para a execución deste convenio, polo que non poderán ser usados para un fin distinto. Os datos persoais a que teña acceso non serán comunicados a terceiros, nin sequera para a súa conservación.

O tratamento destes datos baséase no deber de sixilo e no seu carácter confidencial de acordo co establecido na normativa reguladora de protección de datos de carácter persoal.

ANEXO II

Características da intervención educativa

1. Proxecto de intervención educativa integral.

1.1. A intervención educativa. Obxectivos e principios xerais da intervención.

A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva/ditame da sentenza. Así mesmo, será integral e incorporará a perspectiva de xénero, debendo abarcar tanto a dimensión persoal como a familiar e social. Ofrecerá espazos de escoita, reflexión, confrontación e acompañamento para a mellora da calidade de vida da persoa menor e do seu núcleo familiar. Comprenderá aquelas actividades e programas que contribúan á adecuada socialización da persoa menor e que deben incidir na súa formación, emprego, lecer, promoción ocupacional e convivencia.

A intervención educativa terá como obxectivo principal a reinserción social da persoa menor, para o cal se perseguirá que esta:

a) Asuma as consecuencias da comisión do ilícito penal e se responsabilice do cumprimento da medida.

b) Tome conciencia cívica dos seus dereitos e deberes e saiba respectar os dereitos e liberdades das outras persoas.

c) Potencie as actitudes e adquira as competencias e habilidades que beneficien o seu desenvolvemento integral e lle permitan exercer unha cidadanía plena.

A intervención educativa responderá na súa formulación e desenvolvemento aos seguintes principios xerais:

a) O superior interese da persoa menor sobre calquera outro interese concorrente.

b) O respecto ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

c) A información dos dereitos que lle corresponden e a asistencia necesaria para o seu exercicio.

d) A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e liberdades das outras persoas.

e) A adecuación das actuacións á súa idade, personalidade, xénero e circunstancias persoais e sociais.

f) A prioridade das actuacións na propia contorna familiar e social sempre que non sexa prexudicial para o seu interese. Utilización preferente dos recursos normalizados do ámbito comunitario.

g) O fomento da colaboración das nais e pais ou persoas que teñan a representación legal durante a execución das medidas.

h) O carácter preferentemente interdisciplinar na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa menor.

i) A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada das e dos menores e das súas familias.

j) A coordinación de actuacións e a colaboración con outros organismos, especialmente cos que teñan competencias en materia de educación e sanidade.

k) O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e contido das medidas.

1.2. Dereitos e deberes da persoa menor garantidos na intervención.

A intervención educativa debe garantir que a persoa menor que execute unha medida xudicial en medio aberto sexa informada dos dereitos e deberes previstos na lexislación aplicable.

Dereitos da persoa menor:

a) Dereito a que durante a súa estadía e/ou participación en actividades programadas se vele pola súa integridade física e a súa saúde, sen que poida, en caso ningún, ser sometida a tratos degradantes ou a malos tratos de palabra ou de obra, nin ser obxecto dun rigor arbitrario ou innecesario na aplicación das normas.

b) Dereito a recibir unha atención individualizada e unha educación de calidade nas aprendizaxes e actividades en que participe, e á protección específica que pola súa condición lle dispensen as leis.

c) Dereito a que se reserve a súa dignidade e intimidade, a ser designada polo seu propio nome ata e a que a súa condición de menor sexa estritamente reservada fronte a terceiras persoas.

d) Dereito a un programa de intervención individualizado, e a participar nas actividades que sexan adecuadas á súa idade e momento evolutivo.

e) Dereito a formular peticións ou queixas que considere pertinentes, tanto ante o persoal encargado da execución das medidas coma ante a Xefatura Territorial da Consellería de Política Social.

f) Dereito a recibir información persoal e actualizada dos seus dereitos e obrigas, así como dos procedementos concretos para facer efectivos tales dereitos, en especial para formular peticións, queixas ou recursos.

g) Dereito a que a súa representación legal, nos casos que corresponda, ata sexa informada sobre a súa situación e evolución, así como sobre os seus dereitos.

Deberes da persoa menor:

a) Realizar as actividades recollidas no Programa individualizado de execución de medida (en diante, PIEM).

b) Manter unha actitude proactiva no desenvolvemento das actividades programadas.

c) Respectar e cumprir as normas e as indicacións que reciba do equipo educativo.

d) Manter un trato correcto e axeitado cara todas as persoas con que manteña relación como consecuencia da execución da medida.

e) Utilizar adecuadamente as instalacións e os medios materiais que se poñan á súa disposición.

f) Respectar as normas hixiénicas e sanitarias sobre vestiario e aseo persoal propias de cada actividade.

1.3. Fases da intervención. Metodoloxía e programas que desenvolverá a entidade.

A intervención organizarase, cando menos, nas seguintes fases:

a) Fase de acollemento e valoración.

b) Fase de elaboración do programa individualizado de execución da medida.

c) Fase de desenvolvemento e seguimento da intervención.

d) Fase de finalización e avaliación da intervención.

A metodoloxía fundamentarase, con carácter xeral, nos seguintes principios:

a) Contextualización-normalización: a intervención realizarase, sempre que sexa posible, na contorna social da persoa menor e usando as redes sociais normalizadas e especializadas.

b) Individualización: as circunstancias e características individuais, familiares e sociais deben tratarse e executarse para cada menor.

c) Perspectiva de xénero: realizarase unha intervención que teña en conta o xénero no proceso de conformación da identidade, permita recoñecer os factores de risco e protección asociados a esta variable e a considere como factor de desenvolvemento e integración social.

d) Potenciación: a intervención terá en conta as necesidades e carencias da persoa menor co obxecto de fomentar a súa autonomía e madurez persoal e superar os seus déficits formativos, culturais e de habilidades sociais e persoais.

e) Integración: considerarase a persoa menor dunha forma integrada para lograr o arraigo e inclusión na súa realidade social.

f) Orientación: a intervención proporcionará axuda técnica e humana á persoa menor, dotándoa de ferramentas para manexar e superar as súas dificultades e conflitos.

En todo caso, a metodoloxía dos distintos programas e actividades que se desenvolvan para a intervención educativa integral será:

a) Comprensiva e guiada, de tal xeito que a persoa menor entenda tanto os contidos coma o procedemento que se vai traballar.

b) Integradora, relacionando as diversas aprendizaxes de contidos de diferentes áreas que formen parte dunha mesma realidade.

c) Participativa, baseándose na motivación da persoa menor, no fomento da súa iniciativa e da súa implicación no desenvolvemento das actividades.

d) Grupal e cooperativa, perseguindo o desenvolvemento, a cohesión e a vivencia do sentimento de colaboración e equipo naquelas actividades que se realicen en grupo.

e) Dinámica, incorporando novos recursos materiais, especialmente os relacionados cos medios audiovisuais e as tecnoloxías da información e comunicación (en diante, TIC).

f) Progresiva, partindo da situación inicial da persoa menor iranse propoñendo actividades que supoñan unha maior dificultade, implicación e responsabilidade.

g) Reflexiva e de análise, facilitando que a persoa menor poida aplicar os coñecementos, actitudes e competencias técnicas e instrumentais que melloren a súa posición persoal e participación social.

A intervención educativa integral en medio aberto desenvolverá, cando menos, os seguintes programas socioeducativos:

a) De competencia social.

b) De educación en valores.

c) De promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero.

d) De aprendizaxe e apoio escolar.

e) De tecnoloxías da información e comunicación (TIC) e do seu uso seguro e responsable.

f) De educación para a saúde.

g) De prevención do consumo de drogas.

h) De educación e seguridade viaria.

i) De educación afectivo-sexual.

j) De motivación, formación e orientación para a inserción laboral.

k) De axuda psicolóxica e autoapoio. Desenvolvemento da intelixencia emocional.

l) De lecer e tempo libre.

m) De intervención familiar.

n) De atención a persoas menores maltratadoras e ás súas familias.

ñ) De maternidade/paternidade responsable.

o) De detección e avaliación do risco de reincidencia.

p) De atención específica e de loita contra os abusos sexuais das persoas menores e a pornografía infantil.

q) De conciliación-reparación postsentenza, de acordo co artigo 51 da LORPM.

1.4. Estrutura e contidos mínimos do proxecto de intervención educativa do CIEMA Coruña:

a) Marco legal.

b) Características da poboación atendida.

c) Áreas de intervención:

1ª. Psicolóxica.

2ª. Saúde.

3ª. Escolar.

4ª. Formación, orientación e inserción laboral.

5ª. Lecer e tempo libre.

6ª. Convivencia e relacións coa contorna social.

7ª. Familiar.

d) Obxectivos por áreas de intervención.

e) Contidos e programas socioeducativos por área de intervención (tanto os programas recollidos no punto 1.3 deste anexo como aqueles que desenvolva a entidade a maiores. Estes últimos deben identificarse de forma clara).

Para cada programa describirase a súa fundamentación, obxectivos xerais e específicos, contidos, actividades, temporización, metodoloxía e avaliación cuantitativa e cualitativa do programa de de cada actividade.

f) Marco metodolóxico da intervención educativa integral.

g) Organización e funcionamento do CIEMA Coruña e da intervención:

1º. Descrición e funcións do persoal.

2º. Organización e funcionamento do equipo multidisciplinar.

3º. Protocolo de actuación para cada fase da intervención.

h) Descrición do sistema de relacións e coordinación do traballo coas familias, recursos comunitarios, xulgados, fiscalías e entidade pública.

i) Sistema de seguimento e avaliación da intervención educativa nas distintas fases.

j) Avaliación do proxecto educativo (obxectivos, temporalización, instrumentos, criterios e indicadores).

2. Recursos materiais e humanos para a execución das medidas de medio aberto.

2.1. Recursos materiais.

A entidade deberá contar, como mínimo, cos seguintes recursos materiais:

Un centro con capacidade mínima para executar simultaneamente doce medidas xudiciais de asistencia a centro de día, situado preferentemente na cidade sede da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social, que se denomina CIEMA Coruña.

Conexión á internet, cinco equipos informáticos e unha impresora para uso exclusivo das persoas menores usuarias do CIEMA Coruña, así como os recursos materiais (mobiliario e material de oficina, material educativo, etc.) precisos para o correcto desenvolvemento da intervención educativa.

A memoria debe incluír, en relación cos recursos materiais, unha descrición clara das características do CIEMA Coruña, en que se indique:

a) Descrición clara das condicións físicas e arquitectónicas. Xuntaranse planos de planta e fotografías e indicarase a capacidade (número de prazas), número de cuartos, espazos comúns do persoal e das persoas usuarias, espazos exteriores, etc., sinalando para cada un dos espazos o número de metros cadrados útiles e os usos correspondentes, así como a súa accesibilidade.

b) Documentos gráficos de planta, portal, cubertas, etc., con acotación a escala dos alzados e diferentes plantas.

c) Fotografías da fachada, do portal e dos espazos interiores da vivenda, así como dos espazos exteriores, de contar con eles.

d) Descrición do equipamento con indicación do seu número e descrición exhaustiva das características dos dispositivos informáticos e da conexión á internet de que se dispón.

e) Medios de transporte públicos con que conta a zona, itinerarios, frecuencia e distancias aproximadas ao local.

f) Descrición dos principais recursos educativos, sanitarios, de lecer, etc. con que conta a zona e distancias aproximadas ao local.

No caso de que a entidade presente outro equipamento a maiores debe indicar, así mesmo, as características do dito equipamento.

2.2. Recursos humanos.

2.2.1. Perfís profesionais.

O CIEMA Coruña, para aos efectos de garantir a calidade da intervención, contará cos seguintes perfís profesionais:

2.2.1.1. Persoal de dirección/coordinación.

A dirección/coordinación da intervención educativa integral en medio aberto será exercida por unha persoa licenciada, diplomada ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das ciencias xurídicas e sociais (Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social ou Traballo Social).

O persoal de dirección/coordinación terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Cumprir e facer que o persoal de intervención educativa adscrito á execución das medidas en medio aberto cumpra os mandatos xudiciais que proveñen do xulgado de menores correspondente.

b) Asegurar o cumprimento das directrices marcadas desde a Xefatura Territorial da Coruña da consellería competente en materia de menores, así como desde o órgano directivo con competencias na materia.

c) Planificar a intervención educativa en medio aberto.

d) Coordinar a realización das tarefas e actividades de reparación extraxudicial.

e) Dirixir e coordinar o desenvolvemento das actividades e programas, así como as actuacións do persoal de intervención educativa de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

f) Organizar e distribuír os e as profesionais no territorio con base no número de menores e no tipo de intervención educativa que se precise.

g) Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas menores que cumpren medidas e dos seus proxectos individualizados de execución de medidas.

h) Establecer canles de colaboración con outras entidades ou organismos, perseguindo a optimización dos recursos da contorna e a calidade da atención.

i) Garantir a elaboración de toda a documentación que a normativa exixe para a execución das medidas e a súa remisión en prazo aos distintos departamentos da Xunta de Galicia competentes na área de menores.

j) Realizar avaliacións periódicas do funcionamento da actividade e das actuacións levadas a cabo coas persoas menores.

2.2.1.2. Persoal educador.

O persoal educador de medio aberto é o encargado de executar as medidas xudiciais neste ámbito. Realiza o seguimento da persoa menor no seu medio natural co obxectivo de facilitarlle o seu proceso socializador e madurativo. Atenderá especialmente ao proceso evolutivo individual, mediante o apoio necesario na superación das dificultades que deron lugar ao ilícito penal e na mellora das súas condicións persoais, familiares e sociais. Este persoal terá, ata entre outras, as seguintes funcións:

a) Coñecer as características da persoa menor, da súa familia e da súa contorna social.

b) Informar de xeito comprensivo a persoa menor e a súa familia sobre a súa situación xudicial e os dereitos e obrigas que marca a lei.

c) Valorar as necesidades educativas de cada menor de acordo cos seus factores de risco e protección.

d) Definir os obxectivos educativos e, con base neles, elaborar o PIEM, así como os informes de seguimento, finais e de incidencias (se as houber) que exixe a LORPM e o seu regulamento.

e) Explicar á persoa menor e, se procede, á súa familia o PIEM na súa vertente educativa e xudicial.

f) Acompañar, orientar e educar as/os menores no seu proceso de maduración e de desenvolvemento de hábitos e habilidades persoais e sociais.

g) Proporcionar mediación e axuda para resolver as situacións conflitivas que teñan as persoas menores a nivel persoal, familiar e social.

h) Reforzar o proceso de formación regulada cando así se precise.

i) Apoiar o proceso de orientación e formación laboral das persoas menores fomentando as súas capacidades para inserirse na sociedade.

j) Proporcionar alternativas de ocupación do tempo libre a través da participación en actividades de lecer organizadas.

Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función.

2.2.1.3. Persoal psicólogo.

O/a psicólogo/a de medio aberto será a persoa responsable da aplicación e intervención naquelas cuestións que teñan relación co seu perfil profesional. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Estudar a información psicolóxica que figure no expediente remitido polo xulgado e completala, se for preciso.

b) Detectar posibles patoloxías clínicas ou o consumo de substancias tóxicas e derivar estes casos ao recurso especializado que corresponda.

c) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e dos informes estipulados na lexislación aplicable.

d) Asesorar e dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

e) Colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/da menor.

f) Elaborar, nos casos en que sexa necesario, programas de intervención psicolóxica individual e familiar.

Este persoal deberá estar en posesión dunha licenciatura ou titulación universitaria de grao en Psicoloxía.

2.2.1.4. Traballador/a social.

O/a traballador/a social avaliará as relacións da persoa menor co seu medio social e familiar e orientará o traballo do persoal educador nesta área, para o cal deberá coñecer en profundidade o mapa de recursos e a súa dimensión comunitaria, en especial aqueles que fixan a súa atención nos/nas menores e as súas familias (servizos sociais, oficinas de emprego, asociacións, recursos de lecer e tempo libre, entidades deportivas e sociais, etc.). Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Informar a persoa menor e a súa familia dos recursos e axudas sociais existentes, nos casos en que sexa necesario.

b) Tramitar a documentación e permisos administrativos que, se é o caso, poida precisar a persoa menor.

c) Elaborar programas para mellora da capacidade de emprego dos e das menores.

d) Deseñar, nos casos que corresponda e en coordinación co resto dos profesionais da intervención educativa, o itinerario personalizado de formación e/ou inserción sociolaboral.

e) Dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

f) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa no traballo de avaliación e seguimento do/da menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados na lexislación aplicable.

g) Coordinarse coas entidades públicas ou servizos sociais durante o desenvolvemento da intervención e, ata nos supostos de especial vulnerabilidade ou risco de exclusión social, comunicar esta situación cando finalice a medida.

Este persoal deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Traballo Social.

2.2.2. Persoal mínimo para a execución do convenio.

En todo caso, a entidade deberán contar como mínimo cos seguintes recursos humanos:

Un cadro de profesionais para a intervención educativa constituído, polo menos, por:

– 1 director/a.

– 11 educadores/as.

– 1 psicólogo/a.

– 1 traballador/a social.

A referencia efectuada a cada unidade correspóndese cun profesional a xornada completa.

Na memoria é necesario indicar, en relación con este persoal, a modalidade de contratación, titulación, xornada, horarios e número de horas anuais de dedicación.

3. Plan de formación continua do persoal.

Este plan de formación debe indicar:

a) Os obxectivos e contidos das actividades formativas.

b) Os perfís profesionais das persoas destinataria.

c) A duración prevista en horas.

d) O perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia.

ANEXO IV

Modelo de convenio

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade ...
para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións en medio aberto previstas na
Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, na provincia da Coruña

Santiago de Compostela, ... de ... de 2020.

Reunidos:

Dunha parte Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social, nomeada polo Decreto 98/2018, do 26 de setembro, actuando en nome e representación da Xunta de Galicia, no uso das facultades que lle veñen atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, no Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e segundo o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

Doutra parte, don/dona ..., como apoderado/representante legal de ... de acordo co ...

Ambas as dúas partes comparecentes recoñécense reciprocamente capacidade suficiente para o outorgamento do presente convenio de colaboración e, en consecuencia,

Expoñen:

Primeiro. Que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ten asumidas entre as súas competencias, segundo o artigo 13 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, a protección e tutela dos/das menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante, LORPM).

Segundo. Que ..., constituída en virtude de ..., é unha entidade sen ánimo de lucro que figura inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social co número ...

Dentro do seus obxectivos recolle ..., accións que teñen relación directa co obxecto do convenio.

Terceiro. Que ambas as partes na súa actuación teñen en conta os principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno aprobada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, o cumprimento da normativa estatal e autonómica sobre reforma de menores, as regras mínimas uniformes das Nacións Unidas para a Administración de Xustiza de Menores (Regras de Beijing), adoptadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1985, a Recomendación (87) 20 do Comité de Ministros do Consello de Europa, do 17 de setembro de 1987, sobre reaccións sociais ante a delincuencia xuvenil e o Ditame do Comité Económico e Social Europeo sobre a prevención da delincuencia xuvenil, modos de tratamento da delincuencia xuvenil e o papel da xustiza do menor na Unión Europea do 15 de marzo de 2006.

Cuarto. Que o artigo 45.3 da LORPM faculta as comunidades autónomas para estableceren os convenios ou acordos de colaboración necesarios con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivada de dita execución.

O artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, atribúe á Xunta de Galicia a potestade de celebrar convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que isto supoña cesión de titularidade ou responsabilidade.

Quinto. Que, co fin de promover a concorrencia pública e garantir os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e non discriminación, a Consellería de Política Social convocou un procedemento de selección de entidade privada sen ánimo de lucro para levar a cabo unha intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto previstas na LORPM na provincia da Coruña (DOG núm. ...).

Sexto. Que, unha vez resolto o procedemento, a entidade ... resultou seleccionada para a colaboración coa entidade pública na execución das medidas xudiciais e outras actuacións de medio aberto na provincia da Coruña.

Por todo o exposto, a Consellería de Política Social e a entidade ... acordan formalizar o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación do convenio

Este convenio ten por obxecto regular a colaboración entre a Consellería de Política Social e a entidade ... para levar a cabo unha intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas non privativas de liberdade, denominadas de medio aberto, impostas polos xulgados de menores en virtude do artigo 7 da LORPM, ou que teñan que realizar tarefas e actividades de reparación extraxudicial previstas no artigo 19 da mencionada lei, no ámbito da provincia da Coruña.

A relación de medidas xudiciais que executará a entidade, de acordo coa normativa que resulta de aplicación, son as seguintes:

a) Tratamento ambulatorio. Medida destinada aos menores que dispoñen das condicións axeitadas na súa vida para beneficiarse dun programa terapéutico que lles axude a superar procesos aditivos ou disfuncións significativas no seu psiquismo.

b) Asistencia a centro de día. As persoas sometidas a esta medida residirán no seu domicilio habitual e acudirán ao CIEMA Coruña a realizar actividades de apoio, educativas, formativas, laborais ou de ocio.

c) Permanencia fin de semana. Medida pola que a persoa menor se ve obrigada a permanecer no seu fogar desde a tarde ou noite do venres ata a noite do domingo a excepción do tempo en que realice as tarefas socioeducativas asignadas polo/a xuíz/a que deban levarse a cabo fóra do lugar de permanencia, correspondendo á entidade seleccionada a supervisión da permanencia da persoa menor no lugar onde se levará a cabo durante o horario establecido, así como a proposta e supervisión das tarefas socioeducativas de carácter formativo, cultural ou educativo que deberá realizar o menor durante a execución da dita medida.

d) Liberdade vixiada. Nesta medida a entidade ten que facer un seguimento da actividade da persoa sometida a esta e da súa asistencia á escola, o centro de formación profesional ou ao lugar de traballo, segundo os casos, procurando axudala a superar os factores que determinaron a infracción cometida.

e) Convivencia con persoa, familia ou grupo educativo. É unha medida que intenta proporcionar á persoa menor un ambiente de socialización positivo, mediante a convivencia, durante un período determinado polo/a xuíz/a, cunha persoa, cunha familia distinta da súa ou con grupo educativo que se ofreza a cumprir a función da familia no que respecta ao desenvolvemento de pautas socioafectivas prosociais no/na menor. Corresponderá á entidade seleccionada, a través do/da profesional designado/a para a execución da medida, a supervisión da convivencia do menor na familia ou grupo educativo, informando sobre a súa evolución e o grao de cumprimento dos obxectivos fixados no Programa individualizado de execución de medida (en diante, PIEM).

f) Prestacións en beneficio da comunidade. Consiste en realizar unha actividade, durante o número de sesións previamente fixado, ben sexa en beneficio da colectividade no seu conxunto ou de persoas que se atopen nunha situación de precariedade por calquera motivo. Esta actividade de xeito preferente, busca relacionar a natureza da actividade en que consista a medida cos bens xurídicos afectados polos feitos cometidos polo menor. A entidade seleccionada, logo da designación do/da profesional responsable, ata levará a cabo as entrevistas necesarias co fin de coñecer as características persoais do/da menor, as súas capacidades, obrigas escolares ou laborais, e a súa contorna social, persoal e familiar, co fin de determinar a actividade máis axeitada, e fará o seguimento e supervisión da súa execución.

g) Tarefas socioeducativas. Consiste en que a persoa menor leve a cabo actividades específicas de contido educativo que faciliten a súa reinserción social. Corresponde á entidade seleccionada, a través do/da técnico/a designado/a polo CIEMA, determinar no PIEM as concretas tarefas de carácter formativo, cultural e educativo que debe realizar a persoa menor, ata o lugar de realización, así como o seu horario.

Así mesmo, correspóndelle á entidade ... garantir a realización de tarefas e actividades de reparación extraxudicial previstas no artigo 19 da dita lei, no ámbito da provincia da Coruña.

Segunda. Beneficiarios

Persoas menores que teñan que cumprir unha medida xudicial de medio aberto imposta polos xulgados de menores, recollida no obxecto do convenio, ou que teñen que realizar reparacións extraxudiciais ou actividades educativas propostas polos equipos técnicos dos xulgados de menores en virtude do artigo 19 da LORPM na provincia da Coruña.

O termo persoa menor entenderase no marco do disposto na LORPM, así como na Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da súa execución, de acordo co uso que ao dito termo se dá na antedita lei.

Terceira. Directrices e normativa

A entidade ... na intervención cos menores terá en conta os principios inspiradores da execución das medidas xudiciais recollidos na LORPM e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, así como as directrices e instrucións ditadas desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, que desenvolvan estes principios, primando fundamentalmente o carácter educativo dos programas, cunha intervención integral que abrangue aspectos educativos, formativos, familiares e sociais que favorezan o desenvolvemento harmónico da súa personalidade e a súa toma de conciencia polos feitos cometidos. Esta intervención desenvolverase nas fases e de acordo cos obxectivos, áreas, programas e metodoloxías recollidas no Proxecto de intervención educativa integral presentado pola entidade.

Cuarta. Obrigas

1. Da Consellería de Política Social:

a) Remitir á entidade ... toda a información relativa ás medidas para a súa execución.

b) Realizar todas as actuacións administrativas que, de acordo coa súa competencia, lle correspondan na execución das medidas.

c) Elaborar circulares e instrucións que establezan un procedemento para a execución e seguimento das medidas de medio aberto, así como de soportes documentais que permitan un tratamento informático da información que garantan a unidade de expediente e a súa reserva.

d) Contribuír ao financiamento das actividades obxecto deste convenio nos termos sinalados na cláusula quinta.

e) Levar a cabo o seguimento e supervisión do traballo levado a cabo pola entidade.

2. Da entidade colaboradora:

2.1. En relación coa persoa menor ou mozo/a.

a) Respectar os seus dereitos, tanto os que lle recoñecen as leis nacionais como as internacionais, así como os dereitos que deriven da execución da medida xudicial.

b) Acompañarar as persoas menores nas xestións que deban levar a cabo ante as oficinas administrativas para a obtención da súa documentación de carácter persoal ou, se é o caso, as dirixidas a solicitar aquelas prestacións de que puideran ser beneficiarias.

c) Realizar o acompañamento e asesoramento, garantindo que a intervención educativa que se realice responda a parámetros de calidade.

d) Garantir a alimentación e cubrir os gastos de transporte nos casos en que, pola súa situación sociofamiliar, proceda.

2.2. En relación coa execución das medidas.

a) Aceptar aquelas persoas menores que para a súa atención deriven as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social, constituíndo estes últimos órganos o único con capacidade para derivalas. Durante a execución das medidas xudiciais, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Política Social será o interlocutor directo cos xulgados e fiscalías de menores, canalizándose a través desta a documentación e información salvo que os xulgados e fiscalías de menores realicen algún requirimento directo ao CIEMA Coruña.

b) Elaborar e presentar nos prazos recollidos legalmente un programa individualizado de execución de medida para cada persoa menor ou un modelo individualizado de intervención nos supostos de medidas de carácter preventivo.

c) Realizar as actuacións que correspondan de acordo co programa de execución aprobado, para o seguimento e execución definitiva da medida.

d) Elaborar os correspondentes informes de seguimento, así como de incidencias, se as houber, co obxecto de manter informadas a autoridade xudicial e administrativa.

e) Presentar, cando se considere procedente, a proposta de revisión xudicial de medida ou medidas.

f) Asistir ás entrevistas, reunións, actos e dilixencias procesuais a que sexa convocada.

g) Actuar de xeito coordinado co persoal técnico, entidades ou servizos que participen na execución da medida.

h) Elaborar o informe final de valoración do proceso de execución e da situación na dita data da persoa menor.

i) Informar, en calquera momento e por petición do departamento da Xunta de Galicia competente na área de menores, sobre a evolución da situación das persoas menores ao seu cargo.

j) Seguir as instrucións establecidas pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, así como das xefaturas territoriais, en relación coa execución das medidas xudiciais, e subministrar toda a información que lle sexa solicitada. En todo caso, será a Xefatura Territorial da Coruña quen remita e/ou comunique ao xulgado de menores que impuxo a medida toda aquela documentación exixible ao abeiro da LORPM e do seu regulamento.

k) Comunicar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, así como ás súas xefaturas territoriais calquera incidencia relevante na execución da medida ou o seu incumprimento, así como todas aquelas circunstancias referidas á organización e funcionamento do CIEMA Coruña que puidesen supoñer irregularidades no desenvolvemento da actividade conveniada.

l) Entregar á persoa menor, unha vez rematada a medida xudicial, toda a documentación persoal que lle pertenza. Así mesmo, deberá ser devolto á Xefatura Territorial da Coruña calquera soporte ou documento en que conste algún dato de carácter persoal, obxecto de tratamento, salvo aqueles que, segundo instrucións dos responsables do tratamento, deban ser destruídos, adoptando as medidas de seguridade necesarias para evitar o acceso por parte de terceiros. Poderá o encargo do tratamento conservar os datos, debidamente bloqueados, en canto puidesen derivar responsabilidades da súa relación co responsable do tratamento.

2.3. En relación co persoal da entidade adscrito á execución das medidas.

a) Contar cun cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana en número suficiente para cubrir as ratios establecidas no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, coa composición e número determinados na memoria achegada pola entidade que se anexa ao presente convenio.

As características do persoal, modalidades de contratación, titulacións, experiencia laboral, horario, etc. deben respectar o contido da devandita memoria.

Este persoal dependerá exclusivamente da entidade conveniada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregadora respecto daquel, correspondéndolle á entidade a súa dirección técnico-educativa e organización. A Consellería será de todo allea ás relacións entre o persoal e a entidade colaboradora. Por conseguinte, en ningún caso o referido persoal poderá alegar dereito ningún en relación coa Administración nin exixirlle a esta responsabilidade de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade conveniada e o seu persoal.

En ningún caso a sinatura do convenio suporá a existencia dunha relación funcionarial ou laboral entre a Administración e o persoal que a entidade achegue para levar a cabo unha intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas de medio aberto.

A extinción do convenio non poderá producir en ningún caso a consolidación das persoas que realizasen os traballos obxecto do convenio como persoal da Xunta de Galicia.

b) A cobertura, en todo momento, dos postos de traballo e das correspondentes funcións. En consecuencia, a entidade efectuará ao seu cargo e inmediatamente as substitucións necesarias do persoal que teña asignado á actividade de forma que a execución das medidas xudiciais quede sempre asegurada. As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á Consellería para a súa autorización, xuntando a documentación acreditativa da titulación e do currículo profesional. O cambio debe ser excepcional e expresamente motivado e respectar o mínimo exixido neste convenio.

c) Garantir a retribución axeitada do seu persoal, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración o custo de calquera mellora nas condicións de traballo e/ou nas súas retribucións, xa sexa como consecuencia de convenios colectivos, pactos ou acordos de calquera índole, de xeito que en ningún caso poderá repercutir as referidas modificacións sobre o importe que se facturará.

d) Garantir a calidade técnica (titulación, formación e aptitude profesional) do persoal que leva a cabo a intervención, sendo ao seu cargo a formación e promoción precisa para asegurar a súa calidade.

e) O cumprimento respecto do persoal da entidade da normativa laboral, de Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontre vixente en cada momento.

f) No suposto de que sexa obrigatoria a subrogación do persoal por estar así establecido nos convenios colectivos vixentes, observarase o disposto neles.

g) O cumprimento do disposto nas normas vixentes en caso de accidente ou prexuízo de calquera índole ocorrido ao persoal con ocasión do exercicio do seu labor, baixo a súa responsabilidade, sen que esta alcance de modo ningún a Administración.

h) Aplicar criterios de mobilidade do persoal para reforzar as distintas áreas ou zonas segundo as necesidades de intervención educativa en cada momento.

i) Informar e formar o persoal nas obrigas que dimanan da lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

j) Manter a porcentaxe de traballadores fixos con discapacidade e os parámetros de igualdade durante o período de duración do convenio, no caso de que resultase seleccionada para conveniar pola aplicación destes criterios, de acordo co establecido no punto 12 do anexo I.

k) Desenvolver con carácter anual o plan de formación presentado pola entidade. As accións anuais que se desenvolvan neste plan deben enviarse á Consellería con 3 meses de antelación á súa posta en marcha, para os efectos do seu visto e prace pola Consellería.

2.4. En relación coa intervención educativa.

a) Planificar a intervención educativa na provincia con base no establecemento de áreas ou zonas de intervención que permitan o desenvolvemento das actuacións na propia contorna familiar e social da persoa menor.

b) Incorporar na súa metodoloxía de traballo a perspectiva de xénero.

c) Levar a cabo a intervención educativa de acordo co proxecto de intervención educativa integral para a execución das medidas xudiciais en medio aberto presentado pola entidade.

d) Preparar e xestionar os medios e recursos necesarios para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas.

Para os supostos de desenvolvemento de tarefas e actividades de reparación extraxudicial, a intervención educativa atenderá ás indicacións que sobre este particular indique o equipo técnico do xulgado de menores correspondente.

2.5. En relación co CIEMA Coruña.

a) Contar cun recurso non residencial situado na cidade de ..., denominado Centro de Intervención Educativa en Medio Aberto de Coruña (CIEMA Coruña) con capacidade mínima para executar simultaneamente 12 medidas xudiciais de asistencia a centro de día, que constitúe punto de atención e referencia para o cumprimento das restantes medidas xudiciais en medio aberto coas características e recursos indicados na memoria presentada pola entidade (no caso de que a entidade conte con outro equipamento, indicarase este).

Este/s centro/s deberá/n cumprir os requirimentos establecidos no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, así como no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia.

b) Garantir a plena dispoñibilidade do dereito de uso e desfrute do inmoble durante a vixencia do convenio.

c) Contar coas autorizacións exixibles segundo a normativa vixente, así como coas medidas de protección e seguridade precisas, as cales serán, en todo caso adecuadas ás condicións estruturais e das instalacións. Estas autorizacións deberán estar expostas durante o desenvolvemento da actividade nun lugar visible ao público.

d) Manter, conservar e coidar o local, asumindo a totalidade dos gastos de equipamento e de mantemento do inmoble (auga, luz, gas, limpeza e demais gastos de funcionamento).

e) Dispor do servizo de mantemento e limpeza preciso para o bo funcionamento.

f) Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio o plan de autoprotección do CIEMA Coruña.

A entidade comprométese a actualizar e/ou elaborar aqueles plans necesarios, así como aquelas xestións para a súa implantación e cumprimento. Para avaliar os plans de autoprotección e asegurar a eficacia dos plans de actuacións en emerxencias realizará simulacros de emerxencia coa periodicidade mínima que fixe o plan, e, en todo caso, unha vez ao ano, e avaliará os seus resultados.

A entidade debe implantar o Plan de emerxencia e evacuación dos centros, conforme o disposto no Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, polo que se aproba o a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados ás actividades que poidan dar orixe a situacións de emerxencia.

g) Presentar no prazo de dous meses desde a sinatura do convenio o regulamento de réxime interno, o cal estará exposto no centro nun lugar visible ao público, e contará como mínimo coas normas de funcionamento, dereitos e deberes das persoas usuarias e órganos de representación e participación.

h) Contar cun libro de rexistro de persoas usuarias e cun expediente individual de cada menor.

i) Dispor dun libro de reclamacións e dunha caixa de suxestións de acordo co indicado na normativa que resulte de aplicación, así como nas instrucións que ao respecto dite a dirección xeral competente, de cuxa existencia deberá informarse nun lugar visible ao público.

j) Expor, nun lugar visible ao público, o organigrama do persoal adscrito á execución das medidas.

k) Ter un horario de apertura durante toda a semana de 8.00 a 20.00 horas e contar coa presenza, como mínimo, dunha persoa educadora no centro. Nas fins de semana, contar cando menos cunha persoa do mesmo perfil localizable.

2.6. Outras obrigas.

a) Facilitar o exercicio das facultades de comprobación, dirección e inspección da Administración acerca da actividade conveniada. En consecuencia, en canto teña relación co obxecto do convenio, a Administración poderá obter da dita entidade a documentación e información que considere oportuna, establecer os sistemas de control de calidade que se deberán empregar e levar a cabo as inspeccións que xulgue pertinentes, reservando para si, para efectos, a facultade de efectuar as visitas que considere necesarias para comprobar as condicións técnicas de execución da intervención, o cumprimento dos requisitos para desenvolver a actividade, o trato e a asistencia que reciben as persoas beneficiarias, así como o bo funcionamento e o cumprimento das obrigas contraídas. Poderá solicitar a comparecencia do persoal directivo da entidade e/ou das persoas menores usuarias do servizo. Así mesmo, a Administración está facultada para ditar as instrucións oportunas para o estrito cumprimento do convenio.

A entidade acatará exacta e inmediatamente as ordes e instrucións que lle dite a Administración para a execución da actividade.

b) Asumir todos os gastos que se produzan por desprazamento do persoal, tanto para a intervención coas persoas menores como para a busca de recursos que fagan posible a execución do contido das medidas.

c) Garantir a execución das medidas, establecendo, de acordo coa lexislación vixente en materia laboral, as quendas e substitucións precisas en caso de ausencia do persoal titular.

d) Xustificar as pólizas de seguros e o pagamento da prima cada vez que corresponda renovar a dita póliza.

e) Indemnizar os danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira a actividade, excepto cando o dano fose producido por causas imputables á Administración.

f) Cumprir a normativa vixente e cantas disposicións sobre protección e reeducación de menores dite a Xunta de Galicia e os seus órganos competentes no exercicio das súas atribucións.

g) Desenvolver e executar todas aquelas instrucións, circulares, protocolos, etc., emitidas en relación coa actividade obxecto de convenio, polo órgano directivo con competencias en materia de menores para unha mellor organización e seguimento da actividade desenvolvida.

h) Remitir mensualmente á Xefatura Territorial da Coruña a folla de ocupación debidamente cuberta segundo o modelo establecido na circular que regule o procedemento de actuacións para a execución de medidas xudiciais en medio aberto impostas polos xulgados de menores e os programas educativos que as desenvolven.

i) Elaborar unha memoria anual e os informes de seguimento da actividade desenvolvida que se indiquen por parte do persoal técnico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

A memoria anual será elaborada de acordo coas instrucións que ao respecto dite a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica na Circular de medio aberto e presentada a ese órgano durante o primeiro trimestre do ano seguinte ao que corresponde, e conterá a descrición e análise cuantitativa e cualitativa de todas as actuacións desenvolvidas durante ese ano.

j) Contar coa autorización da consellería para dar publicidade en calquera soporte das intervencións realizadas ao abeiro do convenio (publicacións, estatísticas, memorias, etc.).

k) Contar coa autorización da consellería para a organización de eventos (seminarios, congresos, xornadas, etc.), así como a presentación de relatorios, comunicacións e outros nos cales se traten temas directamente relacionados coa actividade obxecto do convenio.

l) Colaborar coa Administración na investigación, estudo e desenvolvemento de programas relacionados coa delincuencia xuvenil en Galicia.

m) Incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia.

Quinta. Compromisos económicos e forma de pagamento e xustificación

A entidade ... percibirá da Consellería de Política Social con cargo aos orzamentos aprobados para estes fins unha compensación polos gastos en que incorra no desenvolvemento do convenio de ... euros, ata que en ningún caso supón un beneficio económico para a entidade conveniada.

A dita compensación será satisfeita por meses vencidos, logo da xustificación dos gastos mediante a factura correspondente.

Para o aboamento da compensación, a entidade colaboradora presentará á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que levou a cabo a actividade conveniada, os seguintes documentos:

a) A factura correspondente conforme o establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

As facturas presentaranse a través do punto xeral de entrada do Sistema electrónico de facturación da Comunidade Autónoma de Galicia. O acceso ao dito Punto xeral de entrada é a través da seguinte URL: http://conselleriadefacenda.es/factura.

b) Certificado da entidade onde conste o persoal que leva a cabo a actividade ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando o nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato e dedicación horaria. Na dita relación deben constar as datas de alta e baixa do persoal producidas no dito mes.

c) Copia dos TC1 e TC2 da Seguridade Social.

d) Folla de atención mensual, asinada pola persoa responsable do CIEMA Coruña, onde constarán todas as persoas menores que estiveron executando unha medida no período facturado, especificando: nome e apelidos, data de nacemento, expediente xudicial, data de ingreso, data de fin de medida e movemento (permanencia, alta ou baixa).

Sexta. Información básica en materia de protección de datos de carácter persoal

As partes asinantes virán obrigadas en materia de protección de datos a cumprir co Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), a Lei orgánica 5/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais disposicións vixentes sobre a materia, adoptando as medidas que resulten necesarias para cumprir as súas previsións e, en particular, para garantir a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, tratamentos ou accesos non autorizados.

A Consellería de Política Social, como responsable do tratamento, e a entidade ..., como encargada do tratamento, comprométense a gardar a máis absoluta confidencialidade respecto a calquera das informacións, ata datos e documentación de carácter persoal a que teñan acceso en virtude do presente convenio.

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento sen que poida utilizarse para usos diferentes aos previstos nel.

O tratamento de datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público, conforme a normativa recollida na ficha de procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundarse no consentimento das persoas interesadas.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a execución do dito convenio ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A entidade ..., que levará cabo a execución das medidas non privativas de liberdade na provincia da Coruña, como encargada do tratamento, tratará os datos coas finalidades e os usos exclusivamente precisos para a execución deste convenio, polo que non poderán ser usados para un fin distinto.

As partes comprométense, así mesmo, a non efectuar nin usos nin cesións non autorizados de datos persoais recollidos en aplicación do presente convenio. A entidade ... comprométese a non facilitar nin divulgar datos subministrados sen o consentimento previo do/da titular/es dos datos.

Os empregados da entidade seleccionada deberán asinar coa entidade ... un pacto de confidencialidade. Esta entidade, na súa condición de encargada do tratamento, garantirá a implantación das medidas de seguridade correspondentes ao tipo de datos tratados, de acordo co establecido no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a Lei orgánica 15/1999.

No caso de que a dita entidade, na súa condición de encargada do tratamento, destine os datos a outra finalidade distinta da derivada da natureza do convenio, os comunique ou utilice, será considerado tamén responsable do tratamento, e responderá das infraccións en que incorra persoalmente. Non obstante, non incorrerá en responsabilidade cando, despois de indicación expresa do responsable do tratamento, comunique os datos a un terceiro designado por aquel, que terá a consideración de encargado do tratamento.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Sétima. Comisión mixta de seguimento

De acordo coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, constituirase unha comisión mixta para o seguimento do presente convenio a que serán sometidas todas as cuestións derivadas do seu desenvolvemento e que non fosen recollidas nel ademais de, con carácter previo, aquelas que impliquen desconformidade por algunha das partes asinantes.

Esta comisión está composta por:

O representante legal da entidade ou persoa que a supla.

A persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica ou persoa que a supla.

Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da dirección xeral con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica.

A propia comisión acordará o seu calendario de reunións.

Oitava. Vixencia e posibles prórrogas

O convenio que se subscriba ao abeiro do presente procedemento producirá efectos desde o 1 de xuño de 2020 ata o 31 de maio de 2022 e poderá prorrogase por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos, de acordo co establecido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, todo iso condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos exercicios correspondentes.

No caso de que non se prorrogue o convenio por causas imputables á entidade conveniada, esta debe continuar coa actividade que viña desenvolvendo mentres a Administración non formalice un novo convenio con outra entidade.

Novena. Modificación do convenio

Cando xurdan circunstancias concretas, debidamente xustificadas, que alteren as condicións establecidas no convenio de colaboración, poderá formalizarse unha modificación ao convenio de colaboración que requirirá acordo unánime das partes asinantes, logo dos trámites legais exixidos.

Décima. Causas de extinción

Serán causas de resolución do presente convenio as seguintes:

1. Expiración do prazo de vixencia.

2. Mutuo acordo das partes outorgantes.

3. O incumprimento dos compromisos e cláusulas do convenio.

4. Imposibilidade sobrevida do obxecto do convenio.

Décimo primeira. Natureza xurídica e cuestións litixiosas

O presente convenio terá carácter administrativo e rexerase polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, polo establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para resolver as lagoas e dúbidas que se puidesen presentar.

A Administración gozará de todas as prerrogativas inherentes á natureza administrativa do convenio á hora de interpretar, modificar ou resolver as lagoas ou dúbidas que puideren presentarse.

Correspóndelle á Consellería de Política Social a resolución de cantas cuestións litixiosas xurdan sobre a interpretación, modificación ou efectos do convenio, poñendo os seus acordos fin á vía administrativa, e cabe contra eles recurso contencioso-administrativo segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, contra os actos da Administración poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ao abeiro do establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Décimo segunda. Publicidade do convenio

Este convenio será obxecto de publicidade de acordo co previsto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, incluirase no Rexistro Público de Convenios, de conformidade co Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

As partes asinantes do convenio manifestan o seu consentimento para que os datos persoais que constan neste convenio, así como o resto das especificacións contidas nel, poidan ser publicados no Portal de transparencia e goberno aberto.

En proba de conformidade con canto antecede, ambas as partes asinan o presente convenio de colaboración, por duplicado, no lugar e data expresados.

A conselleira de Política Social
...

O responsable da entidade
...

missing image file
missing image file